O SEGUIMENTO DE XESÚS NON PODE DEPENDER DO MEDO, DUN IMPULSO FÁCIL, DUNHA NECESIDADE DE SEGURIDADE, DUNHA HERDANZA E MOITO MENOS DUNHA RUTINA. NON É UN XOGO. TAMPOUCO UN CONXUNTO DE VERDADES NIN UNHA COLECCIÓN DE DOGMAS.
É UNHA RESPOSTA PERSOAL!!!!
CANTOS
- ENTRADA: Con ledicia vimos
- LECTURAS: Contade as marabillas do Señor
- OFERTORIO: Señor Xesús
- COMUÑÓN: Eu soñei
ABRINDO OS OLLOS
Resúltanos difícil conxugar o que nos di a Palabra que proclamamos coa vida que vivimos. Temos moi claro que Xesús fálanos de paz, amor, xustiza, perdón... pero nós empeñámonos en vivir no enfrontamento, o odio, a inxustiza ou o rancor.
Ata cando vai ser así?. Deixemos de ser persoas teóricas do Reino, para comezar a facer do Reino vida onde o corazón saiba amar, os oídos, escoitar; os ollos, acoller; a cabeza descorrer e as mans traballar.
Que a nosa oración comunitaria de hoxe nos axude a conseguilo.
CO CORAZÓN FERIDO
- Por todas as veces nas que non quixemos unir o que rezamos e o que vivimos, SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR
- Por todas as veces nas que renunciamos a vivir a fraternidade, empeñándonos en buscar o enfrontamento, CRISTO, AXÚDANOS A CAMBIAR
- Por todas as veces nas que somos persoas teóricas do Reino, vendedoras de fume, sen comprometer a nosa vida no teu seguimento, SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR
PALABRA PROCLAMADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA
¿Que home de feito poderá coñece-lo plan de Deus
ou quen se decatará do que quere o Señor?
Abofé, os pensamentos dos mortais son covardes
e inseguros os nosos proxectos.
Porque o corpo corruptible pesa na alma
e a tenda terrestre oprime a mente cavilosa.
Se con dificultade imaxinámo-lo que hai sobre a terra
e con traballo atopámo-lo que está a man,
¿quen pescudará o que hai no ceo?
¿Quen coñecerá o teu consello se ti non lle dás sabedoría
mandando o teu espírito santo desde o alto?
Soamente deste xeito se endereitaron os vieiros dos terrestres,
aprenden os homes o que é do teu gusto
e son salvados pola Sabedoría.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A FILEMÓN
Benquerido irmán:
Sen máis título que ser eu Paulo, un vello que agora está preso por Cristo Xesús: pídoche por Onésimo, o meu fillo, que enxendrei estando na cadea. Velaí cho mando. Velaí che vai unha parte de min. ¡Recíbeo!
Pensei en me quedar con el, para que me axudase no teu lugar, mentres estou preso polo Evanxeo. Pero non quixen facer nada sen contar co teu consentimento, para que non fagas este ben á forza, senón porque che sae de dentro. Igual por iso marchou de onda ti algún tempo: a fin de que agora o recuperes para sempre, non xa coma escravo, senón coma algo máis ca escravo: coma un irmán benquerido. Para min é moi querido; ¡moito máis o vai ser para ti, coma home e coma cristián! Así que se me consideras un amigo, acólleo coma a min.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Nunha ocasión que seguía a Xesús moita xente, volveuse a eles e díxolles:
- Se alguén me quere seguir e non está disposto a romper con seu pai e con súa nai, coa muller e mais cos fillos, cos irmáns e coas irmás, e incluso coa súa propia vida, non pode ser discípulo meu. O que non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo meu.
Pois ¿quen de vós, querendo construír unha torre, non se para a pensar no presuposto, a ver se a pode rematar? Non vaia ser que bote os alicerces e non a dea rematado e a xente que o vexa faga riso del, dicindo: "Este empezou a construír e non deu rematado".Ou ¿que rei, que sae á guerra contra outro, non se senta primeiro a cavilar se lle chegarán dez mil homes para loitar contra vinte mil? E, se ve que non, cando aínda o ten lonxe, mándalle unha embaixada, pedindo condicións de paz. Pois así, como non renunciedes a todo o que tedes, non hai de vós quen poida ser discípulo meu.
