Ir al contenido principal

Descender para Ascender (Ascensión 2007)

DESCENDER… PARA PODER ASCENDER

PÓRTICO

Vivimos nun mundo no que moitas veces parece que todo está decidido e pouco temos que facer: planifícase o nacemento, prográmase a educación, racionalízase o traballo, dísenos qué temos que consumir, en qué investir o noso tempo libre, convéncesenos de que non hai máis futuro que o que vemos. Mátase a esperanza, agóchase a fantasía e recórtase a liberdade, pero sen esperanza, sen fantasía, sen liberdade, non somos quen de dar sentido á nosa vida.

Para escapar desta trampa, anúnciasenos hoxe a Ascensión do Señor que é fundamento dunha esperanza invencible. Afirmar a Ascensión do Señor é un acto de liberdade… e tamén de responsabilidade. É a nosa propia ascensión, a do noso mundo, a da nosa sociedade; porque ascender coma Xesús é traballar por humanizar o mundo, é comprometérmonos por construír, xunto con outr@s a fraternidade e a xustiza.

Que esta celebración que agora comezamos nos faga caer na conta de que non podemos quedar aí plantados, senón que é hora de construír comunidade, Igrexa, Reino.

O PERDÓN

  • Polas veces nas que @s que formamos a túa Igrexa caemos na doada tentación de desentendernos do mundo, xustificando a nosa conciencia co cumprimento baleiro de leis e preceptos, SEÑOR, SACÚDENOS DAS NOSAS RUTINAS.
  • Porque moitas veces a nosa comodidade, o noso medo, o noso desánimo fan que fiquemos plantad@s ollando cara o ceo sen poñernos a traballar e permitindo que outros decidan por nós, CRISTO, SACÚDENOS DAS NOSAS RUTINAS.
  • Porque vivimos a un ritmo tan vertixinoso e agobiante que non buscamos tempos de intimidade contigo, que nos dean azos para mirar á terra cunha mirada nova, distinta, limpa e xusta, SEÑOR, SACÚDENOS DAS NOSAS RUTINAS.

REMUÍÑO

ð Do mesmo xeito que a sociedade civil, a Igrexa tamén se configurou coma estrutura de poder. Dentro da súa xerarquía, case todo estivo conformado dun xeito humano: un verdadeiro escalafón de títulos e cargos de honra, de privilexios e glorias rodeaba –hoxe menos, pero aínda si- aos que din ostentar, no nome de Deus, o poder divino, e seren, no nome de Xesús, os seus máis lexítimos representantes.

A comunidade cristiá é unha comunidade de irmáns e irmás, de iguais, soen dicirnos. Pero non se mira. Na Igrexa, home e muller, sen ir máis alá, están a anos luz un de outra: o home domina á muller, reducida historicamente a unha especie de monaguillo permanente, con pouca voz e ningún voto dentro da institución eclesial. O acceso aos órganos de dirección, e xa non digamos ao presbiterado, estalles vetado, e ata hai ben pouco non podían ler a Palabra na Eucaristía.

Pero mesmo a propia xerarquía, monopolio de varóns, semella unha pirámide: desde o irmán lego ata o Papa, escalónanse diáconos, sacerdotes, bispos, arcebispos e cardeais, cada quen co seu título: Irmán, Reverendo, Monseñor, Súa Eminencia…. Haberá algo máis alleo ao Evanxeo que tanta vangloria?. Parece coma se a organización da Igrexa se configurara de xeito vertical e ascendente.

ð Que lonxe está isto da vida de Xesús!. Que fría e dura é a mirada da Igrexa institución cara ao seu redor!. Vivir cos ollos de Cristo sería vivir as relacións humanas, políticas, económicas, culturais, sociais…. baixo o sinal da xustiza, da caridade, da responsabilidade e da coherencia. Vivir cos ollos de Cristo sería vivir de xeito absolutamente diferente a como o facemos, valorando o que menosprezamos e desprezando o que valoramos. Vivir cos ollos de Cristo é estar convencid@ de que é posible amar a pesares do paso do tempo, da costume, da rutina. Vivir cos ollos de Cristo é sentirse ofendid@ polo derroche, a ostentación e o luxo desmedido, reducindo os cartos á súa categoría de medio necesario, pero nunca fin primordial e soberano.

ð Xesús non tería soportado tanta desigualdade de tratamentos, tanto escalafón de poder. A súa vida foi máis ben un descenso cara ao corazón da humanidade doente. Nado na pobreza, nunca se despegou dela. Desde aí anunciou o seu evanxeo, sempre rodeado de pobres, de xente da periferia da vida. Enfrontouse co capital, denunciou a utilización do nome de Deus, e a hipocrisía da dobre moral á que tanto estamos afeit@s.

Por iso nós , que nos dicimos seguidores e seguidoras seus, que collemos o seu relevo, debemos comprender que para ser ascendid@ ao ceo, para sentarnos á carón de Deus, temos que descender primeiro, como fixo Xesús, ao fondo da existencia, ao “fóra de xogo” de tant@s marxinad@s, ao profundo da dor humana; descender ata a morte para que todas as persoas suban para sentar na mesa da vida.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Señor, a pesares dos nosos erros, deixaches o mundo nas nosas mans porque confías en nós. Agradecid@s polo teu amor, dicímosche:

QUE A NOSA FE SE TRANSFORME EN OBRAS

Ø Pola Igrexa, para que nunca quede plantada mirando cara ao ceo, anclada no pasado e descoidando os problemas da terra, senón que saiba descubrir nos signos dos tempos, a Cristo Resucitado que camiña ao noso carón, OREMOS.

QUE A NOSA FE SE TRANSFORME EN OBRAS

Ø Polas nosas comunidades, para que ao reunirnos para celebrar a presenza viva de Cristo Resucitado entre nós, sintamos a necesidade e a chamada de comunicarlle aos outros o que nós vivimos, converténdonos así en comunidades misioneiras, OREMOS.

QUE A NOSA FE SE TRANSFORME EN OBRAS

Ø Por cada un e cada unha de nós, para que a fe sexa o motor da nosa vida, evitando así a separación entre o que cremos e o que facemos, entre o que rezamos e cómo actuamos, entre o que dicimos e o que sentimos, entre o que vivimos e o que esperamos, OREMOS.

QUE A NOSA FE SE TRANSFORME EN OBRAS

Grazas, Señor, porque sabemos que queres que sexamos cristiáns e cristiás adult@s, coherentes e responsables. Que nunca separemos a fe e as obras. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN

Que facedes aí plantados ollando ao ceo?

Facede a tarefa.

Non vos crucedes de brazos

porque de todo o que podemos facer e non fagamos,

pediránsenos contas.

Que fermosa tarefa temos encomendada!.

Acender o sol cada mañá para todos,

sacarlle brillo á lúa para que alumee polos camiños da escuridade,

limpar o aire para que respiremos ledicia.

Deixáronnos na casa

para organizar entre @s traballadores unha convivencia digna.

Traballemos con forza na tarefa encomendada.

CANTOS

  • ENTRADA: Unha xuntanza de amor
  • LECTURAS: Camiñar
  • OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas
  • COMUÑÓN: Acharte presente na vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...