Ir al contenido principal

Pedro e Paulo 2008

“As veces as ideas son coma eses zapatos vellos que nos resistimos a tirar porque nos resultan comodísimos. Hai ideas que de tanto usalas adquiriron xa a forma do noso corpo. Dentro delas non nos pode pasar nada e por iso defendémolas a morte. O malo é que, na mesma medida na que nos protexen do contorno hostil, tamén nos limitan. Por iso hai que ter o valor de cambiar de zapatos, de poñer en cuestión as opinións que utilizamos coma un dogma de fe para protexernos da incertidume.” ( J.J.Millás)

Unha vida marcada polo testemuño: quen di a xente que son eu?
Pórtico
Somos conscientes de que non debemos andar sempre coa mesma roupa nin cos mesmos zapatos; porque sabemos que temos que cambiala, inda que nos sexa moi cómoda, para lavala, aireala, ou porque está vella e rachada e é necesario retirala. Do mesmo xeito sabemos que, nas cuestións da fe, tamén necesitamos renovar as súas formas e xeitos de expresala. Como dicía Xoán XXIII, necesitamos de cando en vez abrir as “ventás para que entre aire limpo”. As formas fanse vellas e co paso do tempo, moitas veces incomprensibles. Sabemos que a fe é importante, para nós, mesmo necesaria, pero tamén sabemos que temos que perder o medo a renovala para poder vivila con máis e mellor fidelidade, non ás formas, senón ao seguimento, á persoa de Xesús.
Que os testemuños de Pedro e Paulo sexan para nós estímulo ilusionado de transformación.

Perdón
  • Porque a osa vida non reflexa o que cremos e ao contrario separamos o día a día da vivencia da fe, SEÑOR, QUE CONSTRUAMOS A FE SOBRE ROCHA FIRME.
  • Porque renunciamos a ser testemuñas da túa mensaxe cos veciños, compañeiros de traballo e membros da nosa familia, CRISTO, QUE CONSTRUAMOS A FE SOBRE ROCHA FIRME.
  • Porque nos dá demasiado medo renovar as maneiras e xeitos de expresar a fe, e preferimos camiñar nas rutinas e nas falsas seguridades, SEÑOR, QUE CONSTRUAMOS A FE SOBRE ROCHA FIRME.

