Ir al contenido principal

Domingo 27 TO

SEN IGUALDADE NON HAI LIBERDADE

PÓRTICO

A liturxia de hoxe invítanos a un exercicio de reflexión cara ao interno das nosas comunidades, das nosas familias, da nosa igrexa. Si, porque toda a celebración de hoxe está centrada no amor; entendendo por este a capacidade de darse aos demais, sabendo que nesta doazón está presente a bendición de Deus. Claro que amar non é nunca, nin no matrimonio, nin na familia, nin nas comunidades parroquiais, nin na igrexa, un intento de dominar, someter, obrigar ou impor aos demais. Ao contrario, amar é saber descubrir que quen está ao meu lado, aquel/a con quen comparto vida, familia, parroquia… ten criterio, capacidade de pensar e discernir, opinión propia… Nunha palabra, amar non é nunca nin manipular nin impoñer o que un pensa aos demais. Por iso, desde o amor do que se nos fala hoxe na Palabra a proclamar, somos invitados a non deixarnos levar –caer na tentación– de entender a unidade como a prohibición da pluralidade. E tristemente nos tempos que corren, son moit@s os que o entenden así.

Que non descoidemos entón estar sempre a espreita para non deixarnos levar desta tentación.

O PERDÓN

  • Por non entender que o amor non pode ser nunca secuestro da vontade do outr@, SEÑOR, DÁNOS A TÚA ESPERANZA.
  • Por non estar dispostos a poñernos no lugar do outro, para percorrer xuntos o camiño das ledicias e tristuras, CRISTO, DÁNOS A TÚA ESPERANZA.
  • Porque a pesares de que na teoría todas as persoas posuímos a mesma dignidade, na práctica aínda queda moito que camiñar para acadar a igualdade entre home e muller, SEÑOR, DÁNOS A TÚA ESPERANZA.

O REMUÍÑO

Vivimos tempos difíciles, nos que a coherencia é un valor á baixa, nos que o medo de confesármonos cristiáns e cristiás atenaza e mesmo paraliza as nosas accións e fai que pouco a pouco nos vaiamos illando en pequenas burbullas, nos nosos guetos, cos que pensan coma nós, nos que nos dan sempre a razón. A crispación está ben latente en todos os eidos da nosa sociedade: política, ensinanza, asociacións.. e cómo non, tamén na Igrexa. Que nos pasa?. Por que temos tantos medos, tantos complexos, tan baixa autoestima?. Por que pensamos, e mesmo nos convencemos, de que estamos perseguid@s?. Por que seguimos a crer que o que berra máis ten sempre máis razón?. Realmente é este o camiño que Xesús nos abriu?. Estamos sendo fieis ao seu mandado de "ide e pregoade", que non "ide e impoñede"?.

Hoxe, a Palabra descúbrenos un camiño alternativo: se queremos restituír o tempo da graza, é indispensable comezar por construír a reconciliación entre ambas dimensións fundamentais do humano. Non se trata, pois, de dominador-dominada, de primeiros-segundas, de actores-espectadoras, de voceiros-mudas.... Trátase máis ben de traballar a prol da igualdade, de compartir funcións, de valorar a complementariedade entre ambos xéneros. Temos un longo camiño por facer. A nós, cristiáns e cristiás, tócanos ir dando pasiños para que a igualdade sexa, dentro da nosa Igrexa, unha realidade.

Porque o fácil, o cómodo, o que resulta máis simple sempre é facer o que a un máis lle apetece, prefire ou gusta; o verdadeiramente complicado é esforzarse para conseguir pórse no lugar do outr@, atreverse a ver a realidade desde a outra beira, camiñar buscando non o "meu" senón o noso, o que vai máis alá de min e do que me produce seguridade. Nunha palabra, non resulta doado arriscar e moverse nas beiras, nas lindes, para así abrir camiños novos que leven a que nos atopemos, a que saiamos de nós mesmos e nos abramos aos mais. Que a experiencia comunitaria que hoxe queremos compartir nos vaia abrindo a este camiño comunitario, no que o meu e o teu xúntanse para rematar no noso, porque nosa é a fe, nosa é a comunidade, e noso é o Deus que nos convoca e invita a xuntarnos e compartir fe e vida.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Pidamos a forza do Señor e a unión dos membros das nosas comunidades para, na pluralidade das preocupacións de cada un, saibamos poñernos sempre nas mans de Deus. E digamos xuntos:

QUE SEXAMOS COMUNIDADES UNIDAS E TOLERANTES

  • Pola nosa Igrexa diocesana, para que seguindo o camiño que abriu o Sínodo traballe por favorecer nas parroquias e na diocese relacións de igualdade entre homes e mulleres, OREMOS.

QUE SEXAMOS COMUNIDADES UNIDAS E TOLERANTES

  • Para que as nosas comunidades sexan sempre berces de acollida, perdón e misericordia, OREMOS.

QUE SEXAMOS COMUNIDADES UNIDAS E TOLERANTES

  • Para que cada un e cada unha de nós non nos deixemos levar da tentación de impoñer o noso criterio e criticar a quen pensa distinto, OREMOS.

QUE SEXAMOS COMUNIDADES UNIDAS E TOLERANTES

Grazas, Señor, por abrirnos os ollos á fraternidade da unión que sabe respectar a to@s sen excluír a ninguén..P.X.N.S.Amén.

Reflexión

Pensei e recei.

Temín darche as chaves do meu corazón.

Seguín pensando e rezando,

seguín vivindo,

e por fin dei o paso

e entregueiche as chaves do meu corazón.

Mais toda a miña loita foi en van.

Ti non querías as chaves.

Volvíchesmas dar,

e dixéchesme:

ti es o dono,

manda e goberna.

Eu estou contigo.

(As chaves do corazón. Manolo Regal )

CANTOS

Entrada: Sementeira

Lecturas: Benaventurados

Ofertorio: Camiñando pola vida

Comuñón: Eu soñei


 


 


 


 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...