MÁIS ALÁ DO CURRAL: UNHA IGREXA QUE CAMIÑA CARA ÁS PERIFERIAS EXISTENCIAIS
CANTO GOZOSO
ö ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
ö ASPERSIÓN: A auga do Señor
ö LECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
ö OFERTORIO: Eiquí están Señor (Nº 32)
ö COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
MIRADA AGRADECIDA
Cruzamos a porta deste encontro cunha equipaxe que só nós coñecemos: traemos o cansazo dunha semana longa, as alegrías pequenas que nos fixeron sorrir e tamén algunha desas sombras que nos custa espantar. Hoxe, domingo do Bo Pastor, imos facer silencio fóra e dentro de nós. Imos deixar na porta as présas, as preocupacións do que hai que facer mañá, para simplemente estar.
Porque hoxe non vimos cumprir cun precepto, vimos a atoparnos con Alguén que nos busca. Vimos escoitar unha Voz que, entre tanto ruído que hai no mundo, é a única que nos coñece a cadaquén polo noso propio nome. Unha Voz que non manda, que non xulga, que non encerra. Unha Voz que nos convida a saír fóra, ao aire libre, onde os prados son verdes e onde a liberdade non é un soño, senón o noso fogar.
Hoxe non celebramos a un pastor que garda un curral pechado. Celebramos á "Porta" que se abre de par en par. Celebramos a esa man tendida que nos rescata da soidade para facernos familia, para facernos pobo, para facernos comunidade onde todas as persoas somos iguais, máxicas, protagonistas, oportunas, relevantes, terapéuticas, amigas, necesarias, tolerantes e enerxéticas, é dicir, todas as persoas somos importantes.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
- Polas veces nas que as nosas palabras e os nosos xestos son muros e non pontes, SEÑOR, LÉVANOS SOBRE OS TEUS OMBREIROS.
- Por non saber ver que cada persoa, coa súa historia e a súa identidade, é unha persoa amada de Deus que merece ser coidada; CRISTO, LÉVANOS SOBRE OS TEUS OMBREIROS.
- Por esas feridas que levamos dentro e que non deixamos sandar; polas portas lle que pechamos a quen necesita un oco na nosa mesa e un anaco do noso tempo; SEÑOR, LÉVANOS SOBRE OS TEUS OMBREIROS.
PALABRA PROCLAMADA
PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Pero Pedro, de pé cos Once, levantou a voz e díxolles:
- Saiba, logo, con certeza toda a casa de Israel que Deus fixo Señor e Mesías a este Xesús a quen vós crucificastes.
O sentiren isto, quedaron moi impresionados e dixéronlle a Pedro e ós outros apóstolos:
- Irmáns, ¿que debemos facer?
Pedro respondeulles:
- Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiredes o don do Espírito Santo. Porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para todos os que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor noso Deus.
Con moitas outras palabras testificaba e animábaos, dicindo:
- Salvádevos desta xeración ruín.
Os que recibiron a súa palabra foron bautizados: e ese mesmo día xuntáronselles arredor de tres mil almas.
PALABRA DO SEÑOR
SALMO RESPONSORIAL
O Señor é o meu pastor, nada me falta
O Señor é o meu pastor: nada me falta.
Os pastos verdecentes lévame a repousar,
lévame a beber ás augas tranquilas:
El repón as miñas forzas.
O Señor é o meu pastor, nada me falta
Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
Se tiver de pasar por vagoadas sombrizas,
ningún mal temería, pois ti vas comigo:
o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.
O Señor é o meu pastor, nada me falta
Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.
O Señor é o meu pastor, nada me falta
A túa bondade e o teu amor vanme seguindo
tódolos días da vida.
Eu habitarei na casa do Señor
ó longo dos meus días.
O Señor é o meu pastor, nada me falta
PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PEDRO
Pero, se vos portades ben e, mesmo así, aguantades sufrimentos, isto é precioso ós ollos de Deus.
De feito chamouvos Deus para isto, porque tamén Cristo sufriu por vós, deixándovos así un exemplo para que sigades os seus pasos.
El, que non fixo pecado, nin engano se atopou na súa boca, cando o aldraxaban, non devolvía aldraxes; mentres sufría, non ameazaba, senón que se puña nas mans do que xulga con xustiza.
No seu corpo, el ofrendou os nosos pecados sobre a cruz, para que nós, mortos ó pecado, vivamos para a xustiza: curáronnos as súas chagas.
Erades coma ovellas extraviadas, pero agora volvéstesvos ó voso pegureiro e pastor.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN
Di Xesús:
- Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido. En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas. A ese ábrelle o porteiro, e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. Cando as dá sacado todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz. Pero a un alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.
