Ir al contenido principal

Trindade 2023

Deus sempre é comuñón sinodal: Pai, Fillo e Espírito Santo

CANTOS

Entrada.- Camiñarei (  )

         Lecturas.- As túas palabras Señor son espírito e vida (  )

         Ofertorio.- Recibe, Señor (   )

         Comuñón.- No colo de miña nai (  )

OÍDO Á ESPREITA

         Comezabamos cantando camiñarei na presenza do Señor. Si, porque é a súa presenza a que nos vai alentando e animando neste noso camiñar cotián; un camiñar que non sempre é doado, pero si está sempre acompañado pola súa presenza. Porque, nunca, nunca camiñamos sos. O Deus PaiFillo e Espírito Santomóstrannos o seu amor facéndose compaña agarimosa. E se nós non camiñamos sos, tampouco o fan os demais, porque Deus sempre está, inda que moitas veces non queiramos recoñecelo.

         Nesta mañá na que nos xuntamos para celebrar a fe esforcémonos por descubrir a súa presenza neste nos camiñar. Para que non camiñemos nunca ao chou, e si seguindo as pegadas daquel que sempre estira a man cara nós para que a collamos.

CORAZÓN AQUECIDO

·      Polas veces nas que non quixemos camiñar contigo. Señor, alenta o noso camiñar.

·      Polas veces nas que te deixamos só no noso camiñar. Cristo, alenta o noso camiñar.

·      Polas veces nas que non quixemos seguir camiñando polas teus vieiros. Señor, alenta o noso camiñar.

 

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

Moisés labrou dúas táboas de pedra, o mesmo cás primeiras. Ergueuse cedo e rubiu ó monte Sinaí, conforme lle mandara o Señor, levando consigo as dúas táboas de pedra. O Señor baixou na nube e parou alí con el. Moisés pronunciou o nome do Señor.

 

O Señor pasou diante del proclamando: "O Señor, o Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade. Moisés, ó tempo que se prostraba polo chan e adoraba, dixo: "Se merezo, Señor, o teu favor, pídoche que veñas ti connosco. Este pobo ten cerviz dura, pero ti perdoarás as nosas culpas e pecados e farás de nós a túa herdade".

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA DA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO ÓS CORINTIOS

 

Do resto, irmáns, estade alegres, procurade a perfección, dádevos azos, andade de acordo, vivide en paz e o Deus do amor e da paz estará convosco. Saudádevos uns ós outros co ósculo santo. Mándanvos saúdos todos os cristiáns.

Que a graza do Señor Xesús Cristo, o amor de Deus e a comuñón do Espírito Santo vos acompañen a todos.

 

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus.

 

 

PALABRA REMOÍDA

·      Na táboas que Moisés recibiu estaban os dez grandes eixes  sobre os que xira a relación entre Deus e as persoas; unha relación que vai mostrando o camiño de diálogo e confianza entre deus a cantas e cantos somos a súa imaxe dicir, somos presenza e recoñecemento de deus  en todas as persoas. Si, en todas, porque El, nós si, non fai nin distincións nin diferenzas. El trátanos con igualdade, esa igualdade que tamén marca a relación entre cada unha das persoas que conforman a Deus coma Pai, Fillo e espírito Santo. Unha relación de entendemento, de recoñecemento, de escoita e mais de diálogo. E esa mesma relación é a que nós temos que ir desenvolvendo e mostrando na nosa relación cos demais, de xeito que poidamos  expresar, mostrar e manifestar que na medida en que actuamos interacciónando coas demais persoas, estamos a concretar a presenza de Deus nesas relacións. Porque a festa da Trindade é a festa dun amor convertido en diálogo e busca de camiños de entendemento. E ámbalas cousas, canta faltiña hoxe nos fan!

