Cristo Rei 2013

UN REINADO CONTRACORRENTE: PAZ, XUSTIZA E AMOR. UNHA APOSTA DESDE O CORAZÓN PARA A VIDA

PÓRTICO


Cristo Rei
Bos días!. Que se alegren as persoas pobres, as sinxelas, a xente de bo corazón, as persoas inmigrantes, as que teñen o carisma das bágoas, as que berran liberdade, as que non foron amadas nin bicadas suficientemente, as que deron amor sen preguntar, as limpas de corazón..... Porque chega un ceo novo e unha terra nova, na que Xesús será rei e onde reinará a misericordia, a xustiza, a beleza, a honradez, o perdón, a amizade e o amor.... Esta é a esperanza, grande pero crible, coa que vivimos e, sobre todo, actuamos.

Porque cando Deus non é algo afastado e abstracto, senón alguén que sabe acompañar vidas, proxectos e tamén fracasos, a fe deixa de ser un costume para converterse en forza, alento e vida. Esta é a fe pola que loitou Xesús. Hoxe vímola compartir. Por iso podemos dicir sinceramente: Que ledicia a miña xa están os meus pés, pisando os vieiros da casa de Deus!.

O PERDÓN

  • Para que o teu reinado non sexa unha palabra, senón unha actitude ante a vida, SEÑOR, ACOMPÁÑANOS NO CAMIÑO.
  • Para que o teu reinado nos axude a superar a tentación do posuír sobre o compartir, CRISTO, ACOMPÁÑANOS NO CAMIÑO.
  • Para que o teu reinado nos leve a mirar aos ollos a quen nos necesite, e non a darlles as costas aos  seus problemas, CRISTO, ACOMPÁÑANOS NO CAMIÑO.
REMUÍÑO
¨      A unción é un sinal que pon de manifesto que a persoa que a recibe é única, distinta, especial. Un elixido. O día do noso bautismo, tod@s nós fomos unxid@s, a través das mans do sacerdote, por Cristo. Este sinal, aparentemente tan insignificante, encerra toda a forza de que se é escollido para unha gran misión. Unha misión que ha desenvolver como resposta á chamada recibida. Isto mesmo foi o que nós recibimos cando nos bautizaron: unha misión. E coma toda misión, temos que ir respondendo a ela, desenvolvéndoa en cada unha das cousas que fagamos.No noso ir facendo, actuando, comprometéndonos… traballando, estamos respondendo á misión recibida no bautismo e facéndonos construtores do reinado de Deus. Por iso a celebración de hoxe ten tanto significado para nós os bautizados, pois é un momento para revisar e preguntarnos como imos respondendo a este envío recibido o día do noso bautismo, e alimentado logo ao longo dos anos na Eucaristía, a Confirmación, a catequese ou a formación. Na resposta que deamos, estará a nosa coherencia ou incoherencia como construtores do reinado de Deus e testemuñas da súa mensaxe. A unción ponnos nun camiño que teremos que ir percorrendo, tendendo a man e expresando que Deus non é unha idea, senón un compromiso, unha esixencia, unha resposta diante das moitas maneiras de vivir e de estar no mundo. Por iso vimos ledos á casa do Señor.

¨      Paulo, que tivera un experiencia fonda e forte de encontro coa mensaxe e o proxecto de Xesús -o seu cambio radical de vida foi tan manifesto que pasou de perseguidor dos cristiáns a perseguido por ser cristián–, quere transmitirlles aos colosenses que atoparse con Cristo non é un acto social nin unha moda que pasa co tempo, senón un esforzarse continuamente por camiñar no amor. E non se pode camiñar no amor se o que facemos desde o día a día das nosas vidas é todo o contrario: calamos diante de comportamentos corruptos, xustificamos a violencia e aos violentos, somos inxustos á hora de relacionarnos e tratar cos demais, permitimos e transiximos palabras e actuacións que feren ás persoas, especialmente aos máis débiles e esquecid@s ... se estes son comportamentos e maneiras de facer as cousas pola nosa parte, dificilmente poderemos dicir que queremos ser e vivir no reinado de Deus. Se o amor, a xustiza e mais a paz non van marcando a nosa vida ,o percorrido de cada día non só non podemos dicir que somos construtores do reinado de Deus, senón que tampouco podemos chamarnos nin mostrar a dignidade que nos dá ser seguidores de Xesús. Ser cristiáns non é un nome que nos puxeron cando eramos pequenos, senón un xeito de vivir, traballar e facer do mundo a casa de tod@s. E iso só podemos facelo se de verdade temos entendido o que significa a palabra amor.

