Ir al contenido principal

12 Domingo TO C 2016


Salvar a vida desde a xenerosidade de quen se achega a tantas persoas que non están no foco desde o que se fai rebumbio social: os políticos, os da lista Forbes, os xogadores de fútbol... senón nas trastendas que non se mostran, pero nas que se sofre, para dicirlles: ”contade comigo”
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
ENTRADA: Vinde axiña, compañeiros (Nº 10)
LECTURAS: Xesús é Señor (Nº 16)
OFERTORIO: Señor Xesús (Nº 52)
COMUÑÓN: Acharte presente na vida (Nº 51)

ESCOITA ACTIVA
Na linguaxe cristiá, poñer a vida a salvo non é sinónimo de covardía, medo, renuncia ou comodidade. Todo o contrario. Cando Xesús fala de poñer a vida a salvo, estanos a invitar a que nos esforcemos por darlle un sentido, por buscar unha razón desde a que pague a pena vivir, descubrir que máis alá do que chama a atención polas luces, cores ou barullo, hai un sentido, unha razón, unha maneira de sentirse a gusto con canto un fai e di. A isto se refire Xesús cando nos chama a poñer a vida a salvo. Non quere que nos metamos dentro dos templos e que pechemos as portas. Tampouco que nos pasemos ao outro extremo e nos fagamos intolerantes e violentos.
Para El salvar a vida significa saír ao encontro dos demais, especialmente de todos eses demais que se senten solos, tristes, esquecidos ou enganados, e dicirlle: aquí estou, aquí me tes, conta comigo, es alguén.
Vendo o que hoxe está a ocorrer no noso mundo cos refuxiados, as mulleres maltratadas, os nenos abusados... non pensades que temos que saír das nosas burbullas para achegarnos a quen nos agardada e dicirlle: grazas por salvarme a vida? Porque a salvación non vai vir do tempo pasado dentro do templo, senón da nosa capacidade para facer lío (lea) a prol da dignidade, igualdade e respecto das persoas, fóra del.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Porque escoitamos palabras; pero non cambiamos o corazón; SEÑOR, QUE A SALVACIÓN PASE POLO ACTUAR HONESTO.
·      Porque facemos da fe dogmas e non achega a quen se sente necesitado de ser escoitado; CRISTO, QUE A SALVACIÓN PASE POLO ACTUAR HONESTO.
·      Porque somos incapaces de entender que Deus quérenos ledos, solidarios e  traballando en común; SEÑOR,QUE A SALVACIÓN PASE POLO ACTUAR HONESTO.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      Os xestos no ámbito do relixioso son moi importantes. Non estamos a falar dunha experiencia que poidamos percibir a través dos sentidos, senón por medio da representación simbólica. Por iso xogan un papel fundamental para axudarnos a comprender o misterio dunha fe acollida, compartida e celebrada. E de xestos falan hoxe os textos da palabra de Deus. Non podía ser doutro xeito se ao que nos estamos a referir é á graza e á salvación, dúas realidades das que falamos e escoitamos dicir moitas veces, pero que non vemos de xeito material, senón que nos referimos a elas poñéndolle a concreción das nosas accións, do noso actuar. Por iso afirmamos que a salvación vaise realizando a medida na que imos descubrindo que os outros, porque son iguais a nós e posúen a mesma dignidade, merecen o maior dos respectos. E contribuímos a desenvolver o proxecto de salvación de Deus cada vez que nos paramos a escoitar a quen necesita falar, cada vez que non permanecemos calados cando alguén é agredido ou tratado con violencia ou cando á alguén non se lle recoñecen os mesmos dereitos que pedimos para nós ou xustificamos calquera tipo de comportamento que supoña non recoñecelo coma irmán. Acoller a salvación supón poñer á persoa, coma nós imaxe e semellanza de Deus, como referencia á hora de comportarnos e tratarnos. E a graza de Deus iremos entendendo que significa na medida que nos vaiamos sentindo a gusto co que facemos e realizamos, na mesma medida que nos descubrimos libres, responsables e vivindo, non illadamente, senón como pobo, como comunidade, compartindo a identidade común de ser fill@s de Deus.
