Ir al contenido principal

6 Domingo TO A

EQUIVOCARSE OU ACERTAR: UN RETO QUE SÓ SE PODE ACADAR DESDE A LIBERDADE

ESCOITA ACTIVA

A todos nos custa en moitas ocasións tomar decisións. E isto é así porque sabemos que a liberdade ten sempre dous camiños: acertar ou equivocarse. Se acertamos, sentímonos contentos coa decisión tomada; pero se nos equivocamos comezamos a sentírmonos mal ao ser conscientes de non ter tomado a decisión correcta. De tódolos xeitos, só quen elixe e decide pode equivocarse. Quen se esconde detrás do que din os outros e da obediencia cega e submisa nin crece nin madura, senón que vivirá sempre no infantilismo e na minoría de idade...inda que teña unha manchea de anos.
A palabra de Deus invítanos hoxe a reflexionar sobre a liberdade: tarefa e don para cada un e cada unha de nós. Só se facemos da vida un camiño por crecer e madurar en liberdade, conseguiremos responder á invitación de Xesús de superar rutinas e modos vellos, para comezar a camiñar na vivencia dunha fe que nos anima, aleda e nos fai sentir sempre como persoas libres e con criterio, sen caer na fácil tentación de atribuírlle ao destino o que só é froito das nosas decisións.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

* Dános, Señor, azos para actuar con liberdade á hora de tomar decisións, SEÑOR, GRAZAS POR CREARNOS LIBRES.
* Dános, Cristo, capacidade para non deixarnos guiar polo que di o que máis berra ou máis poder ten, CRISTO, GRAZAS POR CREARNOS LIBRES.
* Dános, Señor, criterio para tomar decisións maduras que nos axuden a crecer como persoas, SEÑOR, GRAZAS POR CREARNOS LIBRES.

PALABRA ENRAIZADA


* A liberdade, sendo tarefa e don para todos nós, é o elemento fundamental que nos define como persoas. Se non somos libres quedamos reducidos a simples cousas, podendo facer con nós o que lle pete a quen ten poder ou autoridade. Pero como as persoas somos libres, a tentación de dominar e someter aos demais ata convertelos en escravos ao noso servizo afástanos destes comportamentos. Porén, as persoas, e fundamentalmente os cristiáns, temos como esixencia loitar contra calquera intento, noso ou doutros, de mandar e someter aos demais a todo canto nós queiramos. O escravismo físico, tristemente, durou demasiados séculos; pero o escravismos moral segue na mente e no actuar de moitas persoas que se cren no dereito de impoñer os
seus criterios sen respectar nin ás outras persoas nin o que esas outras persoas pensan ou cren. E a isto non escapa ninguén dos estamentos que conforman a nosa sociedade: políticos, económicos, culturais, empresariais… e mesmo os relixiosos. Hai persoas que parece que non se senten tales se non son capaces de reducir á nada a aqueles que “consideran inferiores”. Dicimos consideran, porque realmente non o son: Deus, en quen cremos e confiamos para ir facendo do mundo casa e fogar común de acollida, créanos libres e con capacidade de desenvolver ideas, proxectos, ilusións ou esperanzas, e esa capacidade non pode ser nin secuestrada nin sometida polo poder de ninguén. De aí o importante que é sempre actuar en conciencia, segundo as propias conviccións, sen deixarse manipular nin mangonear por ninguén. É verdade que isto non é sempre doado, que moitas veces supón enfrontarse ao poder. Pero non é menos verdade que canto poidamos e consigamos facer para salvagardar a nosa dignidade, creada libre, redundará en beneficio da nosa propia vida e da dos que veñen tras de nós. Cómo senón foi avanzando a sociedade ao longo destes anos?. O esforzo -mesmo pagado coa súa propia vida-, de tantas persoas que non deixaron que lle secuestraran a súa liberdade, foi abrindo camiño para as xeracións que viñamos detrás. Pois a esa mesma tarefa e esforzo estamos hoxe chamados nós. A lectura do libro do Eclesiástico non fai máis que lembrarnos algo que tiña que estar gravado a ferro, como sinal imborrable, nas nosas vidas, no noso corazón e no noso pensamento: somos libres, e ninguén, por moito que se esforce, e inda que aparente ou externamente o pareza, interiormente ninguén nos poderá negar nin quitar a liberdade. O “se queres” ao que nos chama indícanos que a capacidade de elixir, escoller e optar está en nós, e non podemos nin delegala nin vendela a quen mellor pague ou máis ofreza, como tantas veces se ten feito no nome de beneficios ou prebendas. Claro que para poder facer esa elección necesitamos tempo de reflexión e elenco de valores desde os que ir crecendo, educándonos e formándonos. Da nada, nada ben; polo que a educación é o único camiño a través do que imos crecendo, aprendendo e descubrindo que nin todo é igual nin todo vale. Hai situacións, comportamentos e decisións,que por moi rendibles que nos poidan parecer, non son máis que un xeito de secuestrar a nosa liberdade e de incapacitarnos para poder actuar desde ela.
* E a prestarlle atención a este xeito de írmonos facendo, é ao que nos chama tamén Paulo na carta que lles escribe aos corintios. A sabedoría de Deus, que é sabedoría de fraternidade, diálogo, encontro, escoita … misericordia, é a que mellor nos axuda a entender que esa liberdade que posuímos é liberdade para construír ben común, solidariedade, participación, paz, igualdade... e sempre desde o amor. Un amor que todo o abrangue e no que estamos invitados a camiñar. Pero atención, cando falamos do amor de Deus, non estamos a referirnos a ese sentimento que paraliza a razón e moitas veces non deixa que actuemos con criterio e capacidade de discernimento; non, o amor ao que nos chama sempre e nos invita desde o noso día a día Deus, é o amor que posibilita recoñecer ao que temos ó noso carón como irmán, a quen está lonxe como igual, e a cantos formamos parte do que chamamos mundo como colaboradores do seu plan; un plan que non xustifica nin a degradación nin a inxustiza. Ser persoas libres esíxenos poñelo de manifesto en cada momento cos nosos comportamentos e coas nosas accións; sendo este unha esixencia, un principio irrenunciable para quen se quere chamar cristián, e polo tanto, testemuña de Xesús a través do seu actuar.
* Non son logo de estrañar as antíteses -contraposicións- que nos presenta Xesús no evanxeo de hoxe. Fronte ao tantas veces repetido “díxosevos”; é dicir: este é así, aquel deste outro xeito; isto fíxose sempre, aquilo non se pode cambiar; isto hai que dicilo
deste xeito, aquilo supón isto outro… Xesús rompe con costumes e normas para volver recalcar que só se somos capaces de mostrarnos e de actuar con liberdade entenderemos a súa mensaxe e descubriremos o que significa levar aos noso beizos a palabra, hoxe tan devaluada, irmán. Fronte a esta visión estática e rutinaria das cousas, proponnos El o, “pero eu dígovos”, o que nos chama a ser creativos, dialogantes, misericordiosos, dinámicos, esperanzados e sempre dispostos a ver a realidade desde as moitas caras que a conforman, e non soamente a que nos pensamos que é única. Na pluralidade á que nos chama Xesús constrúese a liberdade de cantos formamos parte deste mundo.... que moitas veces non nos gusta, pero que entre todos temos que ir sacando adiante e mellorando.

