Ir al contenido principal

5 domingo Pascua 2025

 O AMOR É SEMPRE NOVO SE É COMA O EVANXEO: NON SE PROCLAMA, SENÓN QUE SE VIVE E SE OFRECE

 

CANTO GOZOSO

 

·      ENTRADA: O amor é o meirande (Nº 119)

·      ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 124)

·      LECTURAS: Douvos un mandato novo (Nº 18)

·      OFERTORIO: Ti es o pan do ceo (Nº 54)

·      COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)

 

POÑÉMONOS Á ESCOITA ACTIVA

 

Neste quinto domingo de pascua, a celebración quere invitarnos a dar grazas pola ledicia de vivir o amor coas persoas que temos ao redor: pais/nais, fillos/fillas, avós/avoas, parella, amigas e amigos. Dar grazas porque non estamos solos; dar grazas porque falar de Deus supón sempre descubrilo desde o amor vivido e entregado ao servizo dos demais. Nisto consiste o novo mandamento que Xesús nos dá: en amarnos, en traballar por sementar a amizade social da que nos falaba Francisco na Fratelli tutti.

Celebrémolo con ledicia e desde a esperanza desta pascua que nos segue a invitar a seguir as pegadas de Deus. 

 

CO CORAZÓN MAGOADO

(Aspersión)

 

·       Porque nos encanta ser profetas de calamidades, xogando co medo das persoas, laiándonos do mal que están as cousas e pechándonos á confianza, á ilusión e á fe nun ceo e nunha terra novas, que comezan no aquí e agora, SEÑOR, QUE NON VIVAMOS NO DESAMOR E NA DESESPERANZA. 

·       Porque en demasiadas ocasións facemos fincapé na rixidez da letra, na ortodoxia e nun ritualismo baleiro, sen deixarnos sorprender e enchoupar coa novidade e a frescura do mandado do amor, que fai novas todas as cousas, CRISTO, QUE NON VIVAMOS NO DESAMOR E NA DESESPERANZA. 

·       Porque moitas veces chamámoslle amor ao que só busca o noso propio interese e comodidade; SEÑOR, QUE NON VIVAMOS NO DESAMOR.

 

PALABRA OFRECIDA 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

 

Paulo e mais Bernabé volveron para Listra, Iconio e Antioquía, enfortecendo o espírito dos discípulos e animándoos a persevararen na fe, porque ‑dicíanlles‑ temos de pasar por moitos traballos, para entrarmos no Reino de Deus. E despois de designarlles presbíteros en cada Igrexa, oraban, xaxuaban e encomendábanos ó Señor, en quen creran.

Atravesando a Pisidia, chegaron a Panfilia e, logo de anunciaren a palabra en Perxe, baixaron cara a Atalía. De alí embarcaron para Antioquía, desde onde foran confiados á gracia de Deus para a misión que viñan de cumprir. Chegando, reuniron a Igrexa e contaron todo canto Deus fixera con eles e como lles abrira ós pagáns a porta da fePalabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE DE SAN XOÁN

 

Logo vin un ceo novo e unha terra nova, pois o primeiro ceo e a primeira terra xa pasaran; e o mar xa non existía. Tamén vin que a cidade santa, unha Xerusalén nova, baixaba do ceo de onda Deus, preparada coma a esposa que está engalanada para o seu esposo. E sentín unha forte voz que desde o trono dicía:

"Velaquí a tenda de Deus onda os homes.

Acampará entre eles:

eles serán o seu pobo

e El será o seu Deus e compañeiro.

Enxugará tódalas bágoas dos seus ollos,

e a morte xa non existirá máis.

Nin haberá máis loito nin pranto nin dor,

porque as primeiras cousas pasaron xa".

O que estaba sentado no trono dixo: "Vede que volvo novas tódalas cousas". Palabra do Señor

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Cando saíu do cenáculo, dixo Xesús:

‑Agora queda glorificado o Fillo do Home e Deus queda glorificado nel. Se Deus queda glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña. Meus fillos: só un pouquiño estarei convosco. 

Douvos un mandamento novo: amádevos uns a outros; como eu vos amei, amádevos tamén entre vós. Nisto coñecerán todos que sóde-los meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros.

Palabra do Señor.

PARA TER OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

 

ü RESILENCIA: Esta é a palabra que nos pode axudar a entender a primeira lectura do libro dos Feitos dos Apóstolos que temos lido hoxe. Aquelas persoas eran perseverantes un e outro día: perseguíanos, metíanos no cárcere, burlábanse deles, denunciábanos.... pero eles non se desanimaban. Eran, como diriamos hoxe, resilientes... E esa resiliencia viña dada porque estaban totalmente convencidos de que Xesús, o fillo de Deus, aquel co que conviviran, trouxera unha Boa Nova que lles encomendou que espallaran polo mundo enteiro. Tiñan algo que, se cadra, a nós nos segue a faltar: convencemento. A fe era motor e alento das súas vidas. Iso non aforraba dificultades, pero facía/fai que se enfrontasen a elas dun xeito diferente, non desde a desesperación e a soidade, senón desde a esperanza e o saberse acompañadas e acompañados polo Resucitado no seu camiño. Por iso estaban convencidos de que pagaba a pena dar testemuño da nova xeira e do novo mundo que Xesús lles/nos encomendara construír e que estaba aberto para todas as persoas. O todos, todos, todos que Francisco berrou en Lisboa e o todos, todos, todos co que León XIV abriu o seu pontificado non é unha frase para quedar ben, senón que bebe da mesma Escritura: “contaron todo canto Deus fixera con eles e como lles abrira ós pagáns a porta da fe”.

