Ir al contenido principal

3 domingo TO b 2023

III DOMINGO DO T.O.

 

PERMANECEDE NA MIÑA PALABRA

(DOMINGO DA PALABRA DE DEUS)

CANTOS


· ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)
· LECTURAS: A túa Palabra (Nº 25)
· OFERTORIO: Acharte presente (Nº 51)
· COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)

ABRE OS OLLOS

Hoxe é o terceiro domingo do tempo ordinario, e desde hai cinco anos, o papa Francisco quixo que este fose o domingo da Palabra de Deus. Non quere dicir que os demais non o sexan, non. O que busca o papa é que neste domingo prestemos especial atención, e valoremos a importancia que a Palabra ten na vida da persoa cristiá. Non é só Palabra proclamada na celebración, tamén é Palabra agradecida por atopar nela o marabilloso plan que Deus ten para con nós.
Compartamos logo a celebración de hoxe sabéndonos agarimadas e agarimados polo agasallo que Deus nos fai por medio da Palabra que alenta, anima e alimenta a nosa vida.

ABRE O CORAZÓN

Porque somos moito de ritos e pouco de coñecer e valorar a Palabra coa que Deus se nos mostra; SEÑOR, QUE PERMANEZAMOS NA TÚA PALABRA.
Porque non facemos da Palabra de Deus fonte de vida e camiño de esperanza; CRISTO, QUE PERMANEZAMOS NA TÚA PALABRA.
Porque non lle prestamos a atención que merece á Palabra proclamada nas celebracións; SEÑOR, QUE QUE PERMANEZAMOS NA TÚA PALABRA.

ABRE OS OÍDOS

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XONÁS

Naqueles días, veulle de segunda vez a palabra do Señor a Xonás:
- Érguete, vai a Nínive, a gran cidade, e proclámalle a mensaxe que eu che dei.
Xonás ergueuse e marchou a Nínive, con forma á palabra do Señor. Nínive era una cidade enormemente grande, de tres días para atravesala.
Xonás comezou a entrar na cidade, percorrendo o camino dun día, e predicaba así:
- Dentro de corenta días, Nínive será destruída.
Os homes de Nínive creron en Deus e proclamaron o xaxún. Vestíronse de saco desde o máis grande ao máis pequeño.
Viu Deus as súas obras, como se convertían do seu mal camiño e arrepentiuse do mal que dixera que lles ía facer, e non llelo fixo.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS CORINTIOS

O que vos digo, irmáns, é que o tempo é contado. O que importa, é que os que teñen muller vivan coma se non a tivesen; os que choran, coma se non chorasen; os que están alegres coma se non se alegrasen; os que comercian, coma se non tivesen nada; os que gozan no mundo, coma se non gozasen. Porque o mundo, na súa configuración actual, está a pasar.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS

Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, dicindo:
- O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.
Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e mais a Andrés, seu irmán, largando o aparello no mar: eran pescadores. Díxolles Xesús:
- Vide comigo, e fareivos pescadores de homes.
E deixando de contado o aparello, seguírono. Un pouco máis adiante viu a Santiago, fillo de Zebedeo e mais a Xoán, seu irmán; estaban arranxando o aparello na barca. E de seguida os chamou. Eles, deixando a seu pai, Zebedeo, e mais os seus tripulantes na barca, seguírono.
PALABRA DO SEÑOR

 PALABRA QUE ALENTA O CAMIÑO

Nínive era unha cidade rica e os seus habitantes tiñan de todo. Vivían no individualismo e na comodidade, sen preocupacións polo futuro. Pero... chegou a crise e perderon o norte. Sóanos o conto? Neste contexto, Xonás quere ser a voz que clama no deserto de Nínive chamando a endereitar o rumbo. Xonás dilles que recapaciten e que volvan de novo a Deus, onde está o sentido, a forza e a esperanza. Nós hoxe, no noso mundo rico e deshumanizado, tamén se cadra perdemos o norte do que é importante. Nós tamén precisamos converternos e cambiar actitudes, palabras e feitos da nosa vida, desbotando dela aquilo que nos fai persoas individualistas, duras, insensibles, cómodas e egoístas. Hoxe é un bo momento para comezar, non desaproveitemos esta oportunidade. 

