Ir al contenido principal

21 Domingo TO C 2025

 Domingo XXI do T.O.

A PORTA ESTREITA, QUE É VIOLETA, É A DA LIBERACIÓN

CANTO GOZOSO

 

·      ENTRADA: Amigos nas penas

·      LECTURAS: Xesús é Señor (Nº 16)

·      OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas (Nº 52)

·      COMUÑÓN: Benaventurados (Nº 119)

 

ESCOITA ACTIVA

         “Loitade para entrardes pola porta estreita” escoitaremos hoxe no evanxeo de boca de Xesús. Sacada de contexto, esta sentencia serviu/serve de fundamento para presentar a fe como renuncia, como sacrificio, mesmo como sufrimento: canto máis nos mortifiquemos e máis suframos “por Deus”, máis cerca estaremos da salvación. Mais iso choca de fronte coa imaxe do Deus de Xesús: un Deus que nos quere como un Pai, coma unha Nai. 

         E porque quere que sexamos persoas felices, convídanos a entrar pola porta estreita, pola porta violeta da liberación. Unha porta na que a única equipaxe que levaremos será a xustiza e a misericordia que enchoupen o noso corazón; por iso é unha porta estreita, porque non precisamos máis.

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Por sentir a fe coma unha pesada carga nos nosos ombreiros e non coma liberación; SEÑOR GUÍANOS CARA Á PORTA ESTREITA.

·      Porque somos persoas cheas de soberbia e autocomplacencia que preferimos primeiros postos no canto de ser persoas servidoras e sinxelas, CRISTO, GUÍANOS CARA Á PORTA ESTREITA.

·      Porque temos dous raseiros para medir ás persoas, porque nos seguimos erixindo en xuíces dos irmáns e das irmás, porque se nos enche a boca condenando e nunca valoramos o traballo, o esforzo e o cambio, SEÑOR, GUÍANOS CARA Á PORTA ESTREITA.

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA `PROFECÍA DE ISAÍAS

Eu chego para xuntar todos os pobos e as linguas, para que veñan e vexan a miña gloria.

Porei no medio deles un sinal e mandarei os superviventes de entre eles ás nacións: a Tárxix, a Pul e a Lud, ós que tensan o arco, a Tubal e a Iaván, ás remotas nacións costeiras que non oíron o meu renome, nin viron a miña gloria.

Eles manifestarán a miña gloria entre os pobos. Eles traerán a todos os seus irmáns coma ofrenda para o Señor, en cabalos e en carros, en liteiras, en mulos e en dromedarios, ata o meu santo monte de Xerusalén dío o Señor, así como os fillos de Israel traen ó templo do Señor a ofrenda en vasillas limpas. Tamén collerei a algúns deles para sacerdotes e levitas dío o Señor.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA AOS HEBREOS

Irmáns e irmás:

Xa vos esqueceu aquela recomendación de Deus, que vos fala como se lles fala ós fillos:

"Meu fillo, non despreces o castigo do Señor nin esmorezas cando El che rife; porque o Señor, a quen lle quere ben, castígao,e azouta a todo aquel que recoñece por fillo".

Aguantade o sufrimento coma un castigo educativo: é Deus que vos trata coma fillos. Porque, ¿quen é o fillo a quen seu pai non o castiga?

Ningún castigo resulta agradable de momento senón triste; pero co tempo ós que están exercitados nel págalles co froito pacífico da xustiza.

Por iso, entesade as vosas mans sen forzas e os vosos xeonllos trementes e poñede os vosos pés en vieiros dereitos para que a perna coxa non escorde, senón que máis ben cure.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Xesús atravesaba vilas e aldeas ensinando, camiño de Xerusalén.

Un preguntoulle:

ü  Señor, ¿e logo son poucos os que se salvan?

