Ir al contenido principal

13 Domingo TO C 2016



Nin os cantos de serea dos redentores da nada, nin as traxedias dos profetas de calamidades. Deus quéntanos o corazón pasando por "un de tantos"
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5) 
LECTURAS: Escoita ao Señor (Nº 15) 
OFERTORIO: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 33) 
COMUÑÓN: Non vou so (Nº 60)
ESCOITA ACTIVA
Ao noso redor -quizais tamén a nós nos pasa o mesmo- hai moita xente chea de medos. Algúns destes medos responden a situacións reais, pero moitos outros son puras suxestións e imaxinacións. Isto fai que as persoas se volvan inseguras e desconfiadas, porque o medo, como o falar, non ten cancelas. Avanza, a cada vez máis, levando por diante todo canto topa: a estabilidade familiar, a fidelidade da parella, a solidariedade dos compañeiros de traballo, a colaboración cos veciños... e tamén as conviccións relixiosas. Si, porque cando o medo se instala na vida dunha persoa, nada hai, nin sequera Deus, que a poida axudar e facer entrar en razón. Todo o cuestiona, de todo desconfía, todo se volve inseguro, nada ten horizonte nin sentido na vida.

Queremos vivir así, ou, de verdade, apostamos por seguir o camiño que nos vai mostrando Xesús, no que nos invita a superar medos e a xerar confianza? A ledicia do Evanxeo non é unha frase feita, senón unha maneira de vivir e estar no mundo. E non pode haber ledicia se non hai confianza nas persoas e esperanza en Deus.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Señor, que o medo non nos faga desconfiados e inseguros; SEÑOR, REFORZA A NOSA AUTOESTIMA.
  • Cristo, que a desconfianza non nos converta en persoas dubidosas, inseguras e faltas de criterio; CRISTO, REFORZA A NOSA AUTOESTIMA.
  • Señor, que non deixemos que a dúbida nos converta en persoas tristes, solitarias e amargadas; SEÑOR, REFORZA A NOSA AUTOESTIMA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*        ...E namentres moitas persoas nas que temos confiado nos decepcionan porque non eran como dicían ser, Deus é o que sempre está aí. Nas duras e nas maduras, na ledicia e na tristura, cando todo é éxito e triunfo de pasarela e tamén cando ninguén repara en nós nin se achega para preguntar como estamos e se necesitamos unha man. Por iso buscamos agarimo nel, como nos dicía o salmo. Un agarimo que fai sentir a calor diante do frío dos que pasan, nos utilizan, nos enganan ou nos toman por parvos. Saber que nel atopamos o que buscamos é o que nos leva a ter o corazón quente para querer e ser querido, para poñer os ollos nos demais e mirar de fronte sen sentir medo nin vergoña, para ofrecer a man e acoller a de quen tamén nola ofrece. Nunha palabra: para sentirnos persoas e dignidade, e facer que os demais tamén o sexan. Como non vai estar quente o noso corazón! Nel está a ledicia, esa ledicia da que non cansa de falarnos e á que non cansa de invitarnos a descubrila e vivila desde o evanxeo o papa Francisco. Unha ledicia que se vai desenvolvendo xa que logo en todo canto vaiamos facendo: no amor, no compromiso por coidar o mundo, casa de tod@s, no saber desprendernos dos prexuízos que nos levan a desconfiar de todo canto nos mova das nosas seguridades –efémeras, inda que pensemos o contrario-, e nos impiden ter unha postura clara, responsable e verdadeiramente evanxélica respecto a como acoller aos refuxiados, como colaborar para que os corruptos, os que enganan, os que nos utilizan coma se foramos xoguetes de nenos pequenos non sexan os que acaben gañando e sacando tallada a conta nosa. A ledicia da que nos fala Xesús, e da que o evanxeo é mostra constante, é a ledicia que cambia os nosos corazóns e nos leva a ter unha mirada distinta, e en positivo, das cousas e do mundo do que formamos parte. Non deixemos que esta se apague e que volvamos a vellas escravitudes! So quen é capaz de amar de verdade, entende que significa falar da ledicia que nos ha mover desde o evanxeo.



