Ir al contenido principal

Domingo 10 2008

PÓRTICO
Moitas veces adoitamos dicir “sempre houbo clases”; e é certo: os de arriba preocúpanse de que a situación nos cambie; e os de abaixo traballan no máis dos casos para que a situación siga sendo a mesma pero dándolle a volta á tortilla: @s de arriba, abaixo e os de abaixo, arriba.
Esta situación que se dá no plano económico, político, social… tamén aparece no eido relixioso: os bos e os malos, os cristiáns con pedrigui e a xentuza, os piadosos e os descridos….son as categorías nas que se clasifica ás persoas crentes, dándolles a uns certos privilexios (honores, nomeamentos, fama, carguiños…) e a outros marxinación, descreto e mesmo desprezo.
E resulta que vén Xesús e, diante de tanta parafernalia, dinos que estamos equivocados, e contra do fácil (buscar o negativo de cada un de nós) El abre novas perspectivas, mira o fondo de cada persoa e rescata o positivo, o bo, o que podemos aportar ao cambio do mundo. Deixarémonos cuestionar?.

O PERDÓN
  • Porque cando nos chamas, miramos para a mesa chea de bens, de prestixio, de comodidades… e cústanos deixala atrás para comezar unha nova vida, SEÑOR, TOCA O NOSO CORAZÓN.
  • Porque se nos enche a boca dicindo que cremos en Ti, cando en realidade seguimos tendo un corazón de pedra, incapaz de comprender, de sentir compaixón, de doerse dos irmáns, CRISTO, TOCA O NOSO CORAZÓN.
  • Polas veces nas que rexeitamos ás persoas polo seu xeito de pensar, porque nos levan a contraria, porque nos cuestionan,SEÑOR, TOCA O NOSO CORAZÓN.

REMUÍÑO
  • MISERICORDIA QUERO E NON SACRIFICIOS: Xesús plantéxanos que o importante é ter un corazón misericordioso e tolerante e non os sacrificios e o culto que poidamos realizar. Insiste en que isto ten que vir acompañado sempre dun convencemento interior e dun cambio de vida, porque do contrario corremos o risco de relativizalo e baleiralo de contido. E isto ten moita actualidade para cada un e cada unha de nós: podemos ir ás celebracións, rezar, cantar…; pero se descoidamos o amor e a xustiza, todo o anterior deixa de ter efecto na nosa vida. Así ten que xurdir unha pregunta: en que poñemos a énfase, nas normas ou no amor?; nas estruturas ou nas persoas?. Xesús é claro: o máis importante para El, o que predicou e viviu, é o mandado do amor, por riba de normas e cultos. Este enche de sentido toda unha vida
  • NON DUBIDOU: Porque a fe é invitación a desinstalarnos, a saírmos das nosas rutinas e comodidades; é invitación a abandonarnos nas mans de Deus. Abrahán non dubidou, aínda que sentía no seu corpo a carga da vellez e a incapacidade para ter un fillo. Nun mundo no que triúnfa o que se ve, o demostrable, nós, coma Abrahán, estamos chamad@s a poñer a nosa confianza en Deus, abríndonos ao seu proxecto liberador e ilusionante. E iso só o podemos facer desde un escenario: o mundo, desde o lugar onde nos desenvolvemos coma persoas: coa nosa familia, cos nosos compañeiros de traballo, cos nosos veciños… A que esperamos?.
  • SÍGUEME: Isto é o que nos di Xesús a cada un e a cada unha de nós. A súa misión ten un obxectivo concreto: que as persoas vivamos coma irmás. E para que isto sexa posible temos que cambiar o noso xeito de pensar e de vivir. Xesús invita a un ladrón a que se una a El, e Mateo abandona o mostrador de impostos desde onde roubaba. Descubriu en Xesús a un amigo que o curaba por dentro. Fronte disto, os fariseos critican. Eles nin se enteraban. Non sabían de qué ía a cousa. Eran cegos e xordos…. Pero non eran mudos. Se Xesús non tivera sentado cos pecadores, acusaríano de “clasista”, como sentou con eles, chámanlle “pecador”. Hoxe, coma onte, coma sempre, tamén nós criticamos, xulgamos e sentenciamos: se fas porque fas, se non fas porque non fas… o caso é ter sempre algo qué dicir.
A Xesús acúsano de estar rodeado de publicanos e pecadores. Hoxe, de que se acusa á Igrexa?, de que se nos acusa a nós?... pois de todo o contrario: de estar rodeados dos ricos, dos poderosos, de gustar do prestixio e do poder, de que nos custa entender que o compromiso cos últimos debe ser a razón da nosa vida. Cómpre, polo tanto, un cambio de rumbo. Aprendamos del e deixémonos enchoupar do seu testemuño.

ORACIÓN DOS FIEIS
Desde a invitación que nos fas a seguirte, compartimos agora a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s:
QUE SAIBAMOS SEGUIR AS TÚAS PEGADAS
Pola Igrexa, para que seguindo o exemplo de Xesús, non exclúa nin xulgue a ninguén, senón que sexa quen de estar aberta a todas as persoas, preocupándose máis de ser acolledora e comprensiva para así manifestar o amor e a misericordia de Deus no noso mundo, OREMOS.
QUE SAIBAMOS SEGUIR AS TÚAS PEGADAS
Polas nosas comunidades, para que non teñamos medo a acoller a todas as persoas, especialmente a todas aquelas que na nosa sociedade están excluídas: enfermos da sida, drogaditos, presos, sen teito… mostrándolle a todos que son os preferidos de Deus, OREMOS.
QUE SAIBAMOS SEGUIR AS TÚAS PEGADAS
Por tod@s nós, para que nos deixemos enchoupar do Señor, e do mesmo xeito que Abrahán, experimentemos a cercanía e a confianza en Deus sendo persoas ilusionadas ante o futuro, abertas ao que os demais nos poidan aportar e sempre sumando esforzos para construír entre tod@s un mundo mellor, OREMOS.
QUE SAIBAMOS SEGUIR AS TÚAS PEGADAS
Grazas, Señor, por invitarnos a vivir unha fe comprometida e auténtica e non unha fe infantil e meramente social. PXNS. Amén

PARA A REFLEXIÓN
Polos camiños do mundo, Ti pasaches dicindo a verdade.
Polos camiños da terra, Ti fuches peregrino e mensaxeiro do Pai.
Polos camiños da historia, Ti estiveches atento aos signos dos tempos.
Polos camiños dos pobres, Ti fixeches a vontade do Pai.
Polos camiños de Deus, Ti fuches ao encontro de todos, fillos e marxinados.
Polos camiños da periferia, Ti anunciaches a Boa Nova.
Polos camiños dos irmáns, Ti fixeches o camiño cara ao Pai.
Polos camiños da vida,. Ti mesmo fixeches o teu propio camiño.
Polos teus camiños, lévame, Señor.

CANTOS
ENTRADA: Vinde axiña
LECTURAS: Con todas as creaturas
OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas
COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...