Xesús respondeu:

ü  Loitade para entrardes pola porta estreita, porque vos aseguro que moitos intentarán entrar e non poderán. Despois que o dono da casa peche a porta e empecedes os de fóra a petar nela dicindo: "Señor, ábrenos", el responderá: "Non sei quen sodes". Entón empezaredes a dicir: "¡Se nós comemos e bebemos contigo e ti ensinaches polas nosas rúas!". El repetirá: "Non sei quen sodes. ¡Arredade de min os que practicades a inxustiza!” Daquela habedes chorar e hanvos renxer os dentes: cando vexades que Abraham, Isaac, Xacob e todos os profetas están no Reino de Deus, e que a vós vos botan para fóra. E chegarán de Oriente e Occidente, do norte e do sur a sentar na mesa do Reino de Deus. Si, hainos que son últimos e serán os primeiros, e hainos primeiros que serán os derradeiros.

 

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA REMOÍDA

·      Volve Deus falarnos neste domingo de universalidade, de non rexeitamento, de non deixar a ningunha persoa nas beiras. Nunha palabra, de abrir portas. Máis como nos custa!!!!!!!!!! “Dónde está la reciprocidad negada de los moritos con los cristianos?” publicaba nunha coñecida rede social un arcebispo, esquecendo que, como moi ben lle contestou un irmán no episcopado: “un xenófobo no puede ser un verdadero cristiano”. 

·      Nós somos persoas moito máis dadas a pechar as portas para que non haxa circulación de aire, non vaia ser que nos arrefriemos. E tanto pechar, como ben sabemos, vicia o aire e acabamos asfixiando e morrendo. Asfixiamos os nosos soños, asfixiamos as nosas esperanzas, asfixiamos o noso compromiso, asfixiamos o frescor do Evanxeo. E todo por non abrir as portas, esas portas da universalidade. “Eu chego para xuntar todos os pobos e as linguas, para que veñan e vexan a miña gloria escoitabamos na profecía de Isaías... mais nós seguimos crendo que temos a exclusiva, que ninguén coma nós, que canto máis uniformidade, mellor... non vaia ser que nos contaminemos 

·      Porque claro, a algúns seguro que se lles enche hoxe a boca predicando aquilo de “entrade pola porta estreita”. Que estupendo!. Coma nos mellores tempos (aqueles pasados nos que a Igrexa mandaba tanto), trátase de meterlle á xente o medo no corpo: non vedes, tal e como nos di o Señor, hai que entrar pola porta estreita do sacrificio, da mortificación, do cilicio, da penitencia.... só así nos salvaremos... Unha proposta a todas luces excluínte e alienante. Porque fóra da Igrexa non hai salvación, as persoas que sexan doutras relixións, as ateas, as agnósticas.... arderán eternamente no inferno. Que Deus tan xusto, porque premia aos bos (nós) e castiga aos malos (os roxos descridos)!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!.

·      Mais non podemos quedar aí.... por moito que nos gustara. Se seguimos lendo descubriremos que o evanxeo é unha caixa de sorpresas, porque o Señor tamén nos di: arredade de min os que non practicades a xustiza. Pero claro, iso é menos importante. Iso da xustiza, da austeridade, do ben común, da participación, da ecoloxía... son pecata minuta, naderías, cousas baladís. Porque claro, a verdade é que ás veces dentro da nosa Igrexa temos comportamentos que son ou para botar a correr e non parar ou para botar a chorar e non parar. Así, rapidamente se pon o grito no ceo por unha xenuflexión mal feita, por non axeonllarse na consagración, por comulgar na man, por asistir a unha celebración da palabra... rapidamente facemos sinónimos pecado e sexo, pecado e muller; rapidamente se nos di que debemos ser persoas frías e calculadoras, que a sexualidade é mala e hai que reprimila, que ..... pero nunca se nos fala de que as persoas inxustas non teñen cabida no Reino de Deus. E así seguimos: cobrando por todo, vagueando e racaneando o noso traballo e a nosa entrega, malgastando no propio proveito os cartos públicos, facendo distincións entre homes e mulleres, segundo teña máis ou menos cartos, máis ou menos estudos ou segundo o posto laboral que ocupe e que nos permita utilizala de cando en vez, querendo sempre saír na foto... pero iso.... iso non ten que ver coa fe, verdade?. Pois mire, si ten que ver coa fe: vostede está entrando pola porta ancha, pola porta fácil, pola porta da fe desencarnada e esa non conduce á salvación. Vai errado no camiño. Porque é verdade que a salvación esixe esforzo, renuncia, sacrificio, valentía, coherencia.... si, porque pasa polo camiño da xustiza e da fraternidade. Por iso a súa porta é estreita, porque esixe de nós unha fe comprometida coa xente, coa sociedade, co mundo, e non co noso grupo burbulla. Porque a porta estreita non é a dos sacrificios, senón a da misericordia, a da inclusión, a da integración, porque Deus ten sitio para todas as persoas.

