Ir al contenido principal

Atopar a Deus

DOMINGO XIX DO T.O.
ONDE ATOPAR A DEUS?.
NOS QUE AMAN E NOS QUE PRECISAN AMOR
PÓRTICO
A historia da Igrexa, a nosa historia, ten luces e sombras. Pero unha cousa está ben clara: cando triunfou o orgullo, a prepotencia, o dominio sobre as persoas, o avasalamento das conciencias… en realidade, a grande derrotada foi a Igrexa; mentres que cando foi perseguida e marxinada, cando permaneceu fiel ao ideal evanxélico de pobreza, de diálogo, de apertura, de comprensión… entón si podemos falar de verdadeiro triunfo da fe.
A Palabra que hoxe escoitaremos é un bo punto de partida para examinar a nosa historia e para examinarnos tamén a nós mesmos. Sen o poder nas mans, alomenos sen o poder doutros tempos, onde quedou a nosa fe?. Esta é a pregunta que hoxe estamos chamad@s a responder. Camiñemos sen medo cara Aquel que nos abriu o camiño.
O PERDÓN
Porque as nosas presas no cumprir esterno fannos esquecer a importancia da oración pousada, serea e que parta da nosa vida, SEÑOR, QUE ATOPEMOS EN TI O NOSO ACOUGO.
Porque seguimos crendo que o noso ritualismo baleiro, o noso cumpro e minto, as nosas pompas e boatos… nos achegan a Ti, cando a realidade é que é na sinxeleza da vida cotiá onde te fas presente, CRISTO, QUE ATOPEMOS EN TI O NOSO ACOUGO
Porque nos falta fe que encha a nosa vida de esperanza e de confianza para sermos capaces de sobrepoñernos ás dificultades da vida sen afundirnos, SEÑOR, QUE ATOPEMOS EN TI O NOSO ACOUGO
REMUÍÑO
“O Señor non está nin no furacán, nin no tremor de terra, nin tampouco no lume devastador”: Que difícil nos resulta aos cristiáns e ás cristiás dos nosos días acompasar o que vimos de escoitar no libro dos Reis co que está a suceder na nosa sociedade e, polo tanto, na nosa Igrexa. E digo que resulta difícil de casar porque se nos deixamos levar do que din os “doutores da santa nai igrexa” que día si día tamén chámannos ás barricadas para facer unha guerra santa contra o infiel (ou o que é o mesmo, toda aquela persoa que non pensa, non se comporta, non fai ou non comulga co que eles din, en resumo, toda aquela persoa adulta e con criterio persoal propio); se nos deixamos levar por eles, recolleremos os froitos que estamos a sementar, que non son outros que crispación, afastamento, desesperanza, frustración… Parece coma se Deus tivese cambiado moito nestes séculos que pasaron desde que se escribiu o libro dos Reis, cando a realidade segue a ser a mesma: Deus non está no furacán da intolerancia e da seguridade dos templos e dos rezos; nin no tremor de terra do integrismo (aínda que se autodenomine relixioso), nin tampouco no lume devastador da ditadura relixiosa e do ordeno, mando e fago saber, que pretende que vivamos nun trogloditismo teolóxico perpetuo. Adoitamos soñar co espectáculo como remedio ao noso adormecemento: grandes aparicións, apostolados en masa, multitudinarias concentracións….pero a Deus é difícil atopalo no medio destes “shows”. Grazas, Señor, por non atoparte aí!!!!!!!!!:
“Está na airexadiña suave”: Efectivamente, aínda que os doutores, os fariseos do noso tempo se resistan ou mesmo se neguen a crelo, Deus non se foi, está aí, na brisa morna. Non no trono do poder (onde nunca estivo), senón na cruz da marxinación á que tantos irmáns e irmás nos@s son conducid@s polo sanedrín por falar outra lingua, rezarlle a Deus con outro nome, ter outra cor de pel, ter nado muller, estar enferm@, estar no par@..... Porque Deus está na comunidade (“Onde dous ou tres se xuntan no meu nome”), nos que teñen fame e sede, nos que non teñen papeis,nos que non teñen nin para vestir, nos que están no cárcere…. e está naquelas persoas que traballan polo ben da xente. Nunha palabra, Deus está na nosa tarefa cotiá, no noso esforzo real, continuo e prolongado por facer un mundo máis xusto, máis humano, máis igual, máis ecolóxico, máis fraterno.
