Ir al contenido principal

18 Domingo TO A

DEUS NON FALLA: EN TEMPOS DE ESCASEZA SEGUE A OFRECERNOS A SÚA COMPAÑA E O SEU XANTAR: “VINDE E COMEDE”

ESCOITA ACTIVA
Man aberta e comida son palabras que hoxe están bastante en crise. Cando hai moito é fácil dar do que sobra a mans cheas; porén, cando as cousas veñen dadas é de valorar que siga a haber xente que coa súa man aberta ofrece do que ten. Esta podería ser a imaxe que nos axudara a entender e nos motivara a participar na celebración de hoxe. Deus non só non retira a súa man, senón que, se cabe, ábrea moito máis para a través dela ofrecernos a comida da solidariedade e do amor. Porque.... que están a ser senón todas as mans abertas das persoas que dedican os seus medios e o seu tempo a compartir o que teñen para que outros poidan comer cada día, pagar os seus recibos de luz ou o seu aluguer?. Daquela, que mellor que reunirnos para dar grazas a ese Deus que a través da súa palabra vai conformando esa forma de ser que chamamos vida cristiá, Evanxeo, para que o entendamos con máis claridade.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Polas veces nas que non fomos capaces de achegarnos a quen nos precisaba, abríndolle a nosa man para que puidese comer, SEÑOR, QUE NON NOS APARTEMOS DO TEU AMOR.
û  Porque en momentos de fartura estragabamos, e agora en momentos de crise botamos en falta, CRISTO, QUE NON NOS APARTEMOS DO TEU AMOR.
û  Pola pouca atención que temos prestado ao valor de ser austeros e xenerosos, SEÑOR, QUE NON NOS APARTEMOS DO TEU AMOR.
PALABRA ENRAIZADA
*        Na cultura xudía, a invitación a comer era sinal de acollida e confianza. Cando un estranxeiro chegaba, o primeiro que se lle ofrecía era o pan e o sal como mostra de que era acollido coma un deles. Este xesto tan expresivo e importante naquela cultura, tamén o foi na nosa durante moito tempo. Porén, agora, estamos a ver a desconfianza, o individualismo, a ruptura do sentido social e comunitario como froitos do que o capitalismo (a base de insistir no ter e posuír fronte ao ser e compartir, e de considerarnos efectos colaterais para conseguir os seus obxectivos, pero non persoas posuidoras da mesma dignidade) ten conseguido que creamos. E estes perniciosos efectos do capitalismo están xa tan metidos no noso subconsciente que falar de compartir, posuír, e mesmo dar vén sendo, para moitos, case coma un pecado que hai que evitar. As consecuencias de todo isto estámolas a ver. Non fai falla ter unha vista moi boa para darnos conta de que persoas que ata hai ben pouco nada botaban en falta, hoxe non teñen moitas veces que levar á boca. Que os avós, aos que non se lles facía moito caso, son agora, por mor da súa pensión, os que dan o que teñen a fillos e netos de xeito agradecido...mesmo sabendo que se a situación fose outra, volverían ser os primeiros esquecidos. A invitación da lectura de Isaías a compartir o pan é valor que se fai hoxe realidade desde a fidelidade aos valores que o Deus cristián vén invitando a poñer en práctica ao longo dos tempos, en situacións sociais e económicas diversas. Porque ese Deus amor e misericordia, unha e outra vez, ten insistido e tennos invitado a abrir a man sen medo non para crear violencia, senón para achegar persoas e corazón, e ofrecer ata saciar os favores do amor. Só un Deus que é amor pode ter uns seguidores que saben facer desa palabra vida e solidariedade. Un amor impregnado de xustiza e que non se conforma co discurso retórico dos que mandan, senón que busca a fraternidade en quen o necesita. Por iso nunca, coma o profeta, cansaremos de dicir: “vinde e comede”. Sen excluír, e sempre agarimando.