·      Paulo volve a insistir no que xa é un dos eixes, sempre presente nas súas cartas, da mensaxe que nos quere transmitir: a alegría. Porque sen ela, a vida vólvesenos desesperanza, tristura e sen sentido. Porén, na alegría o horizonte que se nos invita a seguir vólvese recoñecemento de iguais e traballo colaborativo; ao estilo da Trindade que hoxe celebramos. Por iso para Paulo era tan importante dicirlle aos Corintios, que estaban enfrontados entre eles, que se non eran capaces de poñer a alegría como actitude de vida, o seu ser seguidoras e seguidores e de Xesús non era máis ca unha aparencia, un decorado que non tiña nada detrás. E tamén canta falta nos fai lembrar sempre isto, porque neste momento concreto no que nós vivimos, segue a haber. Ou quizais, xa hai moita ,máis xente que só busca o chamado “postureo”, o mostrar o que non se é, o poñer pantalla para disimular, o facer dos filtros o fundamental, porque sen eles, só somos realidade coas nosas miserias ás costas, pero tamén coa nosa honestidade. Por iso podemos preguntarnos: onde queremos estar? Na realidade ou no postureo que só crea baleiro de desconcerto vital?.

 

·      Desde a honestidade do proxecto de Xesús, e sabendo que a imaxe do Deus que é relación de iguais e diálogo de salvación, Xesús ofrécenos un camiño; mellor, o camiño para que vaimos pouco a pouco construíndo a nosa vida con sentido, coherencia e honestidade. Desterrando a tentación de ser fachada ou filtro que todo o distorsión e cambia a realidade. No tempo dos bulos, das mentiras, das dobres vidas, a festa de Trindade quere ser unha invitación a camiñar sendo nós mesmos nunha relación de escoita, colaboración e unión, que non ten que supor imposición de quen é maís forte, coas demais persoas. Ao estilo do Deus Pai que ofrece ao seu Fillo como camiño e nos deixa a presenza do Espírito Santo como alento para andaina  no amor.

 

 

 

ORACIÓN COMPARTIDA

         O Deus amor en relación, que nos quere persoas auténticas, invítanos a compartir comunitariamente a oración. Respondendo a esta invitación dicimos: grazas por querernos como somos.

·      Para que a Igrexa sexa máis auténtica, máis evanxélica, máis sinxela e sempre chea de humanidade. Oremos. Grazas por querernos como somos.

·      Para que nas nosas parroquias non nos deixemos levar polas aparencias, polo que non somos, polo que non nos dignifica nin nos axuda ea ser mellores persoas. Oremos. Grazas por querernos como somos.

 

·      Para que todas e todos nós, ao estilo do amor do Deus trinitario, construamos a casa da nosa vida sobre o mellor dos cimentos: o respecto, a igualdade e a dignidade compartida, e sempre en diálogo que escoita e colabora. Oremos. Grazas por querernos como somos.

 

Grazas, Señor, por seguir a acompañando o noso camiñar que, entre luscos e fuscos, imos facendo cada día. Por Cristo o noso Señor. Amén.

ALENTO RENOVADOR

A hipocrisía é a maior tentación que as persoas relixiosas viven, porque falan dunha relixión para todos, pero viven de forma diferente.

Non nos deixemos acedar polo fermento da hipocrisía. Porque ela é a maior tentación que as persoas relixiosas viven. Porque falan dunha relixión para todos, pero viven de forma diferente. Non nos deixemos  levar por esta forma de vida relixiosa. É a relixión de onte, pero a de hoxe tamén. Porque, moitas veces, vivimos un cristianismo hipócrita, fermentando e alimentando a hipocrisía. Vivimos preocupados coa aparencia, co que os demais cren, ven e pensan de min, pero non quedamos preocupados en vivir unha relixión concisa, coherente, autentica.

Non demostremos aos demais que somos heroes da fe, e si que temos as nosas debilidades, pero estamos superando e loitando con elas tódolos días da nosa vida. ( P.Roger A. )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...