Ir al contenido principal

3 Domingo TO B 2018


CONSTRUÍR O REINADO DE DEUS COA REVOLUCIÓN DA TENRURA
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)
LECTURAS: Benaventurados (Nº 119)
OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
COMUÑÓN: Non vou so (Nº 60)
PARA NON PERDER O PASO
Hoxe, a nosa celebración ten como eixo fundamental o da vocación. Podemos dicir, sen medo a equivocármonos, que a presenza de Xesús, a forza da súa palabra, a orixinalidade dos seus comportamentos, o atractivo de toda a súa persoa, foi facendo que houbese xente contemporánea súa, que decidise seguilo no que facía e dicía. Hoxe, vinte e un séculos despois, cabería preguntármonos se nós tamén o seguimos polo que nos aporta vida ou se estamos diante dun seguimento meramente costumista, sen ningún peso na nosa vida.
Porque, certamente, con algúns dos seus discípulos e discípulas, Xesús recorreu vilas e aldeas de Galilea, anunciándolle á xente un xeito novo de entender a Deus e de facer vida en comunidade. Pero onte, coma hoxe, non se trata só de falar: hai que achegarse á xente do pobo, principalmente a aquela que ten a vida máis ameazada e diminuída por pobrezas, enfermidades, marxinacións, desesperanzas ou depresións. En palabras do papa Francisco “hai que cheirar a ovella”. A comunidade nova de Xesús é unha comunidade de xente vocacionada para facerlle a vida máis agradable aos demais.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a vivir esta vocación ao servizo desde a diversidade de dons e carismas.
CO CORAZÓN FERIDO
Porque son demasiadas as veces nas que carecemos de iniciativa, ilusión e imaxinación á hora de botar as redes, caendo na imposición e na vulgaridade, SEÑOR, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
Porque moitas veces o noso individualismo, a nosa autosuficiencia e o noso afán de protagonismo fan que se rompa a unidade nas nosas familias, nas nosas comunidades, cos nos@s veciñ@s, CRISTO, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
Porque son moitas as cousas que na nosa vida nos atan e escravizan, impedíndonos dar pasos cara adiante no teu seguimento, SEÑOR, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
o   O Deus revelado por Xesús é o Deus do Reino: bo, misericordioso, cércano ás persoas pobres e necesitadas de xustiza, Nós, coma seguidores seus, coma seguidoras súas, somos as súas mans, e debemos actuar do mesmo xeito cos nosos irmáns e irmás. Velaí a vocación á que tod@s nós estamos chamad@s. Porque moitas veces ao escoitar a palabra vocación rapidamente pensamos na vocación ao sacerdocio ou á vida consagrada; e así, mesmo dentro da nosa Igrexa estamos afeit@s a pedir polas vocacións.... fundamentalmente polas vocacións sacerdotais, escudándonos en que cada vez son menos os varóns (?) que escoitan e deciden responder libre e responsablemente á chamada á pertencer á xerarquía. E logo que pasará, que non haberá máis que unha vocación verdadeira?. Cando falamos de que alguén ten vocación para un determinado traballo, de que alguén ten vocación de casad@ ou solteir@, é unha vocación de segunda categoría?. A Palabra, que a diferenza de nós, está libre de prexuízos, indícanos que a vocación cristiá é universal, que Deus chama por todas as persoas (lembrábasenos a pasada semana) indistintamente de xénero, estado civil ou profesión... o que ocorre é que esa vocación vívese e exprésase de xeito diferente segundo a situación persoal, familiar, social, laboral de cadaquén; pero tod@s estamos chamad@s a ser nós mesmos, a vivir unha existencia humana e humanizadora, libre e liberadora polo camiño do servizo. Convén que non o esquezamos, que a Igrexa é unha comunidade plural na que todas as persoas temos a mesma importancia e a mesma dignidade.
o   Pois só desde unha actitude de coherencia e compromiso fondo con aquel no que cremos, só se realmente a fe pinta algo na nosa vida, só se somos e actuamos como persoas vocacionadas, seremos quen de facer que os demais se cuestionen pola relixión, se cuestionen por Deus. Ás veces a Igrexa converteu a expresión e a chamada que escoitamos hoxe no evanxeo a sermos “pescadores de homes”, en sinónimo de imposición, facendo valer aquilo de que o importante é contar con moito número, sexa ao prezo que sexa. Deixamos entón de ser pescadores e pasamos a ser arponeiros. Porén, o camiño nunca pode ser o da obediencia cega, nin o do medo ou a obriga, porque ademais de ser vieiros contrarios á mensaxe de Xesús, son tamén armas que se volven na súa contra co paso do tempo. O camiño pasa logo pola invitación, non pola imposición; polo cuestionamento e pola fondura das nosas conviccións e non pola obediencia cega, o adoutrinamento ou o cumprimento de normas sen sentido; pola decisión libre, madura e autónoma, e non pola obriga, o infantilismo e o prestixio.
o   E todo isto vén coma anel no dedo nunha semana na que pedimos pola unidade. Unidade de todos os cristiáns, pero tamén unidade dentro da nosa Igrexa e mesmo dentro das nosas comunidades parroquiais. Unidade que non podemos confundir con uniformidade, pois somos conscientes da existencia de diferentes xeitos de pensar, de actuar, de distintas posibilidades, de distintos xeitos de expresar a vocación cristiá.... e somos conscientes tamén de que isto é algo que nos enriquece. Porén, moitas veces atopámonos con que a nosa intolerancia e a nosa autosuficiencia impiden que camiñemos na unidade evanxélica. Parapetámonos na nosa verdade e non estamos dispostos a escoitar e moito menos a aceptar aos que non pensan ou non actúan coma nós. En definitiva, tod@s queremos ser “machos dominantes da manada”, sen caermos na conta de que a mensaxe de Xesús non separa entre dominantes e dominad@s, senón que integra, acolle e ábrese a todas as opcións que respecten a dignidade da persoa. Hoxe é un bo día para comezar a revolución da ternura, para mirar dentro da nosa vida, da nosa parroquia, da nosa Igrexa e botar fóra todo aquilo que supoña división, enfrontamento ou ruptura.
DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA
Cando Xesús chama, faino para que sexamos felices. Poñamos entón a nosa vida nas súas mans, para que a alente e a acompañe, e digámoslle:
PAI, QUE TODOS SEXAMOS UN
Pola Igrexa, para que, apostando como fixo Xesús, polo camiño do diálogo fomente sempre o respecto a outras crenzas, culturas e razas, e así entre todos busquemos aquilo que nos fai máis humanos e que fai da convivencia o mellor xeito de vivir, OREMOS.
PAI, QUE TODOS SEXAMOS UN
Polas nosas comunidades parroquiais, para que para que con ilusión e coas redes do amor, da esperanza e do servizo aos irmáns, sexamos ante o mundo mensaxeir@s do novo xeito de vida que vén dado pola chegada do Reino, OREMOS.
PAI, QUE TODOS SEXAMOS UN
Por nós, para que no día a día da nosa vida saibamos recoñecer que estamos necesitados de tempo de calidade, tempo de reflexión, tempo de discernimento, que nos permita abrirnos á esperanza, OREMOS.
PAI, QUE TODOS SEXAMOS UN
Señor, que nunca teñamos medo de revisar as nosas actitudes e comportamentos, pois sabemos que ti nos invitas sempre ao cambio e á renovación. P.X.N.S. Amén
MIRADA DE ESPERANZA
Moitos anuncios,
moitas promesas,
moitas rebaixas,
moitas oportunidades,
moitas gangas…
Moitas veces susúrranme constantemente as súas ofertas.
Pero non me satisfacen,
nin me alimentan nin me quitan a fame,
nin me fan medrar coma persoa.
Neste mar de palabras,
eu só quero dar creto
á túa Palabra, boa e nova,
valiosa e gratuíta,
que me ofrece vida,
dignidade e ledicia.
Eu só quero darche creto a Ti,
que es palabra e vida.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...