Esta é a conversión da que nos fala Xesús no Evanxeo. Unha conversión que ha ser real, verdadeira, auténtica. Non unha conversión de palabras ou para quedar ben. A conversión ten que partir do corazón. Só desde aí poderemos facer realidade a encomenda de Xesús cando nos di que temos que ser homes e mulleres capaces de pescar persoas. Porque só desde unha vida coherente e consecuente poderemos dar testemuño. Porque só desde a empatía e a capacidade de poñernos no lugar da outra persoa, sen imposicións, seremos quen de evanxelizar. Porque só desde a esperanza e a alegría seremos quen de ser persoas anunciadoras do Reino que Xesús nos trouxo: un Reino de xustiza, de paz, de fraternidade e de igualdade. 

Iso é o que significa permanecer na Palabra de Deus: unha Palabra que alimenta, rega e reverdece o noso corazón para que poida dar froitos abondosos e sempre novos. Grazas, Señor, polo agasallo dunha Palabra de Vida e Verdade!

REZAMOS EN COMUNIDADE

Cando Xesús chama, faino para que sexamos felices. Poñamos entón a nosa vida nas súas mans, para que a alente e a acompañe, e digámoslle:
GRAZAS POLA TÚA PALABRA DE VIDA, SEÑOR
  • Para que a Igrexa camiñe tras as pegadas de Xesús, proclamando con ledicia o Evanxeo e atenta aos sinais dos tempos, OREMOS.
  • Para que contemplemos a grande luz que brilla no medio de nós, aínda cando habitamos en terras escuras, OREMOS.
  • Para que a túa Palabra sexa proclamada con fe, acollida con gratitude, vivida con intensidade e testemuñada con paixón, OREMOS.
  • Por cada unha e cada un de nós, para que sen medo sexamos capaces de converternos, OREMOS.
Grazas, Señor, por descubrirnos que construír o teu Reino é empeñarse en mellorar as cousas, e facer do lugar onde esteamos a casa de tod@s. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

A Palabra de Deus é para todas as persoas. O Evanxeo preséntanos a Xesús sempre en movemento, en camiño cara aos demais. En ningunha ocasión da súa vida pública dános a idea de que sexa un mestre estático, un doutor sentado nunha cátedra. Ao contrario, vémolo como itinerante, vémolo peregrino, percorrendo pobos e aldeas, atopando rostros e historias.
E esta Palabra de Deus, que se dirixe a todas e a todos, chama á conversión. A proximidade de Dios non é neutra, a súa presenza non deixa as cousas como están, non preserva a vida tranquila. Ao contrario, a súa Palabra sacódenos, inquiétanos, aprémanos ao cambio. Transforma o noso corazón e a nosa mente; cámbianos, lévanos a orientar a nosa vida cara ao Señor.
Esta é a invitación de Xesús: Deus fíxose próximo a ti, así que toma conciencia da súa presenza, faille lugar á súa Palabra e cambiarás a perspectiva da túa vida. Quixese dicilo tamén deste xeito: pon a túa vida baixo a Palabra de Deus.
(Francisco)


Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Trindade 2023

Deus sempre é comuñón sinodal: Pai, Fillo e Espírito Santo CANTOS Entrada.-  Camiñarei  (  )          Lecturas.-  As túas palabras Señor son espírito e vida  (  )          Ofertorio.-  Recibe, Señor  (   )          Comuñón.-  No colo de miña nai  (  ) OÍDO Á ESPREITA          Comezabamos cantando camiñarei na presenza do Señor. Si, porque é a súa presenza a que nos vai alentando e animando neste noso camiñar cotián; un camiñar que non sempre é doado, pero si está sempre acompañado pola súa presenza. Porque, nunca, nunca camiñamos sos. O  Deus Pai ,  Fillo  e  Espírito Santo móstrannos o seu amor facéndose compaña agarimosa. E se nós non camiñamos sos, tampouco o fan os demais, porque Deus sempre está, inda que moitas veces non queiramos recoñecelo.          Nesta mañá na que nos xuntamos para celebrar a fe esforcémonos por descubrir a súa presenza neste nos camiñar. Para que non camiñemos nunca ao chou, e si seguindo as pegadas daquel que sempre estira a man cara nós para que a collamo