FRATERNIDADE ORANTE


Porque nos creaches libres e con capacidade para tomar decisións sen sentírmonos presionados, agradecémolo dicindo xunt@s:
SEÑOR, QUE FAGAMOS DAS NOSAS DECISIÓNS CAMIÑOS PARA SER FELICES
* Grazas, Señor, por propoñernos sempre camiños que nos levan a atoparnos cos irmáns tendéndolles as mans para facer en liberdade proxectos que nos leven a loitar contra todo canto empobrece e oprime, OREMOS.

SEÑOR, QUE FAGAMOS DAS NOSAS DECISIÓNS CAMIÑOS PARA SER FELICES
* Grazas, Señor, porque segues a confiar en nós dándonos a capacidade de elixir e optar por canto fai que nos atopemos coas persoas que seguen a crer e confiar no ser humano, OREMOS.

SEÑOR, QUE FAGAMOS DAS NOSAS DECISIÓNS CAMIÑOS PARA SER FELICES
* Grazas, Señor, porque nos axudas a tomar conciencia das nosas limitacións, facéndonos caer na conta de que ser libres non é facer o que un quere, senón canto nos leva a crecer como persoas e a madurar no respecto e igualdade de uns para cos outros, OREMOS.

SEÑOR, QUE FAGAMOS DAS NOSAS DECISIÓNS CAMIÑOS PARA SER FELICES
Señor,porque confiamos en ti e na capacidade que nos deches de ser libres, agradecemos poder compartir esta oración comunitaria reuníndonos no teu nome e chamándonos a non deixarnos levar pola tentación do cómodo e fácil. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA

Señor, danos forza
para soportar as adversidades,
para non fraquear na loita,
para non crer ter chegado e sabelo todo.
Danos forza
para aprender sempre dos demais,
para crer, buscar e traballar pola verdade,
para acompañar sen descanso.
Danos forza para vivir con sentido, sen medos,
para vivir como pensamos,
para pensar como vivimos.
Danos forza
para cambiar o noso camiño se nos fai falla cambiar,
para non cambiar de camiño, se non nos fai falla cambiar,
para abrir novos camiños, se fai falla abrilos.
Danos forza
para dicir o que cremos,
para crer o que pensamos,
para darlle a man ao outro.
Danos forza para vivir como paga a pena vivir:
sen medos e dando a vida, que é tempo, esforzo, traballo e compaña.

CANTO GOZOSO

* ENTRADA: Temos unha festa
* LECTURAS: O Señor é o meu pastor
* OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas
* COMUÑÓN: Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...