Ir al contenido principal

Austeridade no seguimento

A austeridade do seguimento: non te laies do que deixas atrás

Pórtico

Cantas veces temos escoitado, mesmo falado de seguimento! E que pouco en serio tomamos o que isto nos supón. Unha vez máis, as palabras van por diante do que nós estamos dispostos a por da nosa parte.Afirmar que queremos seguir a Xesús suponnos unha actitude de tomar en serio a pobreza e o desprendemento, tamén daquilo ao que estamos moito mito máis apegados, porque se seguir a Xesús non nós supón renuncia, esforzo, radicalidade... en que nos imos diferenciar daqueles que se declaran seguidores dun equipo de fútbol, dun grupo de música ou dun actor de moda? Servir ao Evanxeo esixe de nós exclusividade; unha exclusividade que alimentamos cada día que nos reunimos, non a escoitar simplemente, senón a participar da mesa de Eucaristía, a mesa da fraternidade.


Perdón

✶ Moitas veces, Pai, non estamos dispostos a deixar atrás canto nos fai cómodos, mediocres e vulgares, o que nos impide seguirte de verdade. Señor, ensíname o camiño da vida.
✶ En demasiadas ocasións, Xesús, temos convertido a grandeza da Eucaristía nun simple costume afastado das ledicias e dificultades da nosa vida. Cristo, ensíname o camiño da vida.
✶ Que poucas veces nos deixamos engaiolar pola forza do Espírito, para que anime e alente os nosos proxectos, e afaste de nós a tentación de converternos en simples consumidores de ritos! Señor, ensíname o camiño da vida.

Remuíño

A Eucaristía, dicimos moitas veces, é centro e celme da vida cristián. É verdade que o cremos? É nela onde atopamos forza, sentido comunitario, experiencia de verdadeira comuñón e razóns para anunciar a Xesús no cotián de cada un/ha de nós: traballo, amigos, familia, comunidade cristiá, valores, principios ou actitudes? É a eucaristía ese momento do encontro no que descubro que seguir a Xesús esixe do meu actuar honestidade, capacidade de escoita, humildade para descubrir que outros tamén nos enriquecen co que din e fan, inda que non sexan “dos nosos”? ou máis ben somos dos que nos gusta rodearnos só dos que fan, din ou pensan coma nós? Perdendo deste xeito a posibilidade de ser fermento que faga crecer a masa e espalle a Boa nova de Xesús.

Se a Eucaristía é centro, descubriremos que todo o demais é moito máis doado de abordar, responder ou asumir. Pero para ser conscientes diso temos que cambiar as nosas maneiras, o noso xeito de entender e vivir o ser cristiáns. Celebramos desde a vida, o que supón que o que celebramos vai axudando a darlle un sentido de entrega xenerosa, compromiso auténtico ou radicalidade humanizadora ao que facemos. Sendo entón conscientes que nin Deus é un aparte de media hora á semana, nin unha ilusión que nos serve para proxectar ou canalizar as nosas frustracións. Entenderemos entón o que significa a invitación que hoxe se nos fai no Evanxeo de deixalo todo e seguilo. Verdade que estamos lonxe de entendelo e vivilo así?

Esa radicalidade, ese seguimento solo é posible vivilo desde a liberdade; na capacidade de coñecer, querer e saber tomar cada un/ha de nós decisións. O seguimento de Xesús non nos fai gregarios de ninguén, senón persoas libres e con capacidade de optar e elixir, de ser, nós mesmos, non deixándonos manipular. Os crentes non podemos ser escravos de nada nin de ninguén, so seguidores de Cristo.E a nosa vocación non pode ser outra que a liberdade. E como isto non é fácil, podemos caer na tentación de tirar polo camiño máis cómodo e buscar non a fidelidade á Palabra e á misión, senón aquilo que nos tranquilice a conciencia, o que outros nos din ou impoñen ou mandan. Que difícil nos resulta moitas veces ser nós mesmos: adultos, responsables e maduros! Esforcémonos por camiñar nesta liberdade, pois so desde ela seremos capaces de entender a radicalidade que nos pide Xesús, como vimos de escoitar no Evanxeo.

Oración comunitaria

Diante do Señor, e sabéndonos comunidade en camiño, compartamos xuntos a nosa oración desde a invitación que El nos fai de ser libres.

Grazas por invitarnos a vivir en liberdade

Que a Igrexa, que camiña no mundo entre luces e sombras, non teña medo a vivir e camiñar na liberdade, e poida ser a “voz dos sen voz”, e o rostro de tantas persoas desaparecidas, silenciadas e esquecidas. Oremos.
Grazas por invitarnos a vivir en liberdade
Polas nosas comunidades, para que superando a tentación de acomodación e instalación no fácil, cómodo e rutinario, avancemos en dignificar coa nosa vida e a nosa participación ás persoas do noso contorno que viven en situacións precarias, solas, enfermas ou sen ilusión. Oremos.
Grazas por invitarnos a vivir en liberdade
Por cada un dos que hoxe estamos aquí compartindo e participando da celebración, para que espertemos do sono que tantas veces nos impide ser verdadeiras testemuñas do que Xesús nos pide e invita a vivir e celebrar: a xustiza, o diálogo, o perdón, a misericordia, a paz e a denuncia profética e solidaria.Oremos.
Grazas por invitarnos a vivir en liberdade
Grazas, porque unha vez máis pos diante de nós un camiño que nos invitas a recorrer cheos de alegría, esperanza e forza. Que saibamos facelo en unión de cantos coma nós seguen pensando que a dignidade de persoa é o centro do noso actuar, o compromiso polo que sempre temos que loitar. P.X.N.S.Amén.

Reflexión
REUNIDOS NO TEU NOME Sabemos Xesús que nos reuniches no teu nome e sabemos pola fe que estás no medio de nós para ensinarnos como mestre e guiarnos neste noso camiño da nosa vida. Fainos sensibles á acción do teu Espírito que constrúe e alenta a nosa comunidade. Que non fuxamos das tensións que poidan xurdir entre nós, senón que acertemos a superalas desde a transparencia evanxélica, a aceptación na fe e o diálogo humilde, aberto e confiado. Dános a coraxe necesaria para enfrontarnos á nosa propia verdade. Que non caiamos na tentación de confundir a paz coa evasión, a fidelidade coa rixidez, a franqueza coa agresividade, o diálogo coa palabrería, a aceptación mutua coa compracencia estéril, a comprensión coa fuxida dos problemas, a benevolencia coa falta de radicalidade. Fai Señor que a nosa reunión sexa fecunda e que ao final do encontro non nos quede outra débeda que o amor mutuo. Que a nosa fraternidade siga crecendo ata que non teñamos máis que un só corazón e unha soa alma, ata que nos amemos uns a outros como Ti nos amaches. Que poidamos ser testemuño da túa unión co Pai e o Espírito para que o mundo crea e cúmprase así o supremo anhelo que che levou a dar a vida por nós. Amén.

Cantos
  • Entrada.- Que ledicia miña
  • Lecturas.- O Señor é compasivo e misericordioso
  • Cantádelle ao Señor unha cantiga nova
  • Ofertorio.- Recibe, Señor
  • Comuñón.- Seguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...