Ir al contenido principal

Mansos e humildes

Mansos e humildes, pero non domesticados


“Hai que facer discípulos, non prosélitos... non basta que deas o Evanxeo, has de abrir coa túa vida a paixón por comelo” (P. Casaldáliga)

Pórtico

Estamos nunha sociedade cada vez máis tecnificada, chea de electrodomésticos e de aparellos electrónicos, na época do móbil, de internet, do ordenador... Pero tamén é a sociedade da soidade, do individualismo. O comunitario, a colaboración, o traballo de todos decaeu e tamén o diálogo sereno e pausado. Só falamos o imprescindible, o xusto,... canta soidade xeramos, canta frustración...


Por iso, un novo domingo somos alentad@s a dispor o corazón para acoller a Palabra proclamada e levala á nosa vida. Fagámolo con humildade e mansedume, vivámola coa alegría da comuñón esperanzada.


Perdón

  • Por non confiar en Ti para poder aprender da túa gratuidade, SEÑOR, ALENTA O NOSO CAMIÑAR.

  • Por non ser capaz de levar a forza da túa bendición a quen se sente angustiado e sen esperanza, CRISTO, ALENTA O NOSO CAMIÑAR.

  • Porque somos cristiáns consumidores de ritos: vodas, bauticeiros, rosarios e novenas, pero andamos moi lonxe de aterrar para encarnar a fe no aquí e no agora, SEÑOR, ALENTA O NOSO CAMIÑAR.


Remuíño

  • Non estaría de máis que tod@s; pero dun xeito especial os que presiden e acompañan as nosas comunidades, meditasen paseniñamente o que hoxe nos di o Señor por boca do profeta Zacarías; que sigue alentando a esperanza do pobo. Nun tempo no que camiñamos na desesperanza e no desalento, nun tempo que os profetas de calamidades describen coma tempo de apocalipse, de persecución, de desastre… o profeta lémbranos que Deus segue a camiñar con nós… pero non desde unha estrutura piramidal (que tantas nostalxias levantan), senón desde unha estrutura de comuñón. Non desde a xuntanza do poder e da Igrexa, senón desde o camiño da sinxeleza. Non desde as parafernalias nas que moitas veces se teñen convertido as nosas celebracións, senón desde a valoración das cousas pequenas que van tecendo a tea da nosa vida: un sorriso alentador, unha man no traballo, un rato de compañía….

  • Só se somos capaces de entender que a fe non é para agochar nos templos e para reducila ao privado, camiñando e sendo presenza alentadora e esperanzada para todas as persoas que camiñan con nós, poderemos entender e experimentar a liberación que Xesús nos ofrece e que ben lonxe está do pesado xugo que moitos, demasiados, queren impoñer sobre os nosos ombreiros.

  • Os que non están cheos de si mesmos e non son autosuficientes, son os que descobren a Xesús. Esta é unha invitación a que non desprecemos a ninguén pola súa formación ou polo seu nivel cultural, xa que, aínda que non foron á universidade, descobren a Deus nas súas vidas, son sinxelos, de bo corazón… e nós, somos sinxelos de corazón?, admiramos e agradecemos aquilo que recibimos de balde?.


  • Hoxe é un bo día para que tod@s nos preguntemos: por que a nosa mensaxe resulta máis escura e complicada que a de Xesús?.


Oración da comunidade

Desde a apertura de corazón á que nos chamas, poñemos agora a nosa oración na túa confianza, para que sintamos a túa presenza no noso camiñar cotián, e dicímosche xuntos:


QUE APRENDAMOS DA TÚA MANSEDUME

  • Por unha Igrexa que non perda tanto tempo en dogmatismos, senón que saiba cargar cos xugos de tantos irmáns entristecidos e desacougados, OREMOS.

QUE APRENDAMOS DA TÚA MANSEDUME

  • Polas nosas comunidades, para que a fe que compartimos nos leve a avanzar coa realidade na que estamos e vivimos, implicando aí a nosa vida, OREMOS.

QUE APRENDAMOS DA TÚA MANSEDUME

  • Por cantos estamos abert@s á palabra hoxe proclamada, para que a acollamos de verdade, e non deixemos que esvare por nós convertida en rutina, desgana e ritualismo.Oremos.

QUE APRENDAMOS DA TÚA MANSEDUME

Grazas, por darnos luz a unha vida tantas veces chea de sombras, e necesitada da túa claridade.Amén.


Reflexión

Confía na súa palabra: non temas.

Confía na súa promesa: terás a lumieira das estrelas.

Confía na súa bendición: terás froitos de amor.

Confía na súa presenza: eu estou contigo.

Confía no seu evanxeo: terás un fillo divino.

Confía nos seus dons: a efusión do Espírito.

Confía nos seus amores: lévote nas palmas das miñas mans e no meu corazón. Amén.


Cantos

Entrada: Vinda axiña

Lecturas: A túa palabra

Ofertorio: Na nosa terra

Comuñón: Gracias, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...