Ir al contenido principal

3 Domingo TO A 2017

SERVOS, QUE NON ESCRAVOS. A DINÁMICA DA NOSA RELACIÓN CON DEUS É DESDE O SERVIZO, NON DESDE A IMPOSICIÓN

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Vinde axiña (Nº10)
LECTURAS: Ti es camiño e verdade (Nº 57)
OFERTORIO: Todos xuntos (Nº 56)
COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 58)

ESCOITA ACTIVA

A celebración de hoxe pon diante de nós un feito innegable: Deus segue a chamarnos, conta con nós. Oxalá que, coma os Apóstolos, tamén nós saibamos deixar todo aquilo que nos impide seguilo, todo aquilo que non fai das nosas familias, os nosos traballos, as nosas parroquias, os nosos países... verdadeiros espazos de diálogo, entendemento, traballo solidario e crecemento persoal, de Reino de Deus. Que celebremos xuntos esta grande ledicia.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*      Porque moitas veces fáltannos iniciativa, ilusión e imaxinación á hora de botar as redes, caendo na imposición e na vulgaridade; SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA ENCHOUPE A NOSA VIDA.
*      Porque moitas veces o noso individualismo, a nosa autosuficiencia e o noso afán de protagonismo fan que se rompa a unidade nas nosas familias, nas nosas comunidades, cos nos@s veciñ@s; CRISTO, QUE A TÚA MISERICORDIA ENCHOUPE A NOSA VIDA.
*      Porque seguimos ancorados na vella lei mosaica de “ollo por ollo” en lugar de camiñar cara á novidade do “misericordia quero e non sacrificios”; SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA ENCHOUPE A NOSA VIDA.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·      Xudea e Galilea son incompatibles. Xudea persegue a Xesús, calúmniao, intenta silencialo e, como non pode, mátao. En Xudea están os sabios, os cumpridores da lei, os poderosos, os que non poden soportar a quen proclama que tod@s somos fill@s de Deus, que non é a lei senón o Espírito o que xustifica; que non é o que se come ou se toca o que nos converte en impuros, senón o que pensamos, desexamos e sentimos; que non se fixo o home para o sábado, senón o sábado para o home; que o templo espléndido e brillante quedará baleiro e sen sentido; que Deus é un Deus cercano e próximo que espera a quen se foi do seu lado. Xudea é a institución, e séntese en perigo coa doutrina revolucionaria do Fillo de Deus. Xudea é a seguridade, a norma... e para gardala sen fisuras, non dubidará en eliminar a Xesús.
·      Galilea é a antítese. É o risco, a aventura, o reino que ten o amor como única norma a seguir. En Galilea comeza a aventura da salvación e desde alí Xesús chama aos seus primeiros discípulos á beira do lago. En Galilea Xesús chama e alí atopa persoas sinxelas que, sen saber moi ben a que se comprometían, deixárono todo e marcharon con el.
·      Hoxe tamén existen pequenas ou grandes xudeas e galileas. Hoxe tamén está a Xudea na que reina o dogmatismo, a intransixencia, o cumprimento estrito da lei; hoxe tamén están as persoas que o saben todo, seguras de todo, que pesan e miden os seus actos, contabilizando o debe e o haber; persoas que cren ter asegurado o fin feliz das súas vidas.... porque fixeron o mandado...
·      E está tamén Galilea. Alí non hai tanta ortodoxia nin tanto dogmatismo.... pero si que haberá misericordia. A persoa comprenderá e axudará a quen queda rezagado no camiño, mesmo a quen dubida e non está seguro. A persoa de Galilea comprenderá á muller adúltera e ao fillo pródigo; farase preguntas coma a muller samaritana na beira do pozo; intentará ser samaritana do amor, axudando a quen está caído, comprendendo a quen se sente só, levando a esperanza, o sorriso e a tenrura que veñen de Deus a tanta xente que vive na escuridade e na dor.
·      Por iso nós, que temos descuberto a luz que Deus nos trae, cómpre que deixemos a Xudea artificial e subamos cara á Galilea que nos invita a descubrir a Deus lendo os sinais dos tempos.
·      Porque non nos enganemos: só desde unha actitude de coherencia e compromiso fondo con aquel no que cremos, só se realmente a fe pinta algo na nosa vida, seremos quen de facer que os demais se cuestionen pola relixión, se cuestionen por Deus. Ás veces a Igrexa converteu e quere converter a expresión e a chamada que escoitamos hoxe no evanxeo a sermos “pescadores de homes”, en sinónimo de imposición, facendo valer aquilo de que o importante é contar con moito número. Porén, o camiño nunca pode ser o da obediencia cega, nin o do medo ou a obriga, porque ademais de ser contrarios á mensaxe de Xesús, son tamén armas que se volven na súa contra co paso do tempo. O camiño pasa logo pola invitación, non pola imposición; polo cuestionamento e pola fondura das nosas conviccións e non pola obediencia cega, o adoutrinamento ou o cumprimento de normas sen sentido.
·      Hoxe é un bo día para mirar dentro da nosa vida, da nosa parroquia, da nosa Igrexa e botar fóra todo aquilo que supoña división, enfrontamento ou ruptura.

FRATERNIDADE ORANTE

Cando Xesús nos chama, faino para que a nosa resposta sexa un canto de comuñón e solidariedade. Poñamos entón a nosa vida nas súas mans, para que a alente e a acompañe, e digámoslle:
AXÚDANOS A CAMIÑAR ILUSIONADOS
Pola Igrexa para que fronte á globalización da indiferenza saiba poñer en marcha a revolución da tenrura, OREMOS.
AXÚDANOS A CAMIÑAR ILUSIONADOS
Polas nosas comunidades parroquiais, para que polos camiños evanxélicos do diálogo e do perdón, da tolerancia e da colaboración, da variedade e do compartir, sexamos quen de superar prexuízos e atrancos e cheguemos á verdadeira comuñón, OREMOS.
AXÚDANOS A CAMIÑAR ILUSIONADOS
Por nós, para que con ilusión e coas redes do amor, da esperanza e do servizo aos irmáns, sexamos ante o mundo mensaxeir@s do novo xeito de vida que vén dado pola chegada do Reino, OREMOS.
AXÚDANOS A CAMIÑAR ILUSIONADOS
Grazas, Señor, por descubrirnos que construír o teu Reino é empeñarse en mellorar as cousas para facer do lugar onde esteamos a casa de tod@s. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

O mar, Boa Nova desde a que Xesús
camiñou invitando a perder medos e inseguridades.
Horizonte sempre aberto de proxectos e esperanzas.
Brisa calma e onda enfurecida de ardentías e bravíos.
O mar leva consigo luz de faro e noites pechas;
imaxe do noso mundo enredado e atrapado,
que acabará deixando sobre a area da praia
historias de amor e de tristura.
O mar, cando embravece nada lle escapa.
Cando acouga, acolle e aloumiña.
Contemplado cos ollos sempre abertos,
a vida é paso efémero que esvaece.
E alí, cando miramos o horizonte,
estás ti para dicirnos: Ven e sígueme.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...