PALABRA QUE ALUMEA O CAMIÑO
- Pouco a pouco, o avance da ciencia e da técnica vainos enganando, facendo crer que as persoas podémolo todo, que ciencia e técnica dan resposta a todas as preguntas, e que non hai ningún interrogante que se lle resista. Coa IA mesmo se nos ofrece ser deuses en miniatura e podemos “crear” seres coa voz dunha, o aspecto doutra.....Ante este panorama tan autosuficiente, cremos que Deus é alguén de quen podemos prescindir. Ao fin e ao cabo nós somos persoas autónomas, maduras e libres e por iso somos autosuficientes, non precisamos de Deus. Porén, paradoxalmente a isto, atopámonos que cada vez son máis as persoas que recorren a magos, adiviños, astrólogos... buscando respostas no medio dun mundo, o mundo do norte, o mundo rico, tan avanzado como triste e deshumanizado. Porque si hai dúas características que nos definan a nosa sociedade son: crispación e tristura. Desgrazadamente, o progreso técnico non sementou igualdade, xustiza, respecto... senón que, pola contra, cada día medran máis o desamor e a desconfianza diante de todo e de todas as persoas, sobre todo as que non pensan ou senten coma nós. Poderemos entón prescindir daquel que se presenta como sentido, paz, acollida, misericordia.... AMOR?. Poderemos utilizar o seu nome para fomentar separación, dor e tristura?
- Porque só sabendo vivir a vida como experiencia de fraternidade, poderemos entender a mensaxe dun Deus que en Cristo nos fai irmáns e irmás, o que esixe de nós saír da indeferenza e do egoísmo que nos levan a preocuparnos e mirar só para o noso embigo para abrírmonos á ocuparnos e preocuparnos polo que lle pasa a quen comparte con nós o camiño da vida. Que ben o entendeu Paulo e que ben llo transmite a Filemón cando lle pide unha segunda oportunidade para o seu escravo Onésimo, facéndolle ver que o tempo dos prexuízos é /tería que ser algo pasado, que temos que acoller a todas as persoas, que temos que servilas a todas, pois “por riba das nosas distancias hai unha fe que nos une e que nos invita a non esquecer que todos temos a mesma dignidade. Por que nos custa tanto entendelo?
- Porque tal e como nos lembra Xesús no evanxeo que vimos de proclamar, ser discípulo conleva unha vida chea de riscos. Por iso antes de dar un si que vai cambiar e orientar a nosa vida, cómpre examinar paseniñamente os pros e as contras e decidir en consecuencia. Calcular os gastos é un elemento de todas as invitacións a entrar no Reino. Non podemos actuar por arroutadas, senón que temos que reflexionar, ponderar, examinar a nosa realidade persoal. Non se constrúe como é debido nin se traballa con posibilidades de éxito se non se coñecen os efectivos. O seguimento de Xesús non pode, entón, depender do medo, dun impulso fácil, dunha necesidade de seguridade, dunha herdanza e moito menos dunha rutina. Non é un xogo. Tampouco un conxunto de verdades nin unha colección de dogmas. É unha decisión que non se pode facer á lixeira. É unha resposta persoal, situada no aquí e agora concreto.. por iso é tamén unha resposta realista, que ten en conta as nosas limitacións e as nosas capacidades. El invítanos a escoller o mellor; pero, a diferenza de nós, non obriga, só ofrece e invita. E con claridade fala dos custos... Oxalá teñamos oídos e corazón abertos para escoitar a súa chamada e, desde unha opción persoal, responder con coherencia... e coa vida.
REZANDO COMO COMUNIDADE
Abrámonos á fraternidade do Deus amigo que nos invita a vivila desde o esforzo de ir cambiando o corazón humano, e digamos:
QUE SEXAMOS PERSOAS CONSTRUTORAS DE FRATERNIDADE
- Pola Igrexa, pobo de Deus en camiño de fraternidade e perdón, para que as persoas que a formamos sexamos conscientes e valoremos a pluralidade que é froito do Espírito, OREMOS
- Para que desde as nosas comunidades cristiás nos esforcemos por superar a teoría das palabras baleiras, para camiñar na vivencia dos feitos que nos levan a vivir na igualdade, a liberdade e a fraternidade de Xesús, OREMOS.
- Por cada unha e cada un de nós, para que desde a mirada limpa e xenerosa, saibamos descubrir que o Deus da fraternidade está nas persoas enfermas, nas inmigrantes, nas maiores, tantas veces compañeiras do noso camiño, Oremos.
Señor, dános azos, para superar a tentación de ser consumidores de palabras, e poder vivir desde as actitudes que nos achegan a Ti e aos irmáns. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
A nosa equipaxe será lixeira, para poder avanzar rápido.
Teremos que deixar tras de nós a carga inútil:
as dúbidas, que nos paralizan e non nos deixan mover;
os temores, que nos impiden saltar ao baleiro contigo;
as cousas que nos encadean e nos dan unha seguridade falsa.
Teremos que deixar tras de nós o espello de nós mesmos;
o “eu” como únicas gafas, as nosas palabras ruidosas.
E levaremos todo aquilo que non pesa:
moitos nomes coa súa historia, mil facianas no recordo,
a vida no horizonte, proxectos para o camiño,
o valor que Ti nos dás, o amor que cura e non esixe.
Ti como guía e mestre e unha oración que te faga presente:
“A Ti, Señor, levantamos a nosa alma,
en Ti confiamos, non nos deixes.
Ensínanos o teu camiño.
Mira o noso esforzo.
Perdoa as nosas faltas.
Ilumina a nosa vida, porque esperamos en Ti”. Amén.
Comentarios