NON É MÁIS FELIZ A PERSOA QUE MÁIS TEN, SENÓN A QUE MENOS PRECISA
CANTO
ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)
LECTURAS: Xesús chamado amigo (Nº 89)
OFERTORIO: Benaventurados (Nº 119)
COMUÑÓN: Pan do ceo (53)
OLLOS ABERTOS
As persoas que temos a sorte de ter nado na cara amable do mundo, coidamos que os cartos son solución para todo. Invítasenos a vivir nun mercadeo constante, e mesmo parece que todo e todas as persoas se poden mercar, que sempre hai un prezo para poñerlle ás nosas accións, aos nosos valores, á nosa vida.
Mais a realidade vainos demostrando que non é así, que as cousas verdadeiramente importantes da vida, aquelas que enchen o noso corazón de alegría, non se poden mercar cos cartos: unha aperta, o sorriso da persoa que queremos, unha sorpresa....
Non é en ter onde atopamos sentido, senón na solidariedade que nos abre aos demais e na sinxeleza de quen busca vivir con dignidade e ser feliz vivindo co necesario, sentindo que as pequenas cousas seguen a ser importantes.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Por non termos sabido descubrir e transmitir o que significa a austeridade, SEÑOR, QUE SÓ DERROCHEMOS AMOR.
Polas veces nas que nos creamos falsas necesidades que nos invitan a comprar, a acaparar, a posuír cousas que en realidade non precisamos, CRISTO, QUE SÓ DERROCHEMOS AMOR.
Porque seguimos equivocados, pensando que a fe tamén é reducible a un negocio no que se paga polos favores recibidos, esquecendo a gratuidade e o amor, SEÑOR, QUE SÓ DERROCHEMOS AMOR.
PALABRA REGALADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE AMÓS
Escoitade isto, vós que asoballades o pobre e exterminades a xente humilde do país; vós que dicides: "¿cando pasará o festivo da lúa nova para vendermos o trigo e o sábado para fornecer o gran traficando ata co salvado, para minguar a medida, aumentar o prezo e defraudar con balanza falsa, para mercarmos por diñeiro o mendigo e o pobre pola débeda dun par de sandalias?".
Xura Iavé pola soberbia de Xacob: "Endexamais non esquecerei os seus delitos.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A TIMOTEO
Benquerido irmán:Recomendo primeiro de todo que se fagan peticións, oracións, súplicas, accións de grazas en favor de todos os homes, polos reis e por todos os que ocupan altos cargos, para que poidamos ter unha vida calma e serea baseada no pleno respecto mutuo e na decencia. Isto é fermoso e grato a Deus noso Salvador. El quere que todos os homes se salven e cheguen ó coñecemento da verdade.
Porque hai un único Deus e un único mediador entre Deus e os homes: o home Cristo Xesús, que se entregou coma rescate por todos. Tal é o testemuño dado no tempo oportuno. A min fíxome o seu pregoeiro e apóstolo ‑digo a verdade e non minto‑, mestre dos xentís na fe e na verdade.
Por iso quero que en todos os sitios recen os homes levantando as mans limpas, sen ira nin discusións.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Xesús díxolles tamén ós seus discípulos:Dunha vez había un home rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar cos bens. Chamou por el e díxolle: "¿Que é iso que sinto falar de ti? Dáme conta da túa administración, que quedas despedido".O administrador púxose a cavilar: "¿E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. ¡Ora! ¡Xa sei o que vou facer para que cando me despidan haxa quen me acolla na súa casa!".
Vaise, e chama por cada un dos debedores do seu amo e pregúntalle ó primeiro: "¿Ti canto lle debes ó meu amo?". El respondeulle: "Débolle cen bocois de aceite". El díxolle: "Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta".
Despois preguntoulle ó segundo: "¿Ti canto debes?". Respondeulle: "Debo cen ferrados de trigo". Díxolle el: "Pois colle o teu recibo e escribe oitenta".
O amo loou a aquel administrador inxusto pola astucia con que actuara, pois os fillos deste mundo son máis asisados nas cousas deles cós fillos da luz.