Remuíño
Pedro e Paulo son dúas testemuñas sinceras e fieis de que é posible seguir a Xesús con radicalidade pero tamén con creatividade. Eles, vivindo en dous mundos totalmente distintos en todo: formación, ámbito familiar, laboral, relixioso... descobren e entusiásmanse coa persoa e a mensaxe de Xesús. Son moi diferentes, pero teñen en común o fundamental. O outro, o secundario, a roupaxe externa terá que poñerlla cada un; e nisto van aparecendo os matices, as diferenzas, a pluralidade positiva e liberadora que existe na Igrexa, por iso dicimos, e facémolo convencid@s, que aquí cabemos tod@s. Pedro e Paulo saben disto, e non renuncian a esa visión ampla e positiva, sérvelles para seguir mellor a Xesús, e para achegar tamén a El a moit@s máis. Fronte da tentación, tan de moda hoxe, de uniformizalo todo, para converternos en persoas robotizadas, miméticas nas formas pero baleir@s por dentro, era unha tentación na que nin Paulo in Pedro caeron.Por que a nós nos dá tanto medo entender e vivir nesta pluralidade?. Non será porque a nosa fe é unha fe de formas e ritos, e non de conviccións e seguimento?. A que temos medo?. Nós, a quen temos que anunciar é a Cristo, todo o demais é accesorio, só son medios para entendelo e seguilo mellor. Deixemos atrás as fidelidades ás formas, e comecemos a camiñar coma verdadeiros evanxelizadores.
Este esforzo tamén nos levará, como levou a Paulo, a poder dicir que temos corrido ata a meta, que nos temos esforzado en anunciar a Cristo, que temos posto todo o noso esforzo para facer chegar a mensaxe de Xesús aos que están ao noso redor. Tanto a aqueles con quen compartimos a fe, como a aqueles aos que nos une o compromiso pola humanización de persoas e sociedades. Diante deles seriamos as mellores testemuñas do Resucitado –misericordia quero e non sacrificios-, unhas testemuñas que rexeitan impor a súa visión, o seu xeito de ver e entender as cousas aos que non pensan coma nós, pero non por iso renunciamos a vivir valores, actitudes e convicións que consideramos fundamentais para o seguimento de Xesús. Non impondo, senón vivindo e testemuñando, por si os demais, vendo en nós alegría, compromiso, ilusión e esperanza, descobren a mensaxe sempre nova e liberadora de Xesús. Deste xeito, e coma Paulo, poderemos dicir sen vergoña e cheos da forza do Espírito: mantivemos a fe!
Xuntos, non só Pedro, senón tamén con Pedro, iremos edificando a nosa igrexa non sobre o alicerce do medo, a coacción, o autoritarismo e a ansia de dominio e poder, senón –somos na casa de Deus pedras vivas–escoitando, servindo e facendo comunitariamente o camiño. Solos non iremos moi lonxe, xuntos construiremos igrexa de presente sempre aberta e sen medo ao futuro. De nós, do noso talante, vai depender que a igrexa siga estando presente no mundo, non para ensombrecelo, senón para facelo crecer en humanidade solidaria. Construír Igrexa non é sinónimo de servilismo, senón de participación. As pedras, os cimentos non son todos iguais, hainas máis grandes e máis pequenas, pero todas son pedras e necesarias na cimentación. Cómo nos custa entendelo!

Oración da comunidade
Abramos mans e corazón a Deus que nos chama a ser testemuñas no noso mundo e digamos:
QUE O NOSO TESTEMUÑO SE ENCHA DE ESPERANZA
Pola Igrexa, para que non teña medo a levar ás persoas a Xesús, renunciando a un estatus privilexiado e a un dominio das conciencias e polo contrario se presente como unha man máis que une e non exclúe ou rexeita, OREMOS.
QUE O NOSO TESTEMUÑO SE ENCHA DE ESPERANZA
Polas nosas comunidades, para que non teñan medo nin poñan dificultades a canto leve a coñecer máis e mellor a Cristo, OREMOS.
QUE O NOSO TESTEMUÑO SE ENCHA DE ESPERANZA
Por todos nós, para que descubramos en Xesús o amor de Deus que vén ás nosas vidas, e o transmitamos xenerosamente, especialmente en tantas situacións de dor e de morte: enfermidades, abandono, marxinación, descrédito, pobreza, soidade... OREMOS.
QUE O NOSO TESTEMUÑO SE ENCHA DE ESPERANZA
Grazas, por invitarnos unha vez máis a ser testemuñas da túa mensaxe no medio do noso mundo e entre a nosa xente.P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN
Salmo para Dar a Vida

Señor, dáme a valentía
de arriscar a vida por Ti,
o gozo desbordante
de gastarme no teu servizo.
Dáme, Señor, ás para voar
e pes para camiñar
ao paso das persoas.
Entrega, Señor, entrega
para "dar a vida"
dende a vida,
a de cada día.
Infúndenos, Señor,
o desexo de darnos e entregarnos,
de deixar a vida
no servizo aos débiles.
Señor, fainos construtores da túa vida,
propagadores do teu Reino,
axúdanos a poñer a tenda no medio das persoas
para levarlles o tesouro
do teu amor que salva.
Fainos, Señor, dóciles ao teu Espírito
para ser conducidos
a dar a vida dende a cruz,
dende a vida que brota
cando o gran morre na terra

CANTOS
  • ENTRADA: Onda ti corremos os teus fillos
  • LECTURAS: Señor Xesús
  • OFERTORIO: Xurdirá
  • COMUÑÓN: Acharte presente na vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...