20º Domingo do tempo ordinario
NA CARREIRA DA VIDA, A PEGADA DE XESÚS VAI MOSTRANDO O CAMIÑO. TEÑAMOS AFOUTEZA PARA SEGUILO!
CANTO GOZOSO
· Entrada Seguirei os teus pasos. (103 )
· Lecturas: Camiñarei na presenza do Señor. (12 )
· Ofertorio: Recibe Señor. (31)
· Comuñón: Quédate, Señor, connosco (63)
ESCOITA ACTIVA
Comezamos cantando seguirei os teus pasos. Este canto é unha invitación a non quedar parados, a non volvernos pasivos, a non converter a fe nun obxecto de museo nin a facer de nós visitantes semanais dese museo.
As igrexas son lugares de encontro, de oración, de reunión da comunidade para sentir o gozo de que non estamos sos, de que camiñamos unhas persoas ao lado das outras, de que o individualismo non debe entrar na maneira de sentir, expresar e vivir a fe.
Esforcémonos entón por poñer o mellor de cada unha e cada un de nós, de xeito que esta celebración que agora comezamos nos encha de alegría, nos acompañe no camiñar na esperanza de plenitude coa que nos agasalla Xesús e nos faga sentir o recendo, sempre agarimoso, de sabernos comunidade que sabe axudarse, quererse e alentarse no camiñar da vida.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Porque moitas veces fáltannos folgos para seguir as pegadas de Xesús. SEÑOR, QUE A AFOUTEZA ACOMPAÑE O NOSO CAMIÑO.
· Porque son demasiadas as veces nas que nos deixamos levar pola falta de alegría e esperanza ao vivir a fe. CRISTO, QUE A AFOUTEZA ACOMPAÑE O NOSO CAMIÑO.
· Porque non acabamos de deixar todo o lastre de ter vivido unha fe desde o medo e a rutina. SEÑOR, QUE A AFOUTEZA ACOMPAÑE O NOSO CAMIÑO.
PALABRA AGASALLADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS
As autoridades dixéronlle ó rei: Fágase morrer a este home, pois deste xeito está a afrouxar os ánimos dos homes de guerra que quedan nesta cidade e os ánimos de todo o exército, dicíndolles cousas coma estas. Certamente este home non está a buscar o benestar para o pobo, senón que está a buscar a súa desgracia.
O rei Sedecías repúxolles:
Aí o tendes no voso poder, pois o rei non pode nada contra vós.
Eles colleron a Xeremías e botárono na cisterna de Malaquías, príncipe real que estaba no patio da garda, baixando a Xeremías con cordas. No pozo non había auga, senón lama, e Xeremías enterrouse na lama.
Saíu Ébed-Mélec do palacio real e faloulle ó rei nestes termos:
Meu señor, meu rei, estes homes cometeron unha inxustiza con todo o que lle fixeron a Xeremías, o profeta, e con botalo na cisterna; vai morrer onde está por falta de pan, xa que non hai pan na cidade.
Entón o rei deulle esta orde a Ébed-Mélec, o etíope:
Colle ás túas ordes tres homes destes, e sube da cisterna ó profeta Xeremías, antes de que morra. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS
Irmáns e irmás:
Xa que nos vemos cercados arredor por unha tal nube de testemuñas, deixando enteiramente a un lado todo o que nos estorba e o pecado que tan facilmente se nos apega, corramos con aguante a carreira que temos por diante, co ollo posto en Xesús, o primeiro guía que leva á perfección a nosa fe.
Porque el, sen lles dar importancia ás aldraxes, soportou a cruz por mor da ledicia que o agardaba e desde entón está sentado á dereita do trono de Deus. Meditade, polo tanto, naquel que veu soportando tal oposición contra si mesmo de parte dos pecadores para non esmorecerdes nin cansardes. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Dilles Xesús ós seus discípulos:
¡Lume vin traer á terra: e que máis quería eu ca que xa estivese a arder! Hanme bautizar cun bautismo e ¡xa me tarda a hora de que se cumpra! ¿Pensades que vin trae--la paz á terra? Abofé que non: vin traer división. Pois desde agora na casa onde haxa cinco, estarán divididos tres contra dous e dous contra tres. Estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra. Palabra do Señor.
PALABRA REMOÍDA
· Xeremías era un home cheo de afouteza. Non deixaba que as circunstancias, as presións ou as acusacións falsas o apartasen da súa misión: denunciar coa súa palabra profética a maneira de actuar, a falsa piedade e o abuso do relixioso, e mesmo de falar de Deus, en beneficio propio. Por iso non foron capaces de calalo, de xeito que a súa voz servía de alento e ánimo para a xente do pobo. Non deixarse dobregar polo poder puxo en risco a súa vida, pero el non se deixou manipular. Que grande testemuño de coherencia vemos neste home! E como nos faltan hoxe testemuños destes na nosa Igrexa, na sociedade, no mundo. Sobran líderes que só buscan o seu propio engrosamento do peto persoal ou o recoñecemento narcisista do ben que fan as cousas, pero fáltannos homes e mulleres que denuncien e non calen diante dos abusos, as manipulacións, as mentiras ou que non vexan só para os seus, que sempre son os bos, e namais falan do mal que fan os outros, os que non son dos seus. E isto pásanos en tódolos ámbitos da vida, por iso é importante que non deixemos que esta palabra que hoxe foi sementada nos nosos corazóns caia na terra seca e falta de vitalidade da nosa vida. Precisamos nós, si, nós recuperar a “ parresía“ –a afouteza– coa que falaba e se comportaba Xeremías, neste noso mundo tan desnortado e precisado de palabras e feitos de verdade.