*        E se de verdade tomamos esta palabra en serio e nos esforzamos por traducila á nosa vida en forma de accións  e comportamentos, este amor vai asentándose sobre uns cimentos tan fortes que, por moi forte que sexa o trebón, non os vai derrubar. Como senón entender o esforzo de tantas persoas que arriscan vidas e poñen tempo e ledicia para entregarse aos demais, sen esperar nada material como recompensa?. A resposta atopámola nas palabras que Paulo lle escribía aos romanos: “o amor de Cristo”. Nesta seguridade nada nos vai apartar dese corazón solidario e sempre disposto a expresar a tenrura de Deus cos irmáns. Un amor farturento que non se deixa vencer pola desesperanza; un amor que non xulga nin condena, senón que busca tender mans en proxectos comúns e que benefician a todos; un amor sempre disposto a non conformarse co sometemento e a submisión, senón que busca a liberación das situacións sociais para que as persoas poidamos ser real e autenticamente libres. Nunha palabra, un amor que non se esgota nin nun contacto físico nin tampouco na elocuencia dun discurso ben construído, senón que se expresa e mostra na coherencia dunha vida e na capacidade de mirar aos ollos, sen a mala conciencia de estar xogando coas vidas e a dignidade de quen non o deixan ser protagonista da súa propia vida. E ese amor só provén dunha fonte: o manancial que nos ofrece Xesús.

*        Desde hai dous mil anos, nós coidamos que toda esta riqueza que nos ofrece o amor de Xesús vaise mostrando na vida da Igrexa a través das súas comunidades, das accións e compromisos dos que nos chamamos crentes. Unha Igrexa que sempre é sinal de contradición, pois diante de moitas iniciativas e proxectos realizados dese amor, aparecen tamén as antíteses producidas polo pecado dos que mesmo se chaman e consideran seguidores do Deus amor, o que fai que a imaxe que deamos como Igrexa sexa todo o contrario á do Evanxeo. Non estaría de máis que nos preguntaramos cal está sendo a nosa actitude, e como imos respondendo, como Igrexa que conformamos, á tarefa de sermos construtores do Reino de Deus alí onde estamos. O “comeron ata fartar” do que nos fala o Evanxeo é tamén para nós unha chamada a que nestes tempos difíciles non deixemos de lado a preocupación polos demais; a  que non esquezamos que a fe cristiá non é unha fe que se reza, senón un seguimento que se vive coas nosas actitudes e as nosas accións. Unhas actitudes que han verse desde os nosos comportamentos. Ser alimento para os outros é ser pan compartido e repartido. Pan físico e material; pero tamén pan de ter a capacidade de escoitar a quen o necesite ou de acompañar a quen nolo pida. E non esquezamos que neste momento non só hai escaseza de pan de trigo..., hai outras moitas escasezas que nós podemos axudar a fartar.
FRATERNIDADE ORANTE
Deus hoxe ofrécesenos como pan que cura as fames que non se van de nós: fame de paz, fame de sentírmonos queridos, fame de xustiza. Pidámoslle ao Señor que nunca deixe de alimentarnos dicindo:
SEÑOR, CURA TI A NOSA FAME DE XUSTIZA
*    Señor, que saibamos ser unha Igrexa preocupada non por crear fames senón fartura: fartura de amor, de xustiza e mais paz, OREMOS.
SEÑOR, CURA TI A NOSA FAME DE XUSTIZA
*    Señor, que sexamos unha comunidade sempre atenta a non deixar que ningún dos nosos veciños sufra a falta de alimento, OREMOS.
SEÑOR, CURA TI A NOSA FAME DE XUSTIZA
*    Señor, que saibamos facer da nosa vida un recanto no que poidamos ofrecer e compartir as actitudes do Evanxeo que nos chaman a vivilo con alegría e sempre buscando o diálogo con quen pensa distinto a nós ou non nos comprende, OREMOS.
SEÑOR, CURA TI A NOSA FAME DE XUSTIZA
Grazas, Señor, por abrirnos os ollos nun mundo tan cheo de fame, e tan escaso de amor solidario. P.X.N.S.Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Quen fará xustiza ao oprimido?
Quen resolverá con rectitude
a favor do pobo abandonado?.
Señor, ti es tenrura e suavidade,
e o teu corazón sabe comprender
as penas dos humildes.
Lémbrate do teu amor
e endereita aos que xa abanean polo camiño,
porque ti es o noso Salvador
por séculos de séculos.
CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Non vou só
  • LECTURAS: Ti es o pan do ceo
  • OFERTORIO: Pan do ceo, pan de vida
  • COMUÑÓN: No colo da miña nai 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...