*      Isto é posible para os que nos chamamos cristiáns porque o bautismo non foi só un rito no que nos botaron auga por riba da cabeza e nos crismaron no peito e na fronte, senón que supuxo a incorporación ao grupo dos seguidores de Xesús, ao noso grupo:a Igrexa. Unha Igrexa que se vai reunindo no nome do Señor de xeito comunitario sempre que un dos seus membros celebra un momento especial da súa vida; pero tamén todos os domingos para facer presente e actual, non coma algo que pasou hai moitos anos, canto Xesús fixo na Última Cea. Por iso estamos revestidos de Cristo. Non ao modo dunha roupa que pomos un día e cambiamos por outra ao seguinte, senón coma a identidade que nos configura iguais entre nós e con El. É esta unha vestidura que irá sempre con nós, porque una vez que nos acolleu ao seu abeiro, non pode prescindir de nós nin esquecernos. Somos, para sempre, Del e con El.
*      Por iso é tan importante o tempo dedicado á oración. Non una oración rutinaria e baleira, senón a oración que nos fai percibir que somos agraciados por gozar do seu amor e de facer posible que este amor se vaia desenvolvendo cara aos demais e cara El, cada vez que saímos ao encontro de quen está a esperar por nós na loita por canto supoña defender, desde a casa común que tod@s compartimos, o esforzo por coidalos e por facerlle sitio, sen exclusións ideolóxicas nin de credos, a cantos chamen e queiran entrar. Rezar, é polo tanto a mellor expresión de gratitude e de comuñón que nos abre a ver ao Deus no que cremos nos demais. Deste xeito, a pregunta de Xesús no evanxeo de hoxe, atopa resposta na coherencia e honestidade do noso actuar pensando non só en nós, senón en todos, pero especialmente nos que van sendo deixados na exclusión e no esquecemento.
FRATERNIDADE ORANTE
Para que sentíndonos unidos na tarefa de facer da salvación actuar libre, coherente e alegre, sintamos a forza do amor de Deus ao noso lado, dicimos xunt@s:
GRAZAS POR OFRECERNOS UN SENTIDO PARA A NOSA VIDA
  • Polo papa, os bispos, os curas e cantos colaboran no desenvolvemento da misión encomendada por Xesús de facer do evanxeo alegría para vivir; para que non se deixen arrebatar a frescura dun corazón solidario e fraterno disposto a levar xenerosidade a cantos a necesiten, OREMOS.
GRAZAS POR OFRECERNOS UN SENTIDO PARA A NOSA VIDA
  • Para que nas comunidades parroquiais das que formamos parte, nos esforcemos de verdade por facer do evanxeo razón desde a que vivir e fomentar o perdón, a colaboración, a misericordia e a dispoñibilidade do noso tempo ofrecido a quen o necesite para poñer nos seus beizos e no seu corazón un sorriso, OREMOS.
GRAZAS POR OFRECERNOS UN SENTIDO PARA A NOSA VIDA
  • Para que cantos hoxe temos escoitado e meditado desde a palabra de Deus sobre a nosa vida, non deixemos que o tempo compartido na celebración sexa tempo perdido e cheo de aburrimento e rutina, senón que deixemos que o Espírito mova os nosos corazóns a ser activos e preocupados polo ben que lles podemos facer aos demais, OREMOS.
GRAZAS POR OFRECERNOS UN SENTIDO PARA A NOSA VIDA
Señor, agradecidos por non facer da salvación un dogma, senón a meta dun camiño que imos realizando de xeito comunitario, fraterno e solidario, poñemos ao teu abeiro a oración desta mañá que acabamos de rezar xunt@s. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Seremos cristiáns e cristiás coherentes se:
nos manifestamos tal como somos,
expresamos de xeito claro as nosas opinións,
recoñecemos dun xeito valente os nosos erros,
non temos dúas caras,
amamos e practicamos a verdade,
nos lanzamos decididamente a mellorar o noso mundo,
seguimos a nosa propia vocación con fidelidade,
adoitamos mirar cara dentro de nós,
somos fieis a aquilo que cremos,
afirmamos con decisión os nosos valores,
vivimos conscientes das nosas posibilidades,
sabemos conseguir o que nos propoñemos,
cremos, esperamos e traballamos.
Se estamos plenamente convencid@s do amor que nos ten Deus Pai.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...