Ir al contenido principal

28 domingo TO B 2024

Na sabedoría do compartir está a fraternidade solidaria

Cantos

         Entrada.- Con ledicia vimos ( 3)

         Lecturas.- Escoita ao Señor  (15 )

         Ofertorio.- Velaqui, Señor, o viño ( 37)

         Comuñón.- Ti es camiño e verdade ( 57)

 

Ollos abertos e oídos atentos

         Paz e ben para todas e todos vós. Volve ser domingo, e o altar convértese en mesa de reunión compartida do pan e da palabra. Pan e palabra que nos alentan e alimentan para que o noso camiñar non se deixe levar do desánimo nin do desacougo. Deus chámanos hoxe a facer desta mesa compartida encontro fraterno de solidariedade e acollida; como non podía ser doutro xeito, porque el dásenos en totalidade sempre xenerosa.

         Dispoñamos logo o noso corazón para , poñendo o mellor de cada unha e cada un de nós, converter este encontro comunitario no que o pan se fai presenza de Xesús e a palabra alento de esperanza, nunha experiencia  comunitaria de fraternidade vivida e celebrada.

 

Misericordia compartida

·  Para que non deixemos que entre no noso corazón a insensibilidade ante a dor de quen temos ao lado. Señor, danos a sabedoría de fraternidade.

·  Para que non deixemos que aniñe no noso corazón nin o desprezo nin a humillación das persoas. Cristo, danos a sabedoría da fraternidade.

·  Para que saibamos afastar de nós a tentación de pensar que nos valemos sen a axuda das demais persoas. Señor, danos a sabedoría da fraternidade.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA

Roguei e foime dada a prudencia,

supliquei e veu a min o espírito da Sabedoría.

Preferina a cetros e tronos,

en comparanza a ela, coidei ser nada a riqueza;

non se lle asemella a alfaia de máis prezo,

pois todo o ouro, ó seu lado, é unha manchea de area,

e xunto a ela a prata é coma a lama.

Ameina por riba da saúde e da beleza,

escollín posuíla en troques da luz,

pois o seu raiolar non ten solpor.

Con ela viñéronme xuntos tódolos bens,

polas súas mans, riquezas incontables. Palabra do Señor

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

A palabra de Deus é viva e dinámica, máis cortante do que unha espada de dobre fío e que penetra mesmo alí onde se diferencian a alma e o espírito, as xuntas e a medula. Ela xulga os proxectos e os pensamentos. 13Non hai cousa que se lle esconda, todo está nu e penetrable ós seus ollos: é a ela a quen lle habemos de dar contas. Palabra do Señor

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

No preciso momento en que Xesús se puña en camiño, chegou un a correr, que se axeonllou diante del e que lle preguntou:

 Mestre bo, ¿que teño que facer para acadar a vida eterna?

Xesús contestoulle:

 ¿E por que me chamas bo? Ninguén e bo, fóra de Deus. Xa sábes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra a teu pai e maila túa nai.

El respondeu:

         Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.

Entón Xesús pousou nel a súa ollada chea de cariño e engadiu:

 Aínda che falta unha cousa: vai, vende todo o que tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.

Ante estas palabras mudóuselle o rostro e marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens.

Xesús mirando todo arredor, díxolles ós discípulos:

 ¡Que difícil lles vai ser ós ricos entrar no Reino de Deus!

E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu a insistir:

         Fillos, ¡que difícil é entrar no Reino de Deus! É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no Reino de Deus.

Eles, aínda moi asombrados, comentaban entre si:

 Entón, ¿quen se vai poder salvar?

Xesús, mirando para eles fixamente, dixo:

 Si, para os homes é imposible, pero non para Deus; pois todo é posible para Deus. Palabra do Señor.

 

Palabra remoída

         A palabra que vimos de escoitar hoxe proponnos un camiño para percorrer de maneira persoal e comunitaria. Persoal porque só querendo, e con liberdade, escoitar e acoller a palabra Deus nos ofrece para facer o camiño da vida ledo e esperanzado, seremos quen de darlle sentido, alento e forza a todo canto nos vai pasando e imos vivindo na vida. Pero tamén é invitación a prestarlle atención e a acollela de xeito comunitario, porque comunidade somos todas e todos nós por compartir o seu proxecto de ser Igrexa , pobo de Deus e sacramento de salvación, que celebra, comparte, agradece e acolle a presenza de Xesús na nosa vida.

Non un Xesús espantallo que asusta e se nos aparece para escorrentarnos, senón como irmán disposto a facer camiño ao noso lado, acompañándonos e tendéndonos a man cando o precisemos. E isto é así porque a experiencia cristiá non pode desenvolverse se non é xuntos e xuntas, uns e unhas ao lado e sempre esforzándonos por escoitar, acompañar, tender a man e, sempre, sen deixar de lado a ninguén; poñendo corazón neste andar con e ao lado.

