Ir al contenido principal

Cristo Rei 2008

NON PODEMOS SER NEUTRAIS NUNHA SOCIEDADE DE DESIGUAIS

PÓRTICO

Nunha sociedade plural coma a nosa e diante dun clima social indiferente ao relixioso, moitos cristiáns terminan vivindo a súa fe cun certo complexo de inferioridade. Séntense crentes, pero non se atreven a confesalo diante dos demais, nin no seu ámbito profesional, nin nos círculos sociais que se moven. Porén, nun tempo no que tanto escoitamos falar de autenticidade, sería un contrasentido que os crentes ocultasemos as convicións que poñen sal, luz e esperanza na nosa vida. A nosa sociedade precisa mensaxeir@s do Reino que saiban proclamar cos beizos e co corazón que paga a pena contar con Deus e seguir o Evanxeo de Xesús.

É este o sentido da festa que hoxe celebramos e coa que pechamos o ano litúrxico: somos cidadáns do mundo, cun compromiso fondo por impedir que a dignidade humana sexa pisoteada. Que a celebración que agora comezamos nos axude a descubrir que a neutralidade nunca pode converterse no noso sinal de identidade.

O PERDÓN

  • Polas veces en que reducimos a nosa fe a xuntarnos na Igrexa ou a rezar unhas oracións, descoidando ás persoas, SEÑOR, QUE CONSTRUAMOS O REINO.

  • Por non dar entendido que o decisivo da nosa vida non é o que dicimos, os sentimentos fermosos ou as protestas estériles, senón que o importante é axudar a quen precise de nós, CRISTO, QUE CONSTRUAMOS O REINO

  • Por deixar pasar por diante de nós as oportunidades que nos poden facer máis sinxelos, solidarios e servizais, SEÑOR, QUE CONSTRUAMOS O REINO.


REMUÍÑO

  • A idea de Deus como Aquel que sae buscar aos seus fillos e non para ata que os atopa e acubilla, aparece moitas veces nos textos que proclamamos nas celebracións ao longo do Ano Litúrxico. É esta unha maneira de dicirnos que crer é descubrir un Deus persoal, cercano, acolledor e cheo de misericordia, nada que ver con aquelas imaxes que de pequenos nos presentaron, e que tanto medo nos teñen dado. É este Deus que aparece no texto de Ezequiel, o que mellor mostra en quen cremos e por que crer é unha decisión madura e verdadeiramente persoal. Pois só o que é capaz de integrar a Deus no seu quefacer cotián, pode descubrir, mellor, percibilo non coma un inimigo ou coma un usurpador da liberdade humana, senón todo o contrario, Deus é o amigo solidario e compañeiro de viaxe que vai alentando e ilusionando a nosa vida e todo o que nós facemos.

  • Xesús preséntanos hoxe no Evanxeo un programa do que será o xuízo definitivo; e as súas palabras resultan sorprendentes e desconcertantes, porque non se nos preguntará polo número de Misas ás que asistimos, polas novenas que fixemos, polos rosarios que rezamos, polas horas que pasamos diante do Santísimo...senón que seremos xulgados da xustiza e do amor, da solidariedade e da compaixón. O que conta é a nosa actitude de amor ou indiferenza cara calquera ser humano necesitado. A fame, a pobreza, a enfermidade, a inxustiza... son o reto á responsabilidade e á acción de todas as persoas, e máximo daquelas que nos dicimos cristiás. O Señor identifícase cos famentos, cos oprimidos, cos maltratados e discriminados, o que fai que nos chame a un compromiso activo. Non podemos ser neutrais nunha sociedade de desiguais. Non podemos ser imparciais nun mundo dividido en partes. Temos que tomar partido, temos que comprometernos cos que padecen inxustiza, non cos inxustos (como sucede moitas veces). A fe, polo tanto, comprométenos cos pobres, cos famentos, cos que sofren, cos perseguidos. O pan que compartimos chámanos a traballar para sentar a tod@s na mesa do desenvolvemento. Non bastan as boas palabras e as boas intencións. Que fixemos cando nos atopamos con alguén que precisaba da nosa compaña, do noso tempo, do noso sorriso?, como reaccionamos diante dos problemas e sufrimentos de persoas concretas que atopamos no noso camiño?. Porque pode ocorrer, mesmo ocorre moitas veces, que fagamos por unha banda “obras de caridade” e por outro sigamos explotando e apoiando situacións contrarias á liberdade e á xustiza ou levando un tren de vida indignante para os pobres. Compartir o señorío de Xesús é abrirse ás necesidades dos demais, recoñecelo no pobre e no marxinado, traballar por un mundo solidario, por unha sociedade libre e xusta, aberta ao Reino. A que esperamos?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Abrámonos agora á oración que cada un de nós quere por baixo o amparo e a compaña do Deus de Xesús, e digamos xuntos:

QUE NOS ESFORCEMOS POR RECOÑECERTE NOS IRMÁNS

  • Señor, que nestes tempos de crise e dificultade, a Igrexa se esforce por saber acoller, axudar e acompañar a quen sofre as consecuencias dunha sociedade que pensou que só no benestar material se podía ser feliz, OREMOS.

QUE NOS ESFORCEMOS POR RECOÑECERTE NOS IRMÁNS

  • Polas nosas comunidades, para que, facendo do Evanxeo o motor da nosa vida, sexamos xermolos do Reino alí onde esteamos: na política, no mundo do traballo, na cultura, na educación, no compromiso parroquial, OREMOS.

QUE NOS ESFORCEMOS POR RECOÑECERTE NOS IRMÁNS

  • Por tod@s nós, para que descubramos ao Señor no cotiá, no sinxelo, e non nas grandes manifestacións nin nos grandes templos, senón nas persoas, nos camiñantes, nos que sofren, nos febles, nos enfermos, OREMOS.

QUE NOS ESFORCEMOS POR RECOÑECERTE NOS IRMÁNS

Grazas, Señor, por lembrarnos que a fe non é un pecharse nun mundo feito á nosa medida e despreocupado dos demais. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Señor,

queremos buscarte neste mundo insolidario e frío.

Queremos atoparte nos barrios marxinais e nos arrabais.

Queremos verte nos que a nosa sociedade agocha e esquece.

Queremos descubrirte nos que non contan para a cultura dominante.

Queremos acollerte nos que non teñen o básico e o preciso.

Queremos acariñarte nos que pertencen á cruz da historia.

Nos pobres e marxinados de sempre,

nos emigrantes e parados sen abrente,

nos drogadictos e alcohólicos sen presente,

nas mulleres maltratadas,

nos anciáns abandonados,

nos nenos indefensos,

na xente estrelada,

en todos os feridos e abandonados á marxe do camiño.

Neles queremos buscarte, atoparte, verte, descubrirte, acollerte e acariñarte.

CANTOS

  • ENTRADA: Ti es camiño e verdade

  • LECTURAS: Veña o teu Reino

  • OFERTORIO: Por riba das nosas distancias

  • COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...