 

COMPARTINDO A ORACIÓN 

         Damos grazas comunitariamente a Deus por este agasallo que nos fai de ser persoas alegres e sen prexuízos. Facémolo dicindo: QUE ABRAMOS AS PORTAS DO NOSO CORAZÓN,

·      Pola Igrexa, para que nunca siga o camiño da crispación e do aproveitamento, senón que, abríndose á misericordia de Deus, camiñe polos vieiros da xustiza e da fraternidade, que nos han conducir á porta axeitada, OREMOS.

·      Polas nosas comunidades, para que sempre traballemos pola integración e a inclusión de todas as persoas, sen facer distingos que son artificiais e non responden á mensaxe de Cristo, OREMOS.

·      Polas vítimas da vaga de incendios que azouta a nosa terra; por todas as persoas que loitan contra o lume en primeira liña; por nós, para que tomemos en serio o mandado do Señor de coidar a casa común, OREMOS.

·      Por cada un e cada unha de nós, que nos xuntamos nesta mañá de domingo para celebrar a fe, para que nunca esquezamos que a salvación que Deus nos ofrece é universal e non caiamos na tentación da soberbia, OREMOS.

Grazas, Señor, por lembrarnos unha vez máis que a nosa fe pasa por vivir a fondo o a amor, a dispoñibilidade e o servizo solidario e fraterno. P.X.N.S. Amén.

DEIXÁNDONOS GUIAR POR EL

A imaxe da porta repítese varias veces no Evanxeo e refírese á da casa, do fogar doméstico, onde atopamos seguridade, amor, calor. Xesús dinos que existe unha porta que nos fai entrar na familia de Deus, na calor da súa casa. Esa porta, que é Xesús mesmo, nunca está pechada, senón que está aberta a todas as persoas, sen distincións, sen exclusións, sen privilexios. 

Na actualidade pasamos ante moitas portas que convidan a entrar prometendo unha felicidade que logo nos damos conta de que dura só un instante, que se esgota en si mesma e non ten futuro. Pero eu pregúntovos: nós, por que porta queremos entrar? E, a quen queremos facer entrar pola porta da nosa vida? Quero dicir con forza: non teñamos medo a cruzar a porta da fe en Xesús; non teñamos medo a deixalo entrar cada vez máis na nosa vida.

A porta de Xesús é unha porta estreita, non por ser unha sala de tortura. Non, non é por iso, senón porque nos pide abrir o noso corazón a El, recoñecernos persoas pecadoras, necesitadas da súa salvación, do seu perdón, do seu amor, de ter a humildade de acoller a súa misericordia e deixarnos renovar por El. Xesús no Evanxeo dinos que ser persoas cristiás non é ter unha “etiqueta”, senón vivir e testemuñar a fe na oración, nas obras de caridade, na promoción da xustiza, en facer o ben. Pola porta estreita que é Cristo debe pasar toda a nosa vida. (Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...