Ir al contenido principal

Trindade 2021

Só aprendendo a comunicarnos rompemos o retrouso do individualismo

Cantos.-

Entrada.-  Con ledicia vimos ( 3)

Lecturas.- Ditosos os que temen ao Señor ( 19)

Ofertorio.- Déixate querer ( 61 )

Comuñón.- Quédate, Señor, connosco (  63)

Mirada de esperanza

O domingo da Trindade, quere ser unha celebración na que nos achegamos á dimensión solidaria e comunicativa da fe. Solidaria porque se nos invita a saír de nós mesmos para camiñar cara aos demais, mais sen converter o camiño en rutina sen forza nin vida. Comunicativa porque ao longo do camiño descubrimos a outras persoas e dámonos conta de que non imos sos, de que nos precisamos. 

Neste sabernos en compañía imos tomando conciencia de que, se queremos, podemos avanzar máis e mellor se nos axudamos, se termamos unhas persoas doutras, se rompemos o retrouso do individualismo. Isto fai que descubramos que, entre todas e todos, imos conformando unha comunidade que busca, escoita, comparte, acolle, invita... unha comunidade que non se illa e que si se comunica. 

Dun xeito parello o Pai, o Fillo e o Espírito Santo son tamén para nós testemuño de comunicación desde a que se nos chama a non pecharnos en nós nin nas nosas teimas, e si a saír, buscar e atoparnos para facer camiño compartido en comuñón.

Participemos desta celebración co ánimo disposto a superar o ti e o eu, para sentírmonos nós: comunidade en comuñón. 


Corazón de misericordia

  • Polas veces nas que na nosa vida primamos o eu sobre o nós; SEÑOR, QUE ROMPAMOS CO INDIVIDUALISMO.

  • Polas veces nas que o orgullo non nos deixa achegarnos e recoñecer erros; CRISTO, QUE ROMPAMOS CO INDIVIDUALISMO.

  • Polas veces nas que non fixemos comunicación para achegarnos, e si silencio para ignorarnos; SEÑOR, QUE ROMPAMOS CO INDIVIDUALISMO.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS


Irmáns e irmás:

Cantos se deixan guiar polo Espírito de Deus, eses son fillos de Deus. Pois non recibistes un espírito de escravitude, para volverdes ó medo. Non. Vós recibistes un espírito de fillos adoptivos, gracias ó que podemos gritar: ¡"Abbá": Pai! Este mesmo Espírito, xuntamente co noso, dá testemuño de que somos fillos de Deus. E, se fillos, tamén herdeiros: herdeiros de Deus e coherdeiros con Cristo; xa que, se padecemos con el, é para sermos tamén despois glorificados con el. Palabra do Señor.


PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO


Os once discípulos fóronse para Galilea ó monte onde Xesús os citara. E véndoo, postráronse ante el, anque algúns dubidaban. Xesús, achegándose, díxolles:

-Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo

Palabra do Señor.


Palabra remoída

  • Sabéndonos fillas e fillos de Deus, chámasenos a vivir como corresponde a esta afirmación: aprender e descubrirnos como irmáns e irmás, e a ter unha relación de fraternidade entre nós. Isto quere é poñer de manifesto que somos iguais, que ninguén ha ser tratado nin con desprezo nin de xeito humillante, porque no noso comezo vital non está a nada nin o baleiro, senón que aí atopamos sempre a Deus, no seu amor compartido e ofrecido desde a súa paternidade/maternidade, que en Xesús asume a nosa condición, e no Espírito faise forza, alento e axuda no noso camiño de cada día. 

  • E iso só podemos sentilo e experimentalo se nos sabemos irmáns e irmás, e non señores e escravos. Deus non domina, acompaña. Nós non podemos, se queremos ser os seus seguidores, ser dominadores e si acompañantes. A irmandade fainos libres; a escravitude persoas sometidas. Non sexamos entón nós persoas sometidas, pero esforcémonos para que tampouco sexamos das que sometemos, dominamos, impoñemos e impedimos que as demais persoas vivan con liberdade. Este é o noso reto como seguidores/as deste Deus que é comuñón de amor e que hoxe celebramos na festa da Trindade.

  • Desde esta mesma comuñón de amor, temos que aprender a mirar a vida e analizar as nosas actitudes nela. E moitas veces todas e todos estamos moi, pero que moi lonxe desta dinámica de amor e recoñecemento das outras persoas coma iguais, á que nos chama Xesús. Pensemos desde ela cal é a nosa actitude, a nosa visión, a nosa toma de postura diante de temas de actualidade nos que cada día se pon de manifesto que falta moito camiño por andar para que o proxecto de amor de comuñón de Deus se faga presente no medio de nós. Pensemos tamén que facemos, ou non facemos, para que este se cumpra ou non. E para baixar ao concreto, sexamos persoas sinceras e reflexionemos sobre: 

    • as persoas migrantes (o noso pensar respecto delas é excluínte?), 

    • as mulleres explotadas ou maltratadas (a nosa mirada é de empatía, ou o retrouso é: algo faría, as denuncias son falsas, quería liberdade; acaso non somos libres para experimentar esa liberdade? Ou é que nalgún momento nos compran e pasamos a ser mercancía perdendo a dignidade que Deus nos deu?...), 

    • a explotación dos traballadores e a precariedade cada día maior (se dicimos algo poden vernos coma revolucionarias, se protestamos ao mellor quedan sen traballo, se...) e moitas máis miradas de concreción poderiamos facer para poñer de manifesto que o amor de comuñón non son palabras sen contido, e si actitudes, comportamentos e miradas desde a realidade. Ao estilo do amor trinitario.

Oración compartida

Desde o Deus comuñón que hoxe celebramos, compartamos a oración, tamén en comuñón, como comunidade reunida, e digamos: QUE O NOSO CAMIÑAR SEXA SEMPRE COMUNITARIO

  • Para que Igrexa se esforce por dar testemuño de comuñón, poñendo en práctica o diálogo, a escoita e o recoñecemento de quen pide poder expresarse, inda que sexa de xeito diferente. Oremos. QUE O NOSO CAMIÑAR SEXA SEMPRE COMUNITARIO .

  • Para que nas nosas parroquias saibamos recoñecernos, axudarnos e nunca xustificar comportamentos agresivos que fagan aos demais de menos e non respecten a igualdade entre nós. Oremos. QUE O NOSO CAMIÑAR SEXA SEMPRE COMUNITARIO.

  • Para que nós non xustifiquemos nunca, nin por acción nin por omisión, comportamentos que humillan e escravizan ás persoas. Oremos. QUE O NOSO CAMIÑAR SEXA SEMPRE COMUNITARIO .

Señor, que traballemos cada día por vencer a tentación do individualismo. Aléntanos para que, a imaxe da Trindade, saibamos vivir dese o amor de comuñón a fraternidade. Amén.


Ecos de esperanza

É a saída dun mesmo para amar ao próximo o camiño de interiorización que nos une a Deus como participación na súa vida relacional e que coincide coa nosa humanización: o nós eclesial no Nós de Deus. En Cristo cada crente está chamado a vivir como normal unha experiencia extraordinaria de Deus, e isto ao longo da súa vida, non só ao final do camiño persoal. Porque temos que superar a fenda entre o cristianismo auténtico e o cristianismo de nome, que só se contenta con cumprir principios ou ritos de practica relixiosa.

         (AA.VV., Ágape y sistemas sociales. Filiación divina y comunión fraterna.100/1)


 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...