Ir al contenido principal

6 Domingo Pascua

Camiñar na fronteira: amar desde a discrepanciA

PÓRTICO

Vivimos nunha sociedade na que é moi difícil aprender a amar dun xeito gratuíto. Todo se calcula, todo se mide, todo se compra, todo se vende. E así, cremos, dun xeito equivocado, que todo se obtén pagando: alimentos, roupa, vivenda, transporte, diversión, postos, beneficios, traballo, amor, servizos relixiosos... E así, corremos o risco de converter todas as nosas relacións nun puro intercambio de servizos.

Porén, non é este o camiño que nos propón Xesús!. Non é así como poderán xurdir sementes do Reino!. Non é este o xeito de liberarnos!. O camiño ten que ser o do amor, non o do interese.

Que a celebración que agora comezamos nos axude a decatarnos de que o amor é unha necesidade e o guieiro da nosa vida.

 

O PERDÓN

  • Porque nos cremos os mellores e os únicos, SEÑOR, CURA O NOSO CORAZÓN
  • Polas veces nas que somos sectarios no noso pensamento e na nosa forma de actuar, CRISTO, CURA O NOSO CORAZÓN.
  • Porque a nosa falta de amor fai que nas nosas comunidades camiñemos levados da rutina, a desgana e o desinterese polos demais, SEÑOR, CURA O NOSO CORAZÓN.

Remuíño

Camiñar na comuñón de vida e na misión recibida no bautismo (Xn 15,9-17): Resulta difícil camiñar na comuñón. Si, porque supón ser capaces de respectar a visión/opinión dos outr@s, estar dispot@s a escoitar inda que o que nos din non nos guste, saber manter a tensión entre o respecto que nos merece a outra persoa e o non compartir moitas, ou tódalas cousas, que di. En fin, que a comuñón non é só a imaxe de poñernos na ringleira para recibir ao Deus que se quere quedar e camiñar con nós. Non, a reflexión tería que ser ao revés: porque son capaz de non confundir tolerancia con indiferencia –nin todo nos parece ben, nin todo nos da igual, pero somos capaces de escoitar e respectar a quen o está dicindo– sei amar á outra persoa sen pretender que pense coma min, diga o mesmo ca min, ou se identifique con todo o que eu fago. Si, estamos demasiado acostumados a confundir isto, e entón acabamos convertendo o evanxeo e o ser cristiáns nunha experiencia inhumana: ou sodes dos meus a morte, ou estades contra min. Porén, a vida vainos demostrando que non podemos vivir nos extremos, que é necesario descubrir que hai matices, e moitos; que entre a terra e o ceo hai moitas realidades intermedias, e polo tanto a misión é saber situarnos e situalas, para desde ese estar no concreto, realizar a misión á que nos manda Xesús. Claro que non é doado, pero, quen dixo que o fose?.

Deixándonos acompañar Del.(1ª Xn 4, 7-10): .Pero para poder ir adentrándonos neste camiño, necesitamos de que Alguén nos vaia tendendo a man –non vou só-. Esa man que, como dicimos moitas veces, sabe acariñar, acompañar, consolar... a man de Xesús. Por iso é tan importante buscar no día momentos nos que poder falar con El, momentos de oración, de diálogo sincero e amigable con quen sabemos que nos escoita. Por iso é tan importante descubrir o sentido da celebración e participar nela, non como un costume ou rutina, senón como un agradecido compartir diante de Deus o don da fe, e a solidariedade dunha comunidade que quere ser tamén amiga e compañeira de viaxe. Por iso necesitamos pensar ben as cousas antes de que veñan á boca, para evitar dicir cousas que firan ou entristezan. Por iso necesitamos deixarnos acompañar por Aquel que puxo o amor como cimento de toda a súa andaina. Por iso, por iso, por iso, só por iso, entenderemos e poderemos vivir aquilo que chamamos amor cristián.

Expresándoo no compromiso de caridade no medio das nosas comunidades (Feit 10, 25-26.34-35.44-48):.Un amor que desde a comunidade, e sen excluír a ninguén, se esforza por facer da caridade –que non é beneficencia nin paternalismo– o cerne da nosa vida. E neste momento de crise, no que tantas persoas cada día van caendo na inseguridade e tristura pola perda do traballo, a falta de medios para pagar alugueres, luz, alimento...tantas persoas que se van quedando solas e á marxe –os que poden e teñen nin agora nin nunca vivirán, falarán ou percibirán a crise-; esta caridade ten que facerse visible. É dicir, este amor ten que abandonar as paredes do templo para converterse en brazo, man, corazón e solidariedade real e concreta. Porque, non esquezamos, “na tardiña vaxa da vida, han examinarnos de amor”.

 

Oración da comunidade

Desde a confianza e fidelidade ao amor que Deus nos ofrece cada día, presentamos agora a nosa oración, e dicimos:

QUE O NOSO AMOR SEXA LIBERADOR

Pola Igrexa, para que non peche as súas portas a persoas e iniciativas que fomenten a pluralidade, a liberdade e o diálogo, deixando así actuar ao vento de renovación do Espírito, OREMOS.

QUE O NOSO AMOR SEXA LIBERADOR

Polas nosas comunidades, para que aprendamos a querernos sen buscar de impoñer o noso modo de pensar e facer as cousas ao dos demais, pois o Deus cuxa fe confesamos dinos que ao seu lado tod@s temos sitio, OREMOS.

QUE O NOSO AMOR SEXA LIBERADOR

Hoxe, no día d@ enferm@, pedimos dun xeito especial polas persoas que cargan sobre os seus ombreiros a pesada cruz da enfermidade. Por eles e polos seus familiares, OREMOS.

QUE O NOSO AMOR SEXA LIBERADOR

Tamén pedimos por tod@s @s profesionais da saúde: médicos, enfermeiros, capeláns dos hospitais, auxiliares, celadores, limpadores, administrativos... para que saiban ser para os enfermos mans amigas e corazóns quentes, cheos de tenrura e humanidade, OREMOS.

QUE O NOSO AMOR SEXA LIBERADOR

Grazas, Señor, por ensinarnos que o amor cara a todas as persoas deber ser o eixo da nosa vida. PXNS. AMÉN.

 

PARA A REFLEXIÓN

Cando o pobre nada ten e aínda reparte,

cando unha persoa pasa sede e dános auga,

cando o débil enfortece ao seu irmán,

vai Deus mesmo no noso camiñar.

Cando unha persoa sofre e atopa consolo,

cando espera e non cansa de esperar,

cando amamos aínda que a xenreira nos rodee,

vai Deus mesmo no noso camiñar.

Cando medra a ledicia inundándonos,

cando os nosos beizos din a verdade,

cando amamos aos sinxelos,

vai Deus mesmo no noso camiñar.

Cando abonda o ben e enche os fogares,

cando unha persoa onde hai guerra pon paz,

cando ao estraño lle chamamos irmán,

vai Deus mesmo no noso camiñar.

 

CANTOS

ENTRADA: Unha xuntanza de amor

ASPERSIÓN: A auga do Señor

LECTURAS: Douvos un mandado novo

OFERTORIO: No colo da miña nai

COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...