*        A tentación da vinganza, o abuso de poder tamén estaba no corazón e no pensamento dos apóstolos. Levaban tempo con Xesús, pero seguían sen aprender moitas das cousas que nel foran vendo. Unha delas é esta: ser capaces de cambiar o corazón; e onde nós só sabemos poñer rancor, vinganza,falta de empatía... aprendamos de Xesús e poñamos confianza. Que lonxe estaban os apóstolos, pero tamén que lonxe estamos nós!, verdade? Xesús decide ir a Xerusalén; é dicir, toma a súa decisión con liberdade, inda que sabía que alí estaba o sufrimento, a incomprensión, a traizón e máis a morte; pero vai porque alí está o seu sitio, non escapa, non cambia de bando en momentos difíciles, non se volve escéptico, dándolle dá as costas ao proxecto de Deus. E namentres os demais –como tantas veces facemos nós– poñen escusas, El segue, porque, inda que moitos hoxe o cuestionen, a súa convicción era máis forte que os medos, que tamén os tivo, como tamén os temos nós. Pero ter medo non supón abandonar, senón superalo dando razón da esperanza en quen nos crea libres, e que nos di que a fe non é sometemento nin mesquindade, senón confianza e alegría desde a que vivir. Estariamos hoxe dispostos a ir a Xerusalén, á nosa propia Xerusalén, inda que iso supoña ter que dicir a verdade, non andar con componendas e buscar o que dignifica e recoñece que no centro están as persoas e non as falsas ilusións e promesas do que dura nada e deixa pouso de tristura no corazón?
FRATERNIDADE ORANTE
Deus chámanos a camiñar confiando, sen ter medo nin ao mundo nin ás historias que no mundo imos vivindo, por iso dicimos agora xunt@s:

QUE SEXAMOS CRENTES CON ESPERANZA E NON CON MEDO

  • Para que a Igrexa non sexa unha Igrexa nin de poder nin de medo, senón de confianza en Deus e fidelidade nas persoas, principalmente nas que máis sofren OREMOS.

QUE SEXAMOS CRENTES CON ESPERANZA E NON CON MEDO

  • Para que nas nosas comunidades aprendamos a descubrir e vivir a ledicia do evanxeo, facendo da nosa vida e das nosas celebracións experiencias de confianza, colaboración e agradecemento, , OREMOS.

QUE SEXAMOS CRENTES CON ESPERANZA E NON CON MEDO

  • Para que no momento de tomar decisións non esquezamos que sendo todos imaxe e semellanza de Deus, temos que poñer sempre ás persoas no centro, e non os medos, as vinganzas, o engano ou a aparencia, que son efémeras e de curta duración, OREMOS.

QUE SEXAMOS CRENTES CON ESPERANZA E NON CON MEDO

Grazas, Señor, por descubrirnos unha vez máis, que desde o medo non sementamos máis ca dúbidas, inseguridade e desconfianza. Por iso nos chamas a superalo, esforzándonos por vivir na liberdade de quen busca o ben e no amor de quen se atopa contigo nos irmáns. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Onde nace Deus, nace a esperanza e onde nace a esperanza, as persoas encontran a dignidade. Porén, aínda hoxe moitos homes e mulleres son privados da súa dignidade humana e, como o Neno Xesús, sofren o frío, a pobreza e o rexeitamento das persoas . Que hoxe chegue a nosa cercanía aos máis indefensos, sobre todo aos nenos soldado, ás mulleres que padecen violencia, ás vítimas da trata de persoas e do narcotráfico.

Que non falte o noso consolo a cantos foxen da miseria e da guerra, viaxando en condicións moitas veces inhumanas e con serio perigo da súa vida. Que sexan recompensados con abundantes bendicións todos aqueles, persoas privadas ou Estados, que traballan con xenerosidade para socorrer e acoller aos numerosos emigrantes e refuxiados, axudándolles a construír un futuro digno para eles e para os seus seres queridos, e a integrarse dentro das sociedades que os reciben.

Que neste día de festa, o Señor volva dar esperanza a cantos non teñen traballo, que son moitos, e sosteña o compromiso dos que teñen responsabilidades públicas no campo político e económico para que se empeñen en buscar o ben común e tutelar a dignidade de toda vida humana.

Porque onde nace Deus, florece a misericordia. Este é don máis precioso que Deus nos dá, particularmente neste ano xubilar, no que estamos chamados a descubrir a tenrura que o noso Pai celestial ten con cada un de nós. Que o Señor conceda, especialmente aos presos, a experiencia do seu amor misericordioso que sanda as feridas e vence o mal.

(Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…