Ir al contenido principal

Domingo 22 TO

PASAR POLO GÓLGOTA… PARA CHEGAR AO TABOR
PÓRTICO
A diferenza de Xeremías, non é polo Deus da Biblia por quen nós nos deixamos seducir, senón por outros deuses tan ao uso no mundo actual: internet, móbil, home cinema... coma se antes non se vivise. Mesmo parece que agora quen non está á última nas novas tecnoloxías, é como se non estivese no mundo. Pois…nin tanto nin tampouco.
Porén, para falar con Deus non son necesarios os novos trebellos tecnolóxicos. El quérenos, coñécenos e non nos esquece; ao contrario, segue a confiar en nós, a seguir dándonos oportunidades empeñado en facer o camiño ao nosos carón. É verdade que iso non vai supor esquecer que o camiño ten atrancos e dificultades, pero sabemos tamén que non o imos facer sol@s: a comunidade vai ser ámbito de presenza de Deus e compañeira na nosa viaxe. Abrámonos á sedución de Deus, para que El motive os nosos retos e proxectos.
Que a celebración de hoxe nos anime a cantos nos xuntamos no seu nome, a deixarnos seducir pola forza Daquel que segue facendo de nós imaxe e semellanza súa.

O PERDÓN
Porque seguimos sen querer entender que as cousas importantes da vida: o amor, a amizade, a saúde, os sorrisos… non se mercan con cartos, SEÑOR, TI ES O NOSO AUXILIO.
Porque nos custa dar a cara polos demais cando iso supón perder do noso ou ser mal vistos, CRISTO, TI ES O NOSO AUXILIO.
Por non ser capaz de verte na dor do enfermo, na mirada perdida de moitos maiores ou no tempo que non quero compartir con quen está solo, SEÑOR, TI ES O NOSO AUXILIO.

Remuíño
Un bo slogan que defina ben a nosa sociedade, podería ser “obtéñao todo e obtéñao agora”. E é que a nosa é a sociedade do confort, do inmediato, do non esforzo…. Unha educación excesivamente permisiva, unha falta total de autodisciplina, un ambiente social cheo de estímulos que nos empurran só a gañar, gozar, gastar e disfrutar, o medo a non vivir intensamente ou a aparecer coma fracasados e reprimidos…. estannos a conducir a un xeito de vida no que palabras coma renuncia, sacrificio, esforzo…. xa non teñen cabida.
Pero tamén nos decatamos de que non é este o camiño axeitado para vivir en plenitude, e cando satisfacemos un desexo, rapidamente xorde outro novo máis apremante e excitante que o anterior, convertendo a nosa existencia nunha carreira de tolos no que o único que nos enche parece que é ter sempre máis e disfrutar máis intensamente. Quedamos así atrapad@s nunha trampa que non ten saída cara á verdadeira liberdade, senón que nos conduce a unha cruel escravitude.

E neste crebacabezas…. como encaixamos a nosa fe?. Pois… do mesmo xeito que os demais elementos: facemos unha fe a medida, buscamos un cristianismo cómodo, que case ben coas tendencias da nosa sociedade. O que me interesa cólloo, o que non, déixoo. Por iso entendemos perfectamente a actitude de Pedro, mesmo nos identificamos con ela: o pasado domingo, recoñece en Xesús ao Mesías, e hoxe non é quen de entender que o seu é un camiño de renuncia e sacrificio. A el, coma a nós, gustábanlle os aspectos amables do seguimento; pero non o sacrificio. Gustáballe o Tabor, pero non o Gólgota. Hoxe, tamén a nós nos gustan determinados aspectos da nosa fe que poderíamos dicir son os aspectos folclório-festivo: a Misa e a festa do día do patrón, as cerimonias sociais (vodas, bauticeiros, comuñóns…), as procesións…. pero cando o que se nos pide é coherencia, cando nos decatamos de que estamos chamad@s a encarnar a nosa fe na nosa vida de cada día, cando caemos na conta de que a fe é o cristal a través do que debemos ver e xulgar o noso mundo para así poder logo actuar, cando nos damos de conta de que ás veces a fe esixe renuncia e sacrificio, cando temos descuberto que a fe compromete a vida enteira…. Entón, a cousa cambia!.

Porque a Boa Nova de Xesús sitúa o noso comportamento cotián no camiño da esperanza: aquí e agora é cando nos xogamos a salvación. Traballamos para ser libres e para, desde a tolerancia, o diálogo e o respecto, construír un mundo mellor co esforzo de todas as persoas de boa vontade.
E neste fermoso proxecto temos cabida todas as persoas, coas nosas cousas boas e cos nosos erros. Xesús chámanos a cargar coas nosas cruces, cos nosos desánimos, coas nosas neuras… para achegarnos a Deus Pai, que é alento e forza. Estamos dispost@s a deixarnos acariñar por El?.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Deixándonos seducir pola presenza do Señor, compartamos agora a nosa oración comunitaria e digamos xunt@s:
QUE NOS DEIXEMOS SEDUCIR POR TI
Pola Igrexa, para que non teña medo a poñerse ao carón dos que máis sofren, daqueles que necesitan o pan da palabra e o pan material, xa que será a única forma de non perder a fidelidade ao evanxeo de Xesús, OREMOS.

QUE NOS DEIXEMOS SEDUCIR POR TI
Por tantas e tantas persoas crucificadas no mundo de hoxe: @s famentos, as mulleres maltratadas e tratadas coma obxectos, @s nen@s escrav@s, @s vell@s abandonad@s, @s que non teñen saúde, traballo ou vivenda digna… para que sexamos quen, desde a nosa opción por Xesús, de axudarlle a levar a súa carga, OREMOS.
QUE NOS DEIXEMOS SEDUCIR POR TI
Por nós, para que saibamos acoller a complexidade da nosa vida -moitas veces experiencias de cruz-, e aprendamos a querer e a respectar ás persoas tal e como son, e non coma a nós nos gustaría que fosen, OREMOS.

QUE NOS DEIXEMOS SEDUCIR POR TI
Grazas, Señor, por achegarte a nós e ir deixando na nosa vida as pegadas da túa presenza convertida en solidariedade, liberdade e xustiza. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Ti, Señor, dis: “O que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda pola miña causa, poñeraa a salvo”.
E nós, egoístas e covardes, a pesares das túas palabras, temos medo a gastar e a entregar a vida.
Gastar a vida é:
Traballar polos demais, aínda que non nos paguen
Facerlle un favor a quen non pode darnos nada a cambio
Arriscarse ao fracaso sen falsas prudencias
Queimar as naves a prol do próximo
Ensínanos,Señor, a lanzarnos cara ao imposible, sabedores de que connosco van a túa graza e a túa presenza, que non nos deixar caer en baleiro.


CANTOS
ENTRADA: Camiñando pola vida
LECTURAS: Non vou só
OFERTORIO: Déixate querer
PAZ: Que veña a paz
COMIUÑÓN: Acharte presente na vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...