NON QUEDES NA XERUSALÉN DA OPULENCIA... CAMIÑA CARA Á BELÉN DA SINXELEZA... A SÚA ESTRELA GUIARÁ O TEU CAMIÑO
CANTO GOZOSO
Panxoliñas
Nin eran tres, nin facían maxia, nin eran reis. Eran uns homes sabios, de alén das fronteiras xudías, que se puxeron en camiño para adorar ao Neno que viña de nacer. Hoxe xuntámonos para celebrar a festa da Epifanía, é dicir, a manifestación de Deus a todos os pobos, a todas as persoas. É unha festa que nos fala de universalidade e que vén botar abaixo a teima que tiñan os xudeus de que o Mesías que nacía ía salvalos só a eles. Velaí a intención de Mateu cando relata a adoración dos magos: transmitir que Deus nace para salvar a todas as persoas, que para El ninguén é estranxeiro.
Por iso hoxe, neste día de ilusión, vimos diante do Señor, que é a estrela que guía a nosa vida. Oxalá que ningunha Boa Nova de solidariedade, xustiza e universalidade nos asuste. Oxalá que as escuridades da nosa vida non nos deteñan nin nos desvíen do que un día nos puxo no camiño e se nos ofrece de balde.
CO CORAZÓN MAGOADO
· A estrela que guiou aos Magos é luminosa. Polas veces nas que lle agochamos luz aos demais, excluíndoos, negándolles a palabra, non valorándoos como o que son; SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS GUIAR POLA TÚA ESTRELA.
· A estrela que guiou aos Magos é visible para todas as persoas. Polas veces nas que facemos distingos entre os que son dos nosos e os que non, CRISTO, QUE NOS DEIXEMOS GUIAR POLA TÚA ESTRELA.
· A estrela que guiou aos Magos indica o camiño. Polas veces nas que a nosa vida non é testemuño do camiño das benaventuranzas, SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS GUIAR POLA TÚA ESTRELA.
PALABRA REGALADA
PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Levántate, brilla, que a túa luz xa chegou;
si, a gloria do Señor resplandece sobre ti.
Pois, olla, a escuridade encobre a terra
e a negrura os pobos,
pero sobre ti resplandece o Señor
e a súa gloria faise ver sobre ti.
Certo que os pobos camiñarán coa túa luz
e os reis co resplandor do teu alborexar.
Levanta os teus ollos arredor,
todos estes xuntáronse, viñeron a ti.
Os teus fillos veñen de lonxe
e as túas fillas son traídas no colo.
Entón, cando o vexas,
estarás radiante
e o teu corazón latexará e ensanchará,
pois as riquezas do mar traeránchese a ti
e os bens dos pobos virán para ti.
Estarás cuberta dunha chea de camelos,
de dromedarios novos.
Todos eles virán de Sabá.
Virán cargados de ouro e incenso,
e proclamarán lediciosos a louvanza do Señor.
Palabra do Señor
Grazas a Deus
PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS EFESIOS
Coido que oístes falar da encomenda que a graza de Deus me fixo en favor voso: xa que por medio dunha revelación se me deu a coñecer o misterio que noutras xeracións non se lle dera a coñecer á humanidade como agora llelo manifesta o Espírito ós seus santos apóstolos e profetas: que os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo.
Palabra do Señor
Grazas a Deus
PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU
Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
- ¿Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente, e vimos para lle rendermos homenaxe.
Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:
- En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
E ti Belén, terra de Xudea,
de ningún xeito es a máis pequena,
entre as vilas de Xudea,
que de ti ha saír o guía
que será o pastor do meu pobo Israel.
Entón Herodes, ás agachadas, chamou ós magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén, dicíndolles:
- Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe.
Eles, despois de oíren ó rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ó veren saír de novo a estrela.
E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle coma regalo ouro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño
Palabra do Señor
Louvámoste, Señor
UNHA PALABRA QUE AGROMA
û Os magos veñen de oriente, un lugar que evoca nos xudeus a patria da astroloxía e doutras estrañas ciencias. Son pagáns. Non coñecen as Escrituras.... pero si a linguaxe do corazón. Buscan a verdade.... e non dubidan en poñerse en camiño para descubrila. Nesa larga busca, ás veces a estrela parece que non está, deixándoos na máis escura das incertidumes. Outras veces, brilla de novo, enchéndoos de inmensa ledicia. A estrela é un símbolo, o símbolo do Mesías, que conduce aos pagáns (os non xudeus) á luz da fe, feito anunciado polos profetas no Vello Testamento. Hoxe, se cadra, vivimos nunha época na que é máis doado ver a escuridade da noite que as lumieiras que brillan no medio de calquera tebra. Porén, a Palabra dinos, unha vez máis que en Xesús se cumpre, daquela e hoxe tamén, a profecía de Isaías: “O pobo que camiñaba nas tebras, viu una luz grande... habitaban nunha terra de sombras e unha luz brillou diante dos seus ollos”. Sería unha mesquindade pola nosa parte, pensar que estamos a vivir unha hora especialmente escura e tráxica. Basta abrir ben os ollos para entrever lumieiras, sementes de liberación, xestos positivos que nos conducen cara á luz. Nin a vida nin o mundo son un caso desesperando, aínda que hoxe só vexamos unha humilde estrela que nos guía cara Belén, unha estela intermitente que aparece, desaparece, e volve aparecer.
