Ir al contenido principal

2 Coresma B

Non sempre é doado o camiño.
Nel atopamos costas, curvas ou rectas que nunca parecen rematar; en todas estas situacións El acompáñanos, porque é un dos nosos: Carne de humanidade
Descarga o ficheiro
SINAL DE CORESMA: Colocamos outras dúas follas de carballo no taboleiro, trazando o pau vertical da cruz.
ESCOITA ACTIVA
Como ben sabemos, os camiños da vida son moitos e ben diferentes. A pluralidade das nosas vidas fai que tamén sexan plurais as formas de ilas construíndo. Deste xeito, o que para uns é axuda, para outros é atranco.A pesares desta variedade, o que non deberiamos esquecer nunca os que nos chamamos cristiáns é que, por moi difícil e duro que sexa o camiño, sabemos cal é o horizonte cara onde imos. É máis, sabemos tamén que non imos solos.
Que o camiño da coresma que temos iniciado nos vaia axudando a deixar atrás dificultades e atrancos, para poder chegar con gozo ao seu remate na Pascua.Solo así, a cruz terá sentido pleno, non de morte e tristura, senón de esperanza e plenitude.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Por queixarnos no canto de poñer esforzo e gañas de superar os atrancos do camiño, SEÑOR, AQUÍ ESTOU PARA FACER A TÚA VONTADE.
  • Porque moitas veces torcemos a vista ante os problemas e dificultades polas que pasan os que están ao noso lado, CRISTO, AQUÍ ESTOU PARA FACER A TÚA VONTADE.
  • Por deixar que a indiferenza nos vaia facendo insensibles nun mundo cheo de dor e violencia, SEÑOR, AQUÍ ESTOU PARA FACER A TÚA VONTADE.


PALABRA ENRAIZADA
·        A figura de Abrahám e o suficientemente significativa como para que dela saquemos o que ben poderían ser actitudes desde as que confrontar a nosa vida. Nel percibimos a súa capacidade de responder -mesmo a unha esixencia tan grande como é a entrega do seu fillo-, á confianza que Deus puxera nel. O seu aquí estou é significativo dun xeito de estar e entender a vida. Unha resposta que non busca xustificación ou escusas, senón que medra e se desenvolve na confianza. Unha confianza que sabe non se vai ver rota nin pola insensibilidade nin pola indiferenza. El confía en Deus -mesmo nunha situación extrema-, e Deus sabe entender e valorar esa confianza de Abrahám. Unha confianza que supón poñelo no límite do que é unha resposta humana ante a decisión radical que ha tomar: renunciar a quen é parte de si mesmo, carne da súa carne, o seu fillo. Con dor; pero non con desconfianza, Abrahám dá un paso cara adiante, a pesares do que iso lle supoña. Pode parecer que Deus é un sádico que goza coa dor daqueles que o confesan e o seguen; todo o contrario: o que se quere mostrar é como cando temos que tomar decisións importantes, fundantes na nosa vida, os valores, os principios, o saber distinguir que cousas son secundarias e cales fundamentais é básico. Que é o que nos guía e enche e que é aquilo do que, por un ben maior, podemos, inda que nos doa, entregalo. Nesta situación atópase Abrahám, e con el moitos a “Abrahams” que no mundo de hoxe loitan e poñen o mellor de si ao servizo do sentido dunha vida que se vai desenvolvendo en proxectos e ilusións que non se quedan no recuncho do beneficio propio, senón que serven para abrir camiño de esperanza e dignidade a tantas persoas ás que con esa renuncia ao propio, supoñen xustiza e amor, recoñecemento, para quen ve pisados os seus dereitos, a súa humanidade.
·        Na xeito de responder de Abrahám móstrase tamén cal é o camiño que queda por diante. Porque as cousas non son nin para o momento nin para un día. Inda que vivimos na cultura do efémero, non é este -non pode selo-, o que marque canto queremos ser e facer coa nosa vida. Nun momento cultural como é este noso, no que para moita xente é difícil darlle continuidade ás cousas que fan, o que os leva a conectar e desconectar, sen continuidade nin coherencia co que fai, na Palabra de Deus que hoxe vimos de escoitar, atopamos unha resposta –que non ten por que ser única- para non deixarnos vencer polo “presentismo” nin pola forza única e exclusiva dos afectos. Crer ofrécenos unha posibilidade de racionalidade diante da opción, suxerinte -non podemos negalo-, da afectividade á que moitas veces lle falta a perspectiva da globalidade. Isto evita converter nun absoluto o que só é un paso ao longo do proceso. Por iso diciamos con convicción:”camiñarei na presenza do Señor”. Unha presenza que non nos quita nin as dificultades nin os problemas; pero si que nos dá a forza de non sabérmonos solos, e de ofrecernos un horizonte de plenitude cara ao que nos invita a camiñar. E entendemos logo por que, desde a realización deste camiño, Paulo faise/nos as preguntas que apuntan a que deamos, persoalmente, resposta desde o que son os cimentos (valores, principios, exixencias...) da nosa vida. Se confiamos en Deus, se imos descubrindo que El vai acompañando as nosas decisións e alentándonos cando estas non son as máis acertadas, entenderemos a razón da Encarnación.O Deus que nos quere e terma de nós, faise un igual e presente entre nós. Xa non hai nin distancia nin separación:está. Non nos dá de costas.A vida do crente é logo unha invitación a facela cristocéntrica, é dicir, a poñer a Cristo no centro daquelas decisión desde as que queremos orientar e dar sentido a nosa vida.
·        Canto vimos dicindo ata o de agora fai que entendamos moito mellor o Evanxeo que acabamos de proclamar. Mellor, que entendamos a reacción de Xesús ante a pretensión dos que estaban ao seu lado de desconectar das dificultades, problemas e tensións que cada día temos que vivir nas nosas familias, nas parroquias, nos traballos... no mundo do que formamos parte. Non podemos escapar de todas estas situacións, ao contrario, a fe invítanos, úrxenos a facerlle fronte, e a non deixar que elas acaben impoñéndose e reducíndonos a ser simples “suxeitos pasivos” do que pasa ao noso redor; ou das decisións que outros toman por nós, como se foramos simples peóns de xadrez que nos moven ao seu antollo. Xesús faille unha chamada de atención aos discípulos, e neles a tod@s nós, para que non deixemos que nos ceguen as cousas efémeras que moitas veces nos fan crer nunha realidade que non é máis ca pura ficción. Que non nos asusten os problemas, ao contrario, busquemos facerlles fronte para que non sexan outros os que tomen as decisións por nós e se aproveiten da nosa inxenuidade.

