Ir al contenido principal

4 domingo pascua 2011

Servidores ou vividores?

PÓRTICO

Cando falamos de pastor e de ovellas, quizá nos veña a imaxe de sumisión, de obediencia cega, de "borreguismos"; porque se cadra e sen que nos deamos conta, ao noso mundo gustaríalle que fosemos así, que non tivésemos criterio propio. Así, os medios de comunicación crean opinión; a moda crea tendencias; os políticos deciden por nós; os pastores da nosa Igrexa falan no nome de todos os crentes....

Pero que lonxe está isto do que escoitamos na Palabra. Xesús, o Bo Pastor, chámanos polo noso nome, individualiza, coñece, respecta a nosa liberdade e as nosas decisións. El invita, non impón. Que desde esta decisión persoal non teñamos medo a responderlle afirmativamente ao que nos propón, sabedores de que é a nosa felicidade.

O PERDÓN

  • Porque en demasiadas ocasións vivimos dos demais, en lugar de vivirmos para os demais, SEÑOR, ESPERTA O NOSO OÍDO.
  • Porque moitas veces nos deixamos levar polo que outros din, sen darnos conta de que unha cousa, inda que sexa mentira, ao repetila moitas veces acabamos crendo que é verdade, CRISTO, ESPERTA O NOSO OÍDO.
  • Porque non somos capaces de recoñecer o mal que cos nosos comentarios e medias verdades lle podemos facer aos demais, SEÑOR, ESPERTA O NOSO OÍDO.

REMUÍÑO

  • Na festa do Bo Pastor,que sempre celebramos no cuarto domingo de Pascua, os textos que acabamos de proclamar queren ser unha invitación, desde este sentido de alegría e esperanza que nos trae a Pascua, a que tomemos conciencia que comunidades e pastores van sempre unidos. Que unha sen a outra esmorecería. Que serían os pastores se o seu labor non fose un servizo sincero, sinxelo e cercano no medio das comunidades?. E que sería das comunidades sen pastores que invitan a celebrar e compartir a Eucaristía, expresión de compromiso e servizo aos demais, especialmente aos máis necesitados?. Non nos diferenciariamos moito dunha gran empresa multinacional que busca resultados, ganancia e se move entre números .Pero entre nós non ha ser así, non pode ser así. Pastores e comunidades temos que ir xuntos, da man, no anuncio, celebración e compromiso. E que mellor que este tempo de Pascua para cargar pilas e continuar neste tarefa de comuñón?.
  • Porén, falar hoxe de pastores e de ovellas causa confusión e malestar, debido á ambigüidade destes termos e ao seu contido cultural actual. A ninguén nos gusta que nos identifiquen cun rabaño de ovellas, por moito que o idealicemos. Nós queremos ser libres e creativos, marcar as nosas propias metas, sinalar cales son os nosos obxectivos, cumprir as nosas normas, utilizar os nosos medios...... e así rebelámonos contra todos os que manipulan ás persoas ou tentan aproveitarse delas, tratándoas coma ovellas. Sublévanos que alguén nos diga que temos que pensar ou que temos que facer; agoníanos a masificación e o borreguismo. Porén, o texto bíblico non ten ningunha connotación negativa. Unha vez máis a palabra que vimos de proclamar danos unha boa lección: recalca, por unha parte, a liberdade das ovellas, que seguen a un e foxen do outro, segundo coñezan ou non a súa voz. Por outra banda, sinala a diferenza entre o bo pastor e o asalariado, entre o bo líder que está ao servizo da comunidade e aquel que só busca beneficio e proveito propios... Canto camiño nos queda por percorrer para poñernos ao carro!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!.
  • Por iso, fai falla que nos preguntemos que estamos dispost@s a facer polos demais, que podemos achegar nós para xerar unha nova forma de estar na política, nas asociacións, na familia, na propia Igrexa, que podemos facer para ser unha comunidade de persoas de servizo mutuo e non unha pirámide que cómpre escalar. Porque non haberá unha Igrexa democrática mentres teñamos unha actitude gregaria, mentres permitamos que os pastores anden a soldo, sen cariño polo rabaño, mentres non esteamos dispost@s a poñer algo de nós para o servizo común.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Neste domingo do Bo Pastor, unímonos para compartir como comunidade oración e vida, xunto a Cristo que nos guía e acompaña, e dicimos:

O SEÑOR É O MELLOR PASTOR, NADA NOS FALTA

  • Señor, queremos orar coa Igrexa, coa comunidade de tódolos cristiáns, para que perda o medo ó mundo e á sociedade e, sen tratar de impoñer, sexa quen de amosar a toda a humanidade o espírito de diálogo, tolerancia e amor que vén do Resucitado, OREMOS.

O SEÑOR É O MELLOR PASTOR, NADA NOS FALTA

  • Grazas, Señor, por seguir dándonos exemplos de comunidades e de pastores, responsables e animadores de grupos e parroquias que vencen a tentación do poder, e viven e camiñan no servizo aos máis pobres. Por todas estas persoas, OREMOS.

O SEÑOR É O MELLOR PASTOR, NADA NOS FALTA

  • Abramos o noso corazón para que a nosa oración sexa verdadeiramente gozosa e solidaria, tendo presente a tantas persoas ás que os problemas de traballo, as dificultades de saúde, os fracasos nas súas relacións persoais e familiares e a dor pola perda de seres queridos, lle fan difícil poder entender e sentir este tempo de Pascua como tempo de alegría e esperanza. Por todas elas, OREMOS.

O SEÑOR É O MELLOR PASTOR, NADA NOS FALTA

Grazas, Señor, por seguir apostando cada día por nós e querendo ser, a pesares da nosa moita incoherencia, o noso Pastor. P.X.N.S.

PARA A REFLEXIÓN

O Señor é o meu pastor, nada me falta.

Apacéntame en verdes praderías,

condúceme cara ás fontes do descanso,

repara as miñas forzas.

Coñece os meus proxectos e ilusións,

guíame polos camiños da xustiza,

ensíname os tesouros da vida

e asubía cancións de ledicia,

polo amor do seu nome.

Aínda que pase por vales escuros

non lle teño medo a nada nin a ninguén,

pois El vai canda min,

protexéndome de trampas e de inimigos.

A súa vara e o seu caxato danme seguridade.

Aínda que os meus traballos sexan duros e urxentes,

non me agonío nin perdo a paz,

pois a súa compaña procúralle serenidade ao meu obrar,

colmando os meus desexos e o meu ser.

Cada día, con graza anovada,

pronuncia o meu nome con tenrura

e chámame onda el.

Cada mañá únxeme con perfume;

e permíteme brindar ao anoitecer,

coa copa rebosante de paz.

Grazas ao Señor que me crea, sostén e guía

coa súa presenza cargada de vida!.

CANTOS

  • ENTRADA: Camiñando pola vida
  • GLORIA
  • LECTURAS: Xesús é Señor
  • OFERTORIO: Bendito Ti, Señor Resucitado
  • COMUÑÓN: Ti es camiño e verdade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...