Díxolles Xesús esta alegoría mais eles non coñeceron que era o que lles daba a entender. Entón díxolles de novo:
- Con toda verdade volo aseguro: eu son a porta das ovellas. Todos os que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase: entrará e sairá e atopará pasto. O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA ENRAIZADA
1. Quedaron moi impresionados: Hoxe a primeira lectura colócanos nese momento no que as palabras se converten en vida. Pedro non fala dende un pedestal, fala dende a ferida e a esperanza, dende a memoria de quen viu a derrota converterse en vitoria. Aquela xente que o escoitaba sentiu como se algo se rompera dentro. O texto dinos que "quedaron moi impresionados". Esa fenda no corazón non é para destruír, senón para que por fin poida entrar o aire. É o espertar de quen recoñece que Xesús —a quen tantas veces crucificamos na pel de quen sofre, na muller silenciada ou na persoa estranxeira— é o sentido de todo. De aí a pregunta: "Que debemos facer?". A resposta de Pedro é un convite a mergullarse nesa auga que limpa a mirada, a cambiar o rumbo para entender que a promesa de Deus non é un club privado, senón un horizonte que abraza a todas as persoas, sen distingos.2. O camiño: a non violencia e o coidado: Aínda que o noso corazón hoxe busque os prados verdes, non podemos esquecer que este camiño da vida atravesa moitas veces vales de sombras e inxustizas. A segunda lectura fálanos de Cristo como aquel que, ao ser insultado, non devolvía o insulto; aquel que non usou o poder para esmagar, senón a entrega para sandar. É a imaxe do Bo Pastor que non se protexe detrás dunha armadura, senón que cura as nosas feridas coas súas propias mans abertas. Hoxe, nun mundo que nos empurra a berrar máis que o outro, a responder á soberbia co desprezo, a buscar o poder a costa da violencia, a Palabra de Deus convídanos a ser testemuñas desa paz desarmada e desarmante de Cristo á que nos chama León, a elixir a tenrura no canto da brutalidade, a entender que a verdadeira autoridade non nace do mando que somete, senón do coidado que libera. A carta de Pedro lémbranos que o noso Pastor non é un pastor de porcelana que está nun altar, senón que leva as marcas do sufrimento: "Pola súas feridas fostes curados”. Deus sabe o que é o frío, sabe o que é a soidade e sabe o que é que a vida che dea as costas. Por iso o noso guía ten cicatrices nas mans, e esas mans son as únicas que saben sandar o noso corazón sen mancalo.
3. Unha porta sen pechaduras e cara á Vida en abundancia: No Evanxeo Xesús preséntase hoxe cunha imaxe que é puro movemento e rompe coa idea do pastor que encerra. Di "Eu son a porta". E unha porta serve para entrar, pero tamén para saír. O Evanxeo dinos que o pastor chama ás súas ovellas polo seu nome e “lévaas fóra”. É unha imaxe potente: Deus non nos quere persoas encorsetadas en estruturas ríxidas, en costumes que nos afogan ou en medos que nos paralizan. Quérenos no mundo, fóra, camiñando con autonomía. O verdadeiro Bo Pastor non anula a nosa personalidade, ao contrario, dános a seguridade de que somos persoas recoñecidas na nosa diversidade para que poidamos arriscar. A "vida en abundancia" non é un concepto espiritual abstracto; é escoitar esa melodía mansa que nos invita a saír fóra, a explorar a vida sen medos, a saber que hai prados de xustiza esperando pola nosa man. A "vida en abundancia" da que fala o Evanxeo non é unha promesa de éxito material, é a ledicia profunda de vivir con sentido, de saberse parte dun "nós" onde ninguén sobra. Hoxe, ao saír desta igrexa, recorda que es unha persoa libre e querida e que a túa voz tamén é necesaria para que este mundo sexa, por fin, o fogar de toda a humanidade. Porque saímos de aquí non como un grupo que obedece, senón como persoas libres que elixiron unha voz na que confiar.
ORACIÓN COMPARTIDA
A Xesús, Pastor Bo que nos coñece e que nos chama polo noso nome dicímoslle con convencemento:
QUE A TÚA VOZ SEXA ALENTO NO CAMIÑO
· Por todas as persoas que coidan, traballan e guían a túa Igrexa, para que sempre estean dispostas a acompañar e escoitar solidariamente, facendo súas as dores, tristuras e esperanzas das mulleres e dos homes do noso tempo, OREMOS.
QUE A TÚA VOZ SEXA ALENTO NO CAMIÑO
· Polas nosas comunidades, para que ser saibamos ser comunidades coidadoras onde ningunha persoa queda atrás, aínda que estea moi cansa, sexa maior, non sexa da nosa terra ou da nosa corda, OREMOS.
QUE A TÚA VOZ SEXA ALENTO NO CAMIÑO
· Para que cando sintamos que a vida nos pesa demasiado ou que a néboa non nos deixa ver a senda, saibamos escoitar a túa voz deixarnos cargar nos teus ombreiros, OREMOS.
QUE A TÚA VOZ SEXA ALENTO NO CAMIÑO
· Por quen está a pasar por un "val de sombras": as persoas enfermas, as que sofren a soidade ou as que perderon o traballo e a esperanza; para que sintan que non son un número anónimo, senón que hai mans próximas que as sosteñen no nome do Bo Pastor, OREMOS
QUE A TÚA VOZ SEXA ALENTO NO CAMIÑO
Señor, fai que, ao sentírmonos persoas cargadas sobre os teus ombreiros, aprendamos tamén nós a ser apoio para as nosas irmás e irmáns, construíndo unha comunidade onde a vida en abundancia sexa unha realidade. PXNS. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Hoxe escoitamos que o Bo Pastor nos "bota fóra" do curral. E faino porque a vida en abundancia non se atopa entre estes catro muros, senón alá fóra, nas periferias de cada día:- Alá onde alguén sofre a soidade e ninguén o chama polo seu nome.
- Alá onde a exclusión levanta valados que o noso amor debe saltar.
- Alá onde as persoas se senten "ovellas sen pastor", perdidas no balbordo do éxito e o consumo.
Saiamos, pois, a ser unha igrexa que camiña, que escoita e que abraza.
Comentarios