Ir al contenido principal

Domingo 16 TO

E NÓS QUE SOMOS,

XOIO OU SEMENTE BOA?

Pórtico

Xuntámonos como comunidade crente para celebrar o día do Señor, e traemos a nosa vida para que El a acolla e a enforteza. Alentados pola palabra que escoitaremos e polo pan que se nos partirá como alimento, descubramos a súa presenza e abramos o noso corazón ao vento do Espírito.

Perdón

* Porque moitas veces somos xoio que causa división, que provoca malos entendidos, que medra por riba dos demais, SEÑOR, FAI DA NOSA VIDA BOA SEMENTE.
* Polas veces en que nos convertemos en xuíces dos demais e somos incapaces de comprender situacións e motivacións, CRISTO, FAI DA NOSA VIDA BOA SEMENTE.
* Porque pensamos que os bos somos nós, os cristiáns, e tod@s os que pensen ou actúen diferente son os malos, SEÑOR, FAI DA NOSA VIDA BOA SEMENTE.

Remuíño

* O FERMENTO QUE FAI LEVEDAR TODA A MASA: O domingo pasado Xesús falábanos do gran que cae na terra e hoxe faino do poder transformador que ten o Reino de Deus. Pero este crecemento é segundo o xeito de Deus, non segundo o noso. Fixémonos como actúa Deus na historia da Salvación: escolle a persoas débiles (Moisés, David, Xeremías, Xob,); a un pobo insignificante (Israel); o seu Fillo nace nunha corte e foi sempre pobre; os apóstolos eran xente humilde do pobo e non letrados e estudosos… en resumo,é no pequeno e dende o pequeno e o humilde onde actúa a forza de Deus. Así debemos actuar os cristiáns: non baseado no poder, nin na rixidez das estruturas, nin na prepotencia, nin en que nos aplaudan polo ben que o facemos. Temos que ser ese fermento que leveda a realidade e a transforma dándolle alegría e sabor, poñendo optimismo e unindo forzas entre tod@s. Lembremos a invitación de Xesús: que non saiba a túa man esquerda o que fai a túa dereita.

* DEIXALOS CRECER XUNTOS DEICA A SEGA: Xesús coa parábola do trigo e do xoio, fálanos do ben e do mal, das persoas boas e malas que conviven no mundo. Lembramos así os esforzos de tanta xente en facer comunidade;a entrega desinteresada de milleiros de voluntarios; a doazón de tempo e diñeiro para proxectos de desenvolvemento integral das persoas… Pero convivindo con estas realidades tamén atopamos a outra cara da moeda: persoas só interesadas en si mesmas; persoas que por unha idea son capaces de matar; conflitos armados por intereses económicos; outras estruturas de mal que existen no mundo…. Nembargantes, diante desta convivencia, non nos toca a nós xulgar por que existe o ben e o mal, senón ao contrario, a nosa tarefa consiste en traballar e loitar para que cada vez haxa menos mal no mundo. Necesitamos a paciencia do dono da viña, que espera a que madure a semente, pois o xoio está tamén nas nosas familias, nas nosas comunidades, entre os nosos veciños e en ós mesmos. Por iso non debemos considerar aos demais os malos, necesitamos autocrítica, ver o mal que hai en nós para converternos e logo poder transformar. Temos que evitar o integrismo, as ideas fixas, os xestos agresivos e defensivos que xorden ao pensar que estamos cercados polo mal. Teñamos a paciencia e a misericordia de Deus, e non esquezamos que con cada un, o Señor ten paciencia infinita, ou así llo pedimos cando recoñecemos que somos débiles. Lembremos a parábola da figueira á que o amo lle deu tempo ata que dera froito.

Oración da comunidade

Señor, Ti es paciente con tod@s e respectas a nosa liberdade, completa a oración que agora che presentamos dicindo:

SEXAMOS LEVADURA QUE TRANSFORMA O MUNDO

* Pola Igrexa, para que, valorando e querendo ás persoas, sexa quen de transformar a realidade, quitando estruturas de morte e marxinación, e non erixíndose en xuíz intransixente, OREMOS:

SEXAMOS LEVADURA QUE TRANSFORMA O MUNDO

* Polas nosas comunidades, para que non teñan medo a acoller a tódalas persoas, especialmente a aquelas consideradas malas porque actúan dun xeito diferente, porque pensan diferente a nós ou porque non tiveron as mesmas oportunidades ca nós, OREMOS:

SEXAMOS LEVADURA QUE TRANSFORMA O MUNDO

* Por todos nós, para que non sexamos motivo de desunión entre as persoas e polo contrario, busquemos unir esforzos, buscar puntos de encontro e así facer da nosa terra un ámbito de realización humana e do Reino, OREMOS:

SEXAMOS LEVADURA QUE TRANSFORMA O MUNDO

Grazas, Señor, porque segues a ter paciencia con tod@s nós. Danos azos para seguir os teus camiños. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN

FÁLTAME, SEÑOR, PACIENCIA

Fáltame, Señor, paciencia:

para analizar e saborear as cousas e os acontecementos,

para escoitar as estrelase as árbores,

para comprender o latexo da historia.

Fáltame paciencia, Señor,

para confiar que as persoas poden cambiar, que se están facendo,

que lles é posible a conversión.

Aínda así,

cántas etiquetas impoñemos!,

cánta dor e cántos muros creados!,

cómo pechamos a confianza e a proximidade,

afogadas por unha "fama" levantada!.

Invítanos, Señor,

a iniciar unha felicidade nova e paradóxica:

a felicidade de ser, sentíndonos nos outros,

a felicidade de ser felices, felicitándonos,

a felicidade da dor compartida,

a felicidade da fame alimentada,

a felicidade dunha misericordia universal e próxima,

concreta e aberta, sinxela e atrevida.

Danos, Señor, a túa misericordia,

aquela que nos fai familia,

aquela que nos limpa o egoísmo e a comodidade,

aquela misericordia que Ti viviche.

Cantos

* Entrada: Temos unha festa
* Lecturas: Como che cantarei
* Ofertorio: O mar as estrelas
* Comuñón: Pedras vivas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...