Ir al contenido principal

3 Pascua 2011

Deixando pegadas no camiño, sempre chegamos á meta

Pórtico

    Coma os discípulos de Emaús, tamén nós hoxe te recoñecemos ao partir o pan. Un pan que moitas veces está duro porque a vida non sempre é doada. Pero alí estás Ti. Un pan que noutras ocasións está aínda sen facer e se converte en pequenos que non son queridos e cuxa vida non lles vale nada aos maiores que por eles deciden. Pero alí tamén estás Ti. Un pan que noutras ocasións está tan queimado pola dureza da vida, polo abandono ao ser maiores, pola tristura de estar solos, pola falta de traballo, polo fracaso de todos os proxectos, pola desilusión que nos causan persoas ás que criamos amigas, un pan… demasiado torrado. Pero alí segues estando Ti.

    Por iso nesta mañá, non sómente te recoñecemos no pan que se fai presente no medio da comunidade, senón que estamos decididos a levarte dentro de nós para que sigas a ser o alimento que nunca nos falte e sempre nos ama. Participemos xuntos deste pan.

Perdón

  • Por deixar endurecer o pan da fraternidade que cada día nos ofreces e invitas a compartir, SEÑOR, ALIMÉNTANOS CO TEU PAN.
  • Por non saber recoñecerte ao partir o pan do amor na nosa familia e na nosa parroquia, CRISTO, ALIMÉNTANOS CO TEU PAN.
  • Por non querer entender que o pan non é só alimento físico, senón tamén: perdón, misericordia, axuda, preocupación polos demais… SEÑOR, ALIMÉNTANOS CO TEU PAN.

Remuíño

  • A resurrección de Xesús é a maior e mellor de tódalas pegadas que El foi deixando tras de si. Nela invítanos a caer na conta que falar de resurrección é establecer no noso camiño unha meta, a orientación e o rumbo que queremos dar a nosa vida. Non é, polo tanto, nin algo máxico nin tampouco unha lenda ou un conto, como algúns ás veces din, senón un verdadeiro e grandioso xesto de amor que fai que a nosa vida cobre pleno e total sentido. Os camiño e as metas son fundamentais, porque van facendo que a vida se vaia desenvolvendo non ao tun tun, senón con pleno sentido. Os crentes en Xesús de Nazaré sabemos que a vida, por difícil e moitas veces, na súa aparencia chea de fracaso, paga a pena vivila e comprometerse desde ela para facerlla máis doada aos demais. Que non todo son éxitos e acertos, tamén Xesús resucita nas incomprensións, nas tristuras, nos enganos nos que podemos caer. É máis, nesas situacións de aparente fracaso e frustración, é onde a resurrección se fai real e concreta; nela ábresenos unha treboada de esperanza que somos invitad@s a acoller para camiñar tras dela.
  • E esta invitación abríusenos na noite de pascua. Se lembramos, no pregón eramos invitados a manifestar que Xesús resucitara, que o pasado non vai volver, que hai que deixalo atrás, que agora xurde o novo, e non podemos deixalo pasar por diante nosa como se fose un costume ou unha rutina. Resucitou, si!, e con El sabemos que tamén nós iremos resucitando. Pero o comezo desa resurrección xa está no aquí: o aquí que nos fai mellores persoas, o aquí que non nos deixa caer no pesimismo, o aquí que nos chama a non vivir a fe nin como costume nin como unha tradición, senón como unha experiencia viva e nova, que vai callando en nós, e nos ofrece un forno cheo de pan quente convertido en actitudes que buscan xustiza, que non calan diante da maldade, que non se volven indiferentes diante dos demais, que non volven a cara diante dos poderosos que oprimen, mandan e manipulan. Si, a resurrección xa comezou para cada un/a de nós, subamos ao carro e fagamos da nosa vida algo distinto.
  • E que mellor signo que a reunión da comunidade no domingo para expresalo e vivilo. Coma os de Emaús, tamén nós hoxe somos invitados a recoñecelo neste pan que imos partir e compartir. Un pan que quere ser forza e alimento contra toda desesperanza, individualismo e calquera outra actitude derrotista. Nisto consiste afirmar que cremos que a morte non é o final do camiño. Ela, inda que aparentemente o poida parecer, non manda; é a vida á que se nos abre e á que se nos invita. Acollámola e rebelémonos diante da indiferenza e a rutina!. Porque Cristo resucitou, convencédevos: os malos non van gañar!.

Oración da comunidade

    Unimos agora palabra e corazón para compartir a oración, que como comunidade que celebra e confesa a fe, busca a forza solidaria da confianza en Deus.E dicimos xunt@s:

QUE TE RECOÑEZAMOS NO PAN PARTIDO E COMPARTIDO

  • Porque nos invitas a vivir o camiño da vida non individualmente, senón en comunidade, que nos esforcemos por descubrir que non somos mera estatística silenciosa dentro da Igrexa. Porque ti es alimento, nós estamos chamados a ser sempre a túa voz, Oremos.

QUE TE RECOÑEZAMOS NO PAN PARTIDO E COMPARTIDO

  • Porque somos comunