QUE FIXECHES CO TEU IRMÁN?. DE XÉNESE 4,9 A MATEU 25,31
Descarga o ficheiro
ESCOITA ACTIVA
De
Caín a Xesús. Nesta dobre dirección témonos movido as persoas ao longo dos
séculos. Si. Desde Caín temos sido violentos, insolidarios, inxustos, egoístas,
soberbios, excluíntes... pois en Caín reflíctese toda a capacidade que temos de
facer/nos mal uns aos outros. Porén en Mateu 25, Xesús preséntanos o
contrapunto: a solidariedade, o servizo, a entrega, a capacidade de sentir a
paixón pola outra persoa, irmá nosa.
O que marca a diferenza entre un ou
outro xeito de ser e estar no mundo é a nosa capacidade, ou non, de permitir
que Xesús e a súa mensaxe entren no noso corazón. Con El e desde El a vida ten
outra perspectiva. E que mellor preguntárnolo hoxe, no día no que celebramos o
seu nacemento. Por quen optamos: por Caín ou por Xesús?. En nós, na nosa liberdade,
está a escolla. Abramos portas e rompamos candados que nos escravizan e pechan
a sentir a cercanía dos irmáns e das irmás.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
- Porque inda que Ti te achegas
facéndote un coma nós, seguimos provocando desencontros e marcando distancias
uns para cos outros, SEÑOR, QUE TE
DEIXEMOS NACER NO NOSO CORAZÓN.
- Porque o que dicimos coa lingua
non queremos sentilo e vivilo co corazón, CRISTO, QUE TE DEIXEMOS NACER NO NOSO CORAZÓN.
- Porque namentres a túa
misericordia nos abriu un camiño de sentido e salvación, nós seguimos
apegados ás nosas insolidariedades e ás nosas cobizas materialistas, SEÑOR, QUE TE DEIXEMOS NACER NO NOSO CORAZÓN.
PALABRA ENRAIZADA
*
Isaísas
no texto que lemos na primeira lectura dinos que o nacemento dun neno cambiará
a tebra en luz; dándolle sentido e horizonte á vida dos seres humanos. O “algo
novo” que ía agromar xa chegou: Deus está con nós. Chegou a liberación, a forza
para non deixarse ir na rutina do “sempre foi así e non se pode facer nada”. A
opresión, desde Aquel que hoxe chegou a nós, pode ser vencida. O destino non
existe, somos libres e decidimos. Non enfrontándonos e matando aos que oprimen,
senón poñendo en valor a xustiza e a verdade. “Hoxe naceunos un neno” cantamos
nas panxoliñas. Si, naceu. Pero con El chegou algo máis: a nosa autonomía, a
nosa maioría de idade, a nosa liberdade para decidir, optar e elixir. Ninguén
nos dirixe coma se foramos monicreques. A súa chegada dálle un sentido radical
e humanizador á nosa, ás nosas vidas. E isto chéganos cimentado sobre o dereito
e a xustiza; é dicir a igualdade e a inclusión. A porta está aberta. Non
volvamos pechala.
*
Coa súa chegada acollemos en nós o
gran sacramento. Non un rito, senón o encontro pleno e gozoso con aquel que se
quixo facer un de nós, un coma nós. Un dos nosos. Xa está aquí. Un estar que é
para tod@s, sen deixar a ninguén fóra. Un aquí que hai que vivir. Non se
estuda,vívese. por iso a fe é sempre tarefa, esforzo e agradecemento. Neste día
de festa en toda a Igrexa, esforcémonos por vivir a ledicia do Evanxeo que nos
abre o nacemento de Xesús. Gloria ao Señor nas alturas; hoxe naceu un neniño,
pobre a para os empobrecidos, por iso cremos na esperanza.
*
Lucas nárranos o nacemento de Xesús. Faino
de xeito sinxelo e sobrio. Non había onde quedar e non houbo máis remedio que
acubillarse no sitio onde menos se esperaba que nacese o Salvador: nun
cortello. Toda unha imaxe do significado deste nacemento!. Pobre e para os
pobres. O contrapunto do que logo foi sendo a Igrexa: boato e barroquismo, rica
e para ricos. Diante desta deriva eclesial, o nacemento de Xesús quere ser unha
chamada a pararnos e facer revisión para que a Igrexa sexa verdadeiramente
testemuña non de ritos e costumes, senón dunha actitude –sobre isto insiste unha
e outra vez o Papa Francisco–. El viu para tod@s, non fai exclusións; pero os
preferidos sempre foron os máis pobres e empobrecidos; non por unha opción
ideolóxica, senón desde unha opción a prol dos que máis necesitan de calor e
humanidade, de tenrura e acubillo. Son os abandonados e esquecid@s; os que
resultan insignificantes para quen reduce as persoas a números, estatísticas ou
tantos por cento. A opción de Xesús é polos máis débiles. Por iso os que nada teñen
e son pouco considerados –invisibilidade– son os seus preferidos. Pero fronte
ás opcións ideoloxizadas que caen, ben no paternalismo –meus pobres, “que pena
que estean así, imos axudalos”- ben na intolerancia dos que optan polo
enfrontamento de clases -“hai que facer desaparecer aos ricos e opresores“- .O
nacemento de Xesús busca cambiar corazóns e chama á conversión deses corazóns e
das actitudes: traballemos pola humanización sen condenar, perseguir nin
excluír. Aquí nace a verdadeira irmandade!. E iso, é o que hoxe queremos
celebrar.
FRATERNIDADE ORANTE
Movid@s pola forza do Espírito,
acollemos o testemuño de entrega e xenerosidade que nos trae hoxe a encarnación
de Aquel que se fixo un de nós, e dicimos xunt@s:
GRAZAS, PAI, POR AGASALLARNOS CO
TEU FILLO
- Para que os que toman decisións sobre as persoas, saiban facelo dese o servizo e non desde o aproveitamento e a mentira, OREMOS.
GRAZAS, PAI, POR AGASALLARNOS CO
TEU FILLO
- Para que a Igrexa non caia na tentación de ser institución opresiva, senón casa de pan compartido e solidariedade vivida, OREMOS.
GRAZAS, PAI, POR AGASALLARNOS CO
TEU FILLO
- Para que non recuemos nunca diante da defensa de dignidade de tod@s as persoas, fill@s de Deus, OREMOS.
GRAZAS, PAI, POR AGASALLARNOS CO
TEU FILLO
- Para que a nosa participación na celebración abra os nosos ollos á necesidade de ver a realidade desde a denuncia da inxustiza e o traballo a favor dos máis empobrecidos e necesitados, OREMOS.
GRAZAS, PAI, POR AGASALLARNOS CO
TEU FILLO
Grazas, Señor, por espabilarnos e
non deixar que vivamos de xeito mortecino e rutinario a nosa fe. P. X.N.S.
Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Desde que Deus se fixo presenza, o amor converteuse en nome e rostro: Antonio, Xoel, Uxía, María, Pepe...Desde que Deus curou, o ser humano volveuse dignidade e graza.
Desde que Deus acampou entre nós, a nosa dignidade reafirmouse.
Desde que Deus se fixo neno que naceu pobre, @s nen@s pobres convertéronse en sacramento da súa presenza.
Desde que Deus nos cantou a paz, xa non hai inimigo, e os conflitos pasan polo diálogo e non pola violencia.
Desde que Deus naceu en familia, as familias somos berces sagrados de amor e xenerosidade.
Desde que Deus se fixo emigrante, ninguén debe ter nome de extranxeir@.
Desde que Deus dixo:grazas, Pai, a oración é comunicación, agradecemento e vida para compartir nesta casa común que chamamos Igrexa.
CANTO GOZOSO
PANXOLIÑAS
(Ao final da
celebración presentamos ao neno para que cantos queiramos, o recoñezamos como
Aquel que vén para mover os nosos corazóns, para facer do actuar verdadeira
irmandade).
Comentarios