“Ven”: E desde aí o Señor segue a chamar por cada un e por cada unha de nós. O que ocorre é que aturuxados con tanto rebumbio ao noso redor, confundidos por tantos que se nos presentan coma únicos voceiros válidos de Deus (cando o certo é que son incapaces de escoitar a súa voz) e que só fan sementar desesperanza e desconfianza, acabamos esquecendo o fundamental: todo aquilo que somos e facemos, sómolo e facémolo porque Deus sae ao noso encontro, vén cara a nós, convértese en compañeiro de camiño…. E todo iso porque nos quere, porque arela a nosa felicidade. Por que temos tan pouca confianza nel?, por que dubidamos?, non será por que nos falta fe?. … E para construír o Reino cómpre ter fe, moita fe… e tamén creatividade, ilusión e esperanza. Deixemos atrás as nosas dúbidas, superemos a escusa fácil do “non sei/non vallo” e aprendamos a camiñar sen deixarnos afundir polas dificultades ou polos fariseos da nosa Igrexa… Non esquezamos que non imos solos.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Poñamos agora na nosa oración comunitaria, as nosas arelas e tamén as nosas canseiras, para que o Señor nos acompañe e alente no noso esforzo por acadar unhas e superar outras, e digamos:
QUE BUSQUEMOS ESPAZOS ONDE PODER ACOUGAR
En demasiadas ocasións a Igrexa, especialmente unha boa parte da súa xerarquía, non é diante do mundo testemuña de sinxeleza, escoita, entendemento, paz… e semellan máis preocupados por non perder poder que por vivir o Evanxeo, por iso che dicimos:
QUE BUSQUEMOS ESPAZOS ONDE PODER ACOUGAR
Cantas veces, Señor, as nosas comunidades enfróntanse, divídense e rompen polo noso afán de protagonismo, por non ser capaces de descubrir que tod@s somos necesari@s e que ninguén é máis ca ninguén, por iso che dicimos:
QUE BUSQUEMOS ESPAZOS ONDE PODER ACOUGAR
Señor, vivimos unha vida mediocre, agoniados por mil problemas, desesperanzad@s, sen estímulo… o que impide que sexamos no mundo testemuñas da túa mensaxe, por iso che pedimos:
QUE BUSQUEMOS ESPAZOS ONDE PODER ACOUGAR
Grazas, Señor, porque a pesares dos nosos medos e dos nosos erros, segues a confiar en nós e a chamarnos cada día. PXNS. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
TREBOADAS DE VERÁN
Con tanta protección, con tanta garantía,
con tanta defensa, con tanta muralla,
con tanto seguro, con tanto capricho…
non estamos afeit@s a bregar no mar da vida.
Calquera imprevisto, aínda o máis pequeno:
a incertidume ante o futuro, o presentemento dun cambio,
o medo ao descoñecido, unha dor fortuita,
a presenza de estranxeir@s, a sospeita de nada en concreto…
paralízanos e prodúcenos receo.
Por que tedes medo, persoas de pouca fe?.
Só é unha treboada de verán.
Un mariñeiro medra na forte marexada,
mentres terra adentro hai quen afoga nun vaso de auga.
Os chaparróns só duran horas, nunca semanas.
E despois do temporal chega a calma.
Pode que chova moito e con forza,
ás veces é necesario para arrincar as nosas costras e as nosas teas de araña.
Pero non teñades medo….
Só é unha treboada de verán.

CANTOS
ENTRADA: Déixate querer
LECTURAS: O Señor é o meu pastor
OFERTORIO: Non vou só
COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel