Ir al contenido principal

2 domingo TO B 2021

VINDE E VEREDES

CANTO GOZOSO

o   ENTRADA: Pedras vivas

o   LECTURAS: Aquí estou, Señor, para facer a túa vontade

o   OFERTORIO: Acharte presente (Nº51)

o   COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)

ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

            Xesús invítanos a ser pedras construtoras do mundo como casa onde se acolle; casa na que as fronteiras non se pechan senón que están permanente abertas para ir e vir; pedras desde onde construír pontes que unen e achegan e non muros que poñen distancia entre nós. E para iso non nos queda outra que ter os oídos atentos, como os tivo Samuel, á voz que Deus nos dirixe a través do berro, moitas veces desgarrador, das persoas que son contadas como números e tratadas coma cousas.

Fagamos logo desta celebración que agora comeza rebelión interior que cambie a nosa vida e non se deixe levar polo desleixo.

ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

·       Porque ante a chamada de Deus, nós respondemos con escusas e afastamento; SEÑOR, NON CANSES DE CHAMAR POR NÓS.

·       Porque ante a chamada de Deus, facemos oídos xordos; CRISTO, NON CANSES DE CHAMAR POR NÓS.

·       Porque ante a chamada de Deus respondemos dándolle as costas á dor e tristura da irmá e do irmán; SEÑOR, NON CANSES DE CHAMAR POR NÓS.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO PRIMEIRO LIRO DE SAMUEL

Naqueles días, Samuel estaba deitado no santuario do Señor, onde estaba a arca de Deus.

O Señor chamou por Samuel e este respondeulle:

-             Aquí estou

E, coa mesma, foi correndo onda Elí e díxolle:

-             Aquí veño, pois chamáchesme.

Elí díxolle:

-             Eu non te chamei. Volve deitarte.

E Samuel foise deitar.

O Señor chamou de segundas por Samuel.

Samuel ergueuse e foi onda Elí, dicindo:

-             Aquí estou, pois chamáchesme.

Dixo Elí:

-             Eu non te chamei, meu fillo. Volve deitarte.

Samuel non coñecía aínda ao Señor, pois a palabra do Señor non se lle revelara aínda

O Señor chamou por terceira vez a Samuel, quen se ergueu e foi onda Elí:

-             Aquí veño, pois chamáchesme.

Entón decatouse Elí de que era o Señor quen chamaba ao rapaz. Elí díxolle a Samuel:

-             Vaite deitar, e se te chama, dirás: Fala, Señor, que o teu servo escoita.

Samuel marchou e deitouse no seu sitio.

O Señor presentouse, chamando coma as outras veces:

-             Samuel, Samuel!

E Samuel dixo:

-             Fala, Señor, o teu servo escóitate.

Samuel ía medrando; o Señor estaba con el e non deixou sen cumprimento ninguna palabra súa.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Un día estaba outra vez Xoán con dous dos seus discípulos e, vendo a Xesús que camiñaba, dixo:

-             Velaquí o Año de Deus.

Cando os dous discípulos oíron o que el falara, fóronse detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que eles o seguían, preguntoulles:

-             ¿Que buscades?

Eles respondéronlle:

-             "Rabbí" (que quere dicir "Mestre"), ¿onde paras?

El díxolles:

-             Vide e veredes.

E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde.

Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era Andrés, o irmán de Simón Pedro. Vai e ó primeiro que atopa é a Simón, o seu propio irmán, e dille:

-             Encontramos o Mesías (que quere dicir Cristo).

E levouno onda Xesús. O velo, díxolle Xesús:

-             Ti es Simón, o fillo de Xoán. Ti haste chamar Kefas (que quere dicir Pedro).

PALABRA DO SEÑOR

NA ESCOITA DA PALABRA

ü  No libro de Samuel nárrasenos a vocación de Samuel. Vimos de escoitar como Deus o foi chamando en diferentes momentos, e como el de primeiras non foi capaz de recoñecer de quen era aquela voz. Necesitou poñer máis atención e escoitar tamén o que Elí lle dicía, para finalmente recoñecer a voz do Señor e poñerse ao seu dispor. Algo así tamén nos pode pasar a nós. Oímos moitas voces, dun e doutro lado, percibimos moito barullo ao noso redor, sabemos que alguén nos fala, quen nos está a chamar, pero cústanos recoñecer e identificar cal é a voz do Señor, non calquera outra. Unha voz que non é un simple repetir palabras, e si un falarnos ao corazón para que lle prestemos atención, entendela e ila poñendo en práctica coa nosa vida a través dos nosos comportamentos, as nosas actitudes, o noso xeito de ser capaces de facer da nosa vida un canto de agradecemento a Deus, e de servizo aos demais e ao mundo no que tod@s estamos.

ü  Neste domingo que acaída nos ven esta primeira lectura para que tamén nós nos preguntemos de que xeito a Palabra de Deus ocupa un espazo importante na nosa vida. De que xeito é a Palabra a que vai alimentando e dando sentido ao vivir de cada día, sen ter que esperar ao domingo para escoitala cando se proclama na celebración comunitaria. Porque se a Palabra está sempre ao noso dispor, calquera momento e calquera lugar pode ser experiencia de acollida e atención ao que a Palabra nos di e , desde ela, ao que Deus nos chama. De xeito que saibamos convertela en estímulo, alento e motor de cada un dos nosos días. Pero para que iso poida ser así, precisamos tomala en serio, coñecela, reflexionala, rezala, compartila... celebrala. Que mellor ca hoxe para darnos conta en que punto deste proceso estamos!

ü  E se somos capaces de entender que a Palabra  ha ser cerne da vida, iremos tamén descubrindo que esa mesma Palabra dinos que somos templos, é dicir, dignidade, respecto, atención, visibilidade, irmandade, sororidade ... Ser templos esíxenos que non nos vexamos entre nós coma cousas. Non somos pedras mortas, somos pedras vivas capaces de sentir, gozar, aledarse, compartir, colaborar, axudarnos... A Palabra de Deus insiste en que sendo templos, estamos chamados a non darnos as costas , nunca, uns aos outr@s. Sexamos de preto ou de lonxe. Ninguén nos é estraño, e tod@s somos iguais. E isto foi o que Xesús lles mostrou a aqueles que andaban na súa busca. No seu vinde e veredes dirixido a eles, descubrimos tamén o vinde e veredes dirixido a nós. Pero para iso temos que estar sempre cos ollos ben abertos e o corazón e as mans dispostas a acoller, escoitar e acompañar. Pois aí é onde descubrimos que vive e está o Señor.

COMPARTINDO O QUE NOS UNE

Invítanos hoxe o Señor na súa Palabra a seguilo facendo da nosa vida unha experiencia de agradecemento e servizo. Que mellor que este momento da oración comunitaria para compartilo dicindo:

GRAZAS, SEÑOR, POR POÑER OS OLLOS E O CORAZÓN EN NÓS

v Para que non sexamos unha Igrexa que se limita a mirar, sen comprometerse na busca de solucións aos cos problemas e dificultades dos homes e mulleres do noso mundo; OREMOS.

v Para que sexamos comunidades parroquiais vivas, alegres e dispostas a participar da alegría do Evanxeo; OREMOS.

v Para que a nosa vida non se deixe levar do conformismo, a rutina e a falta de ilusión por ser persoas máis xustas e traballar para que outras tamén o sexan; OREMOS.

Grazas, Señor, por invitarnos a seguir as túas pegadas, evitando perdernos no camiño. P.X.N.S. Amén.

AGRADECENDO O DON DA FE

Se eu quixer falar con Deus,

teño que quedar a soas,

teño que apagar a luz,

teño que calar a voz,

teño que encontrar a paz

teño que afrouxar os nós dos zapatos, da garabata,

dos desexos, dos receos.

Teño que esquecer a data,

teño que perder a conta,

teño que ter as mans baleiras,

ter a alma e o corpo espidos.

Se eu quixer falar con Deus

teño que aceptar a dor,

teño que comer o pan que o demo amasou.

Teño que lamber o chan

Dos palacios, dos castelos suntuosos do meu soño.

Teño que verme triste,

teño que atoparme mal,

e malia iso, alegrar o meu corazón.

Se eu quixer falar con Deus,

teño que aventurarme

teño que subir ao ceo sen cordas de seguridade.

Teño que dicir adeus

Afastarme e camiñar decidido pola estrada

decidido pola estrada

Que ao cabo do día vai dar

en nada do que pensei atopar.

(Gilberto Gil)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...