¨      Camiñar deste xeito é o que fará posible que o Señor se lembre de quen somos e do que fixemos na tardiña baixa das nosas vidas. Como cantamos moitas veces: se lle demos comida ao famento, se ao sedento demos de beber … se nos máis pequenos e pobres fomos capaces de atopar ao Señor Xesús. Esta é a nosa tarefa, a tarefa de tod@s. Se o facemos así, non é que o Señor se lembre de nós cando cheguemos ao seu reino, senón que nos teremos convertido en construtores do seu Reino no aquí e agora da vida de cada un de nós. El non vai esperar ao final, senón que camiña ao noso lado desde o primeiro momento...o que pasa é que moitas veces, ao andar tan atarefados, non temos sido capaces de recoñecelo.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Agradecid@s pola palabra escoitada, e buscando levala á practica da nosa vida de cada día, digamos xunt@s:
QUE A NOSA VIDA SEXA SINAL DO TEU REINADO DE AMOR
Para que no noso traballo de cada día teñamos sempre presente que a Igrexa somos tod@s nós, e que a nosa tarefa é dar razón do teu reinado de paz, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA SINAL DO TEU REINADO DE AMOR
Para que nas nosas parroquias non convertamos o reinado de Deus en palabras baleiras e afastadas dos xestos que nos achegan aos demais e nos axudan a descubrir que temos que ser construtores de xustiza, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA SINAL DO TEU REINADO DE AMOR
Para que non fagamos nunca dos nosos comportamentos rutina e costume, esquecendo que sempre teñen que ser e expresar convicción, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA SINAL DO TEU REINADO DE AMOR
Sabendo que estás sempre ao noso carón, e nos invitas a poñer o cimento das nosas conviccións no amor aos demais, e non na fidelidade aos ritos, unímonos, Señor, para compartir agradecid@s este momento de oración comunitaria. P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN

O orgullo de sermos cristiáns e cristiás:

- o orgullo de ter por Deus a un home que foi asasinado por denunciar aos hipócritas e por facerlle ben á xente

- o orgullo de ter por libro sagrado un que ten como protagonistas a pescadores, publicanos, tollidos, inmigrantes, boa xente, amigos e amigas.

- o orgullo de ter como moral as benaventuranzas e como teoloxía o Noso Pai

- o orgullo de saber que os primeiros no Reino van ser os que vivan coa inocencia, a ledicia e a capacidade de asombro dos nenos.

- o orgullo de ter tido coma irmáns ao longo da historia a Paulo, Francisco de Asís, Clara, Tareixa de Calcuta e Xoán XXIII entre outros.

- o orgullo de seguir sendo hoxe, teimosamente, defensores da utopía dun mundo de irmáns e irmás

- o orgullo de ir atopando por todos os sitios pequenas comunidades que viven o evanxeo

- o orgullo de poder chamarlle cristiá a moita xente boa, que consume a súa vida traballando coas persoas abandonadas da sociedade.

- o orgullo de saber que un día Deus enxergará as bágoas dos nosos ollos.

(José Luis Cortés. El ciclo C. páx. 246-7)

CANTOS

·         ENTRADA: Que ledicia a miña

·         LECTURAS: Veña o teu Reino

·         OFERTORIO: Eu soñei

·         COMUÑÓN: Xesús chamado amigo


 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Propostas para o Domingo 25 TO B

Trindade 2019 C

3 domingo Pascua 2019