FRATERNIDADE ORANTE
A forza da oración comunitaria únenos e aléntanos para non sentírmonos solos nin desamparados. Desde esta confianza que sentimos por rezar xunt@s dicimos:
QUE APRENDAMOS A POÑER EN TI A NOSA CONFIANZA
û  Para que nos esforcemos por construír unha Igrexa que sabe superar medos e non renuncia a defender a dignidade das persoas, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A POÑER EN TI A NOSA CONFIANZA
û  Para que este tempo de coresma nos axude a ir espertando do soño que nos fai crer autosuficientes e non necesitad@s da axuda dos demais, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A POÑER EN TI A NOSA CONFIANZA
û  Para que sexamos capaces de poñer a confianza en Deus e a non renunciar aos valores e esixencias que fan da vida das persoas dignidade, respecto e xustiza, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A POÑER EN TI A NOSA CONFIANZA
Acolle Señor, a oración que hoxe compartimos como comunidade que non se deixa vencer polo desánimo nin polas cousas efémeras. P.X.N.S. Amén
MIRADA DE ESPERANZA
Queres cambiar e non tes forzas. Sentes desexos de ser mellor, pero dáche medo que Deus che pida demasiado.Cústache deixar esta vida á que estás apegado.Fala con Deus: Señor, move ti o meu corazón. Quero endereitar os meus pasos –Sal 118,59-. Apártame do camiño falso –Sal 118,29-.Escoita a Deus no fondo do teu corazón. Só El ten a Palabra que te convence. A que pode transformar a túa vida. Eleva a túa alma cara El: Señor, búscote de todo corazón. Non esquecerei as túas palabras. Ti non me abandones – Sal 118,8.10.16-. Coñece ben a túa fraxilidade e a túa inconstancia. Cantas veces quixeches ser mellor. E cantas volviches á mediocridade. Deus non te deixará nunca sen a axuda que necesitas: ensíname a cumprir a túa vontade e a gardala de todo corazón – Sal 118,34-.

CANTO GOZOSO
*       ENTRADA: Camiñarei na presenza do Señor
*       LECTURAS: Aquí estou Señor
*       OFERTORIO: Na nosa terra

*       COMUÑÓN: Eu sei de quen me fiei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...