Ir al contenido principal

Domingo 15

Para que dea froito, a Palabra ha ser ben sementada
Por que preparamos tan mal a terra?


PÓRTICO

Como nos gusta falar de todo, saibamos ou non.... e pola contra, que difícil nos resulta saber escoitar; a pesares de que a escoita é unha condición importantísima, decisiva, para a convivencia, para poder axudarnos uns a outros. Saber escoitar aos outros con interese, con atención, con respecto, con agarimo....
E nas nosas celebracións, a Palabra que escoitamos quere ser unha choiva que enchoupa a nosa vida para poder dar froito. Por iso é importante que sexa proclamada correctamente e interiorizada na nosa vida. Abrámonos, pois, a ela.

O PERDÓN

Señor, por tódalas veces nas que non prestamos atención á Palabra que proclamamos nas celebración, non escoitando a quen precisa de nós: aos nosos fillos, ás persoas maiores, aos enfermos, aos marxinados, ESPÉRTANOS DO NOSO SONO.
Cristo, por tódalas veces nas que as presas nos fan que proclamemos a Palabra sen querer descubrir que ela é a forza da nosa vida, ESPÉRTANOS DO NOSO SOÑO.
Señor, porque non nos deixamos enchoupar da túa Palabra que nos fala como forza renovadora da vida, ESPÉRTANOS DO NOSO SOÑO.

REMUÍÑO

Os textos deste domingo chámannos a prestar atención á visión de Deus –imaxe– pobre, desprendido, necesitado. Un Deus que é capaz de saír de si mesmo para entrar no outro/s –imaxe e semellanza-. E… se El veu a nós pobre, cómo nós non imos ir tamén con esa actitude de pobreza cara aos nosos irmáns, especialmente os máis pobres, e non so aos pobres de cousas materiais?. Porque deste xeito imos facendo real, achegado ao que nos pasa, a mensaxe de Deus. Estamos demasiado acostumados a escoitar -no mellor dos casos– a palabra que se proclama, moitas veces mal proclamada, á presa e de xeito pouco intelixible. Isto fai que poucas veces sexamos capaces de entendela e poñela en relación coa nosa vida.Por que isto é así?. Por que non somos conscientes de que a palabra, antes de ser proclamada debe ser lida e rezada, é dicir, temos que facela nosa, situala na nosa vida, lela desde o que nos está a pasar. Só así conseguiremos que vaia dando verdadeiros froitos.
Proclamar ben a palabra leva a que a entendamos, e só deste xeito pode enchoupar, alentar e enriquecer todo aquilo que nos pasa, o que estamos a vivir. Entender a palabra que hoxe acabamos de proclamar, supón que somos capaces de descubrir ao Deus no que cremos como aquel que é:
apoio dos pequenos fronte do poderosos
xenerosidade, tenrura, festa… gratuidade dos desacougados.
afecto dos que se senten oprimidos.
Tod@s temos que prestar máis e mellor atención á palabra, para que dea froito abondoso, para que conecte coa nosa vida e as nosas preocupacións.

Superar a fixación da palabra coma un momento máis das partes da misa, converteranos en verdadeiros oíntes, orantes e capacitados para vivila como experiencia gozosa e enraizada do que facemos. Entenderemos entón que supón “ser a boa terra” e ter a Xesús coma mestre do que somos invitados a aprender. Só así entenderemos por que a palabra de Deus é, ten e debe ser cimento –alicerce– para a nosa vida.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Nun mundo cheo de tantas palabriñas, resúltanos difícil responder ás esixencias da túa Palabra, por iso che dicimos:

QUE DEIXEMOS QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS

Pola Igrexa, comuñón de comunidades, para que non se deixe levar polo andazo que impide que a Palabra sementada dea froito de solidariedade, entendemento, diálogo, renovación e creatividade, OREMOS.

QUE DEIXEMOS QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS

Polas nosas comunidades, para que nos esforcemos en preparar lectores que proclamen con claridade e entendemento a Palabra, e deste xeito resoe en nós e enchoupe o noso corazón para actuar con criterios evanxélicos, OREMOS.

QUE DEIXEMOS QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS

Por cada un dos que hoxe estamos a rezar xunt@s, para que prestándolle atención, deixemos que a Palabra que vimos de proclamar dea froitos abundantes de compromiso, seguimento e realización de accións que nos leven a descubrir no que facemos unha presenza leda e gozosa de Deus. OREMOS.

QUE DEIXEMOS QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS

Grazas, Señor, por espertarnos a unha acollida activa e viva da túa Palabra na nosa vida, vencendo a tentación de convertela en costume, rutina e distracción. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Sodes sementes do Reino plantadas na historia.
Sodes boas e tenras, cheas de vida.
Téñovos na miña man,
acubíllovos e quérovos,
e por iso vos lanzo ao mundo: Perdédevos!.

Non lle teñades medo ás treboadas ou ás secas,
a pisadas nin a espiños.
Bebede dos pobres e enchoupádevos do meu orballo.

Fecundádevos, rebentade, non quededes enterrados.
Florecede e dade froito.
Deixádevos abanear polo vento.

Que toda persoa que ande por vieiros e camiños,
buscando o que está perdido,
ao mirarvos
sinta unha treboada e poida amarvos.
Sodes sementes do meu Reino!.

CANTOS

  • ENTRADA: Pedras vivas
  • LECTURAS: Señor Xesús bendito sexas
  • OFERTORIO: Sementar, sementarei
  • COMUÑÓN: Sede o sal

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...