· E como nos di a carta aos Hebreos que hoxe temos escoitado, o noso motivador persoal e comunitario non pode ser outro máis ca Xesús. O Xesús que escoitaba, que non calaba diante das inxustizas, que buscaba momentos no día a día para interiorizar e rezar a Deus Pai, facendo da oración diálogo sereno e frutuoso, con tranquilidade e sen présa. Poñer o noso alicerce en Xesús, non como unha frase feita e baleira de contido, senón como unha opción de vida que vai acompañando canto facemos e dicimos, converte a oración nun momento privilexiado, reconfortante e auténtico de diálogo e confianza no Deus que vai camiñando connosco cada día. Teñamos logo os oídos en actitude de escoita, os ollos ben abertos e o corazón en disposición a poñer pés e mans ao servizo daquelas causas, tantas veces esquecidas, que precisan ser visibilizadas, coñecidas e axudadas para que non caian no esquecemento.
· E todo isto supón esixencia e compromiso. Por iso Xesús utiliza unha linguaxe forte, tal e como acabamos de escoitar no evanxeo. Compromiso porque, como ocorría co profeta Xeremías, cando actuamos con coherencia, cando non calamos diante das inxustizas que vemos cada día, cando non nos deixamos engaiolar polos que nos menten, nos pretenden manipular ou queren que teñamos a boca pechada a esixencia é moi grande. É moi difícil non caer nesta tentación; é moi difícil non claudicar indo contra o que fan e din todos; é moi difícil ser honesto cos valores que un ten, os principios que van rexendo a vida e os xestos que van mostrando que nos tomamos en serio ás persoas e o que lles pasa, sen deixarnos levar da adulación ou do que os nosos oídos queren escoitar. E é aí, onde hai que entender a dureza das palabras de Xesús: división ou enfrontamento, porque cando por onde ten que camiñar e non se deixa ir para facer o mesmo que fan todos e todas, é cando ten sentido dicir: grazas, Señor, pola fe que me descubre a importancia de actuar en conciencia e defendendo as persoas e a súa dignidade!
ORACIÓN AGRADECIDA
Desde esta afouteza á que hoxe nos invita o evanxeo dicimos agora na nosa oración comunitaria: SEÑOR, LOITEMOS CONTRA A MEDIOCRIDADE.
· Para que sexamos unha Igrexa que non cale ante as persoas que, querendo manipular a Deus, utilizan o seu nome para enfrontarnos e separarnos. Oremos. SEÑOR, LOITEMOS CONTRA A MEDIOCRIDADE.
· Para que alí onde vivamos non deixemos nunca que nos silencien ao denunciar o esquecemento que se fai das persoas e o intento de manipularnos con frases bonitas e baleiras de contido. Oremos. SEÑOR, LOITEMOS CONTRA A MEDIOCRIDADE.
· Para que cada unha e cada un de nós teñamos a afouteza de facer da nosa vida testemuño agradecido de verdade, de honestidade e de coherencia persoal no noso vivir como seguidoras e seguidores de Xesús. Oremos. SEÑOR, LOITEMOS CONTRA A MEDIOCRIDADE.
Grazas, Señor, por espertar en nós o compromiso de ser, alí onde esteamos, testemuñas de acollida, igualdade e respecto para coas persoas, sen manipular nunca o teu nome no noso beneficio. Por Xesucristo o noso Señor. Amén.
LUZ PARA O CAMIÑAR COTIÁN
Non chores polo que perdiches, loita polo que tes.
Non chores polo que está morto, loita polo que naceu en ti.
Non chores polo que te abandonou, loita polo que está ao teu lado.
Non chores por quen te odia, loita por quen te quere feliz.
Non chores polo teu pasado, loita polo teu presente.
Non chores polo teu sufrimento, loita pola túa felicidade.
Non é fácil ser feliz, temos que renunciar a varias cousas, tomar decisións e ter o valor de asumir cargas e bonos para ser felices.
Co paso do tempo aprendemos que nada é imposible de resolver. Continúa cara adiante con quen te quere, e loita por non quedarte so.
Non deixes que te engane quen pensa que a riqueza e o status son envexables, son o mellor. A xente o que realmente envexa é o sorriso fácil, a luz propia, a felicidade sinxela e sincera e a paz interior.
(Francisco)
Comentarios