û Herodes e a súa corte representan o mundo dos poderosos, de calquera tipo de poderosos. Todo vale con tal de asegurar a posición: os fríos cálculos, a estratexia, a mentira.... mesmo a crueldade, o terror, o desprezo, a explotación.... Sóanos o conto?. Quere semellar un mundo grande e poderoso, defensor da orde establecida, dos dogmas e da lei; pero en realidade é un mundo débil e mesquiño, que termina buscando á xente para matala. Por iso, para descubrir a Deus nas persoas; para adorar ao Neno en vez de renderlle culto á morte; para recoñecer a dignidade da persoa en vez de destruíla, hai que percorrer o camiño contrario ao de Herodes. Pero ollo, non é un camiño doado, senón que hai que expoñerse e arriscar. Non son posibles a solidariedade e a liberación se queremos manter a nosa situación, porque mantela lévanos a tentar eliminar a quen, coa súa presenza, aínda que sexa de recén nacido, anuncia e trae unha nova sociedade cunhas novas relacións humanas baseadas na igualdade e na xustiza.
û Porque máis alá de controversias, lendas e opinións, o importante da festa de hoxe é a universalidade. Moito lle custou (moito nos custa) ao pobo de Israel (aos cristiáns) saír da exclusividade da relación con Deus para compartir e descubrir que El se lle manifesta a todas as persoas, respectando culturas, crenzas ou formas de vida. Por iso nós que, coma os magos, vimos saír a súa estrela, somos convidados e convidadas a levar esta estrela ao portal de tantas persoas deixadas de lado, discriminadas de calquera xeito, faltas de oportunidades de realización, sedentas de verdade, famentas de pan e luz, desexosas de xustiza, enfermas de desesperanza. Vaiamos na súa busca para ofrecerlles, coma os magos o ouro da súa dignidade, o incenso de saberse queridas por Deus, a mirra dos nosos coidados e do noso consolo.... E fagámolo sen distincións de xénero, ideoloxía, cor da pel ou relixión.
Dicíanos o profeta Isaías na primeira lectura: “Cando o vexas, estarás radiante e o teu corazón latexará e ensanchará”. Con agradecemento dicimos:
GRAZAS, SEÑOR, POR ENSANCHAR O NOSO CORAZÓN
* Pola Igrexa, para que sexa no medio do mundo estrela que conduce á humanidade ata Belén, estrela luminosa, visible para todas as persoas e capaz de indicar o camiño, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ENSANCHAR O NOSO CORAZÓN
* Polas nosas comunidades, para que nos deixemos levar da maxia dos Magos e traballemos por sermos comunidades igualitarias, asentadas na paz, no respecto e no diálogo, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ENSANCHAR O NOSO CORAZÓN
* Por cada unha e cada un de nós, para que nunca perdamos a ilusión e a esperanza de que as cousas poden mudar e, como fixeron os Magos, nos poñamos en camiño, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ENSANCHAR O NOSO CORAZÓN
Grazas, Señor, porque unha vez máis a túa Epifanía móstranos que Ti non es un Deus excluínte, senón alguén que nos trae unha salvación universal. Que non o esquezamos nunca. P.X.N.S. Amén.
PARA LATEXAR DE ESPERANZA
Queridos Reis Magos:
Este ano queremos que nos traia
§ traballo para todas as persoas
§ colexios para que todas as crianzas poidan aprender
§ unha sanidade pública de calidade
§ sorrisos para compartir con quen esta triste
§ apertas solidarias que fagan que nunca nos sintamos solos
§ paz desarmada e desarmante, con nós mesmos, cos demais, coa casa común e contigo
§ lume para queimar os traxes que cheiran a podre: fraudes, chantaxes, corrupción, sobresoldos....
§ novas oportunidades para que todas as persoas que queiran poidan comezar de novo
§ ganas... porque cando as cousas se fan con ganas, sempre saen ben
§ milleiros de estrelas que, na nosa vida, manifesten o teu amor incondicional
Comentarios