Como di Francisco, os descartes, a actitude que rexeita e da as costas, non pode ser nunca un xeito de actuar dos cristiáns e cristiás, porque vai a contrapé de todo canto foi facendo e dicindo Xesús de Nazaret no seu paso polo mundo. Desde esta chamada, podemos logo hoxe entresacar tres afirmacións que corroboran canto vimos dicindo:

·  Roguei e foime dada a prudencia.- So quen  asume a súa fraxilidade, e nós somos fráxiles, será quen de entender que a nosa relación don Deus pasa por unha relación coas demais persoas encamiñada na sinxeleza, na humildade e a prudencia. O arrouto, o pensar que podemos ser máis ca os demais, non é resposta de verdadeira sabedoría. Esa sabedoría que aquece o corazón e se volve sempre mirade de amizade para coas demais persoas.

·  Con ela viñéronme xuntos tódolos bens.- E esta sabedoría ábrenos ao compartir, ao poñer ao servizo da solidariedade aquilo que sabemos que pode facer o mellor ben ás demais persoas, sen gardárnolo nin acumulalo só para nós. Saber vivilo deste xeito sempre acaba sendo experiencia de riqueza persoal e vivencia de fraterna de experiencia de Deus. O deus de comuñón Pai, Fillo e Espírito Santo que sae, como compaña, no noso camiñar cotián.

·  Marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens.-  Deste xeito nunca nosa sentiremos, como o mozo do evanxeo, apesarados por non ser capaces de ofrecer a quen máis o precisa canto podemos compartir. O que non se reduce única e exclusivamente ás cousas materiais, porque as persoas precisamos e podemos dar compaña, escoita, alento, sorrisos... que aquezan o noso corazón e animen a nosa vida, e iso as cousas materiais, por moito que nos custe entendelo, nunca no lo darán.

É verdade que sen o material a vida perde horizonte e nútrese de desencanto e desacougo, cando non de exclusión. Pero, non é menos verdade que máis alá do ter está o recoñecer ao outro/a como un igual e fráxil, coma nós, a quen , desde o amor nos urxe pararnos e prestar atención. Son hoxe, moitas as persoas que o precisan. O que non ha ser motivo de tristura nin apesaramento, todo o contrario. Abrir mans e saír ao encontro de quen nos precise non é máis que descubrir nel a presenza de Xesús  que invita sempre a poñernos en actitude de servicialidade. E aí si que está a verdadeira sabedoría.

Oración agradecida

         Deus, na sabedoría de quen comparte o vivido, chámanos hoxe  rezar dicindo: que practiquemos a sabedoría do amor.

·  Para que sexamos unha Igrexa sabia de humanidade, rexeitando a tentación do poder. Oremos. Que practiquemos a sabedoría do amor.

·  Para que sexamos comunidades servidoras, fraternas e solidarias, sabendo acompañar as fraxilidades de quen temos ao noso lado . Oremos. Que practiquemos a sabedoría do amor.

·  Para que non deixemos que se entristeza o corazón polo apego  ao material como único e exclusivo horizonte da nosa vida . Oremos. Que practiquemos a sabedoría do amor.

Señor, acolle esta nosa oración comunitaria que hoxe compartimos e poñemos baixo a túa compaña. Por Cristo noso señor. Amen.

 

Palabras de esperanza

No nome de Deus, que creou a todos os seres humanos iguais en dereitos, deberes e dignidade e chamounos a vivir entre eles coma irmáns, a poboar a terra e difundir sobre ela os valores do ben, da caridade e da paz.

No nome da alma humana inocente que Deus prohibiu matar, afirmando que quen mata a unha persoa é coma se matase a toda a humanidade e quen salva a unha persoa é como se salvase a toda a humanidade.

No nome dos pobres, miserables, necesitados e marxinados, a quen Deus mandou axudar como un deber esixido a todos os homes e en particular aos ricos e ricos.

No nome dos orfos, viúvas, refuxiados e exiliados dos seus fogares e países; de todas as vítimas de guerras, persecucións e inxustizas; dos débiles, dos que viven con medo, dos prisioneiros de guerra e dos torturados en calquera parte do mundo, sen ningunha distinción.

No nome das persoas que perderon a seguridade, a paz e a convivencia común, sendo vítimas de destrución, ruínas e guerras.

No nome da “ fraternidade humana ”, que abraza a todos os homes, os une e os fai iguais.

No nome desta fraternidade esgazada por políticas de ienfrontamento e división e por sistemas de lucro excesivo e tendencias ideolóxicas odiosas, que manipulan as accións e os destinos dos homes.

No nome da liberdade, que Deus deu a todos os seres humanos, creándoos libres e ennobrecéndoos con ela.

No nome da xustiza e da misericordia, fundamentos da prosperidade e alicerces da fe.

No nome de todas as persoas de boa vontade, presentes en todos os recunchos da terra.

Somos urxidos e urxidas a traballar pola paz, a xustiza e o ben común. Amén ( Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos como Xesús se anoxa diante daqueles que converteran o templo nunha tenda de compra venta, e reacciona facendo unha afirmación que nunca deberiamos esquecer: “ no