Por iso eu avísovos:
Facede amigos coas riquezas inxustas, para que cando vos falten, vos acollan nas moradas eternas. Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no pouco, tamén será inxusto no moito. Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, ¿quen vos vai confiar a verdadeira? E se no alleo nos sodes fieis, ¿quen vos vai confiar o voso? Ningún criado pode servir a dous amos, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro; ou ben atende a un e menospreza o outro. Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA QUE ALUMEA A NOSA TEBRA
Como diciamos no pórtico, no noso mundo parece que todo ten un prezo. Todo pode comprarse, tamén as persoas, e se cadra aínda máis nestes tempos de crise: económica, moral, de valores.. Como nos tempos de Amós, moitos tamén seguen preguntándose a que país poderemos mandar os cartiños para telos seguros, onde poderemos conseguir man de obra barata, quen estará máis desesperado para facernos este traballo por menos soldo... En definitiva, estamos pagando as consecuencias de facer sinónimos cartos e felicidade, de axeonllarnos diante do deus mercado, de deshumanizar a economía...e iso fai que pouco a pouco o noso corazón se vaia corrompendo e busque escusas para venderse ao mellor postor. Xa non hai ideais, xa non hai coherencia, xa non hai honestidade, xa non hai…. Vendemos todo!. A corrupción está á orde do día. Unha meirande parte dos nosos representantes públicos non se decata de que son simples xestores, e malgastan ou estafan os cartos que son de toda a cidadanía, recortando logo drasticamente en asuntos sociais nos que non cabe recortar. Quen sae prexudicado?. Pois, coma sempre, as persoas máis débiles.E a esta compra-venda tampouco é allea a nosa Igrexa, que en demasiadas ocasións esquece que o seu é vivir na gratuidade e na austeridade. E é que no fondo tomos temos algo de comerciantes, e é tan tentador vivir en pecado!. Parécenos que a Eucaristía na que rezamos aos nosos defuntos ten máis valor se nos cobran o estipendio correspondente e se é unipersoal ou unifamiliar; cremos que se chega antes ao ceo se no funeral hai tres ministros en vez dun só; pensamos que somos mellores se poxamos por levar aquel santo na procesión....E, pola banda dos que mandan, a cousa non está mellor. Pagámoslle a un compañeiro porque nos vén presidir unha celebración o día da festa, cobramos estipendios abusivos, pensamos que é unha boa parroquia aquela na que os seus fregueses teñen un bo nivel económico, estamos dispostos a presidir celebracións coma churros se nos pagan convintemente. Pararnos, falar coa xente, escoitar.... menudas chorradas!!!!!!!. O único importante é o culto, sobre todo ao deus mercado, que fai medrar a nosa conta corrente. En resumo, en moitos casos tanto xerarquía como laicado cremos que se pagamos polos servizos relixiosos, estamos mellor xustificados e temos máis dereitos.
Por iso que ben nos vén repetir o que o Señor nos lembra no evanxeo; aquilo de que non podemos servir a Deus e aos cartos, porque amaremos a un e aborreceremos ao outro. E isto é o que está a pasar na nosa igrexa: non só que o deus son os cartos, senón tamén que os “representantes de Deus” fixeron un becerro de ouro, o dos cartos, diante do que se prostran esquecendo que son a gratuidade, o amor e o servizo, os camiños que temos que andar. Unha vez máis, a Palabra chámanos a sermos coherentes, a non deixarnos corromper, a sermos fieis e responsables no pequeno, nesas cousas miúdas que van tecendo a nosa vida, a non esquecermos que os cartos non dan a felicidade. Axúdanos, Señor, para que a corrupción, ningún tipo de corrupción, aniñe no noso corazón.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Presentámosche agora as nosas peticións comunitarias dicindo:
SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA
Pola Igrexa, para que nunca esquezamos que só teremos autoridade moral cando abandonemos o comercio para sermos servidores da xente, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA
Polas nosas comunidades, para que entendan que no amor, na entrega, no diálogo, na dispoñibilidade, e no servizo ás persoas de todo credo, ideoloxía ou raza, está a esencia da súa fe, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA
Por cada un e cada unha de nós, para que entendamos que cos capitais de Deus non se especula nin se comercia, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA
Deus, que en Xesús pronuncias unha palabra radical sobre a imposibilidade de servirte a Ti e aos cartos, axúdanos a sermos radicais tamén e a traballar por unha economía sometida ás leis da ética e do amor. PXNS.
LUZ PARA O CAMIÑO
Xesús, Mestre bo,ensínanos o camiño para vivir solidariamente.
Axúdanos a converter o noso corazón duro
nun corazón sensible e cércano a todas as persoas que sofren.
Ensínanos a saber descubrir a dor, o sufrimento e as necesidades da xente.
Danos a sinxeleza precisa para conmovernos diante do próximo
e para acudir na súa axuda.
Que non sexamos mesquiños na nosa entrega,
que aprendamos a dar todo o que temos:
as nosas cousas, o noso tempo, o noso esforzo, a nosa vida enteira,
para que outra xente viva máis e mellor.
Axúdanos a ter compaixón, que non é lástima,
senón solidariedade activa e compromiso coa outra persoa.
Comentarios