ü Efectivamente, o mandado de Xesús Resucitado é claro, directo, incisivo: amádevos. Esa é a mellor proba de que sodes cristiáns e cristiás. Acabamos de vivir un conclave para elixir un novo Papa. Á luz do que liamos moitas veces nos medios de comunicación ao respecto do comportamento dalgúns cardeais, por veces o proceso semellaba máis un xogo de tronos que unha decisión reflexionada e meditada para escoller ao sucesor de Pedro. A polarización, tamén presente na nosa Igrexa, estaba moi patente. E pasado todo ese proceso, podemos preguntarnos: demos testemuño como Igrexa diante do mundo de que o mandado novo de Xesús, aquilo que nos ten que mover é ese amádevos que hoxe resoaba no Evanxeo?

ü Pascua é momento de reverdecer, de dar flores e froito. Somos convidadas e convidados a facer do amor non unha palabra, senón unha actitude no noso día a día, alí onde estamos: casa, amizades, parroquia, traballo..... Só desde o amor poderemos alcanzar esa resiliencia e esa perseveranza que nos levará a descubrir que “Deus fai novas todas as cousas”.

 

RENOVACIÓN PROMESAS BAUTISMAIS

(Propoñemos facer a renovación das promesas bautismais durante todos os domingos da Pascua. A poder ser, farémola desde a fonte bautismal)

Neste tempo de Pascua, non podemos pasar por alto renovar o compromiso de fe que un día fixeron por nós no bautismo e que hoxe se os chama a proclamar ben alto. Por iso:

1.   Renunciades a formar unha comunidade triste e desesperanzada?

2.   Renunciades aos novos deuses do consumo, o aparentar ou os cartos, que nos afastan do Deus verdadeiro?

3.   Renunciades á violencia, a crernos superiores aos demais, á marxinación e ao desprezo das persoas?

4.   Renunciades á desesperanza, ao desánimo, á tristura; e tamén á resignación e á pasividade diante da realidade?

5.   Credes en Deus, a quen podemos chamar con confianza Pai?

6.   Credes en Xesús, o “Fillo amado do Pai”, que nos falou palabras de vida, padeceu e morreu, pero Deus resucitouno e está xa sempre con nós?

7.   Credes no Espírito do Amor, que procede do Pai e do Fillo, e que conduce á Igrexa e ás persoas cara á Verdade plena?

8.   Credes no perdón, na forza liberadora do amor, na misericordia como estilo de vida?

9.   Credes nunha nova creación na que habite a xustiza, onde Deus sexa todo en todos e as persoas sexamos irmás?

Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

FRATERNIDADE ORANTE

 

Porque o amor de Deus quere enchoupar os nosos corazóns, e nós non deixamos que se converta en algo efémero, senón que nos esforzamos por darlle permanencia e continuidade na nosa vida, dicimos: 

 

QUE AMEMOS E NOS DEIXEMOS AMAR

 

ˣ  Pola Igrexa, que en demasiadas ocasións se perde en disquisicións doutrinais e ritos baleiros, esquecendo o mandado do Señor; para que saíndo das súas comodidades e do seu afán de protagonismo e poder, descubra a novidade do amor de Deus como verdadeira forza transformadora, OREMOS.

 

QUE AMEMOS E NOS DEIXEMOS AMAR

 

ˣ  Para que nas nosas comunidades non teñamos medo a poñernos sempre do lado das persoas perdedoras, que necesitan tempo, acompañamento, escoita e entrega, OREMOS.

 

QUE AMEMOS E NOS DEIXEMOS AMAR

 

ˣ  Por nós, para que non fagamos nunca do amor unha carga, nin para nós nin para os demais, e saibamos vivilo desde a igualdade, o diálogo e a capacidade de pensar que do mesmo xeito que eu necesito dos demais, tamén os demais necesitan de min, OREMOS.

 

QUE AMEMOS E NOS DEIXEMOS AMAR

 

Agradecémosche que nos fagas ver que o amor ha ser o motor da nosa vida, e comprometémonos a vivilo con alegría e desde a esperanza á que nos chamas en Cristo Resucitado, El que vive e reina por sempre eternamente. Amén.

 

MIRADA ESPERANZADA

O amor é sempre novo:
se é coma a neve: cae suavemente e sen facer balbordo
se é coma a auga: por onde pasa, xera vida
se é coma a lúa: ofrece luz na escuridade
se é coma o sol: quenta a todas as persoas por igual
se é coma as estrelas: guía nas dificultades
se é coma a terra: xermola cando se sementa
se é coma Xesús: gratuíto, inmenso e universal
se é coma o Espírito: sopra suavemente e en todas as direccións
se é coma Deus: ama sen distingos
se é coma María: está ao pé da cruz e á porta da Resurrección
se é coma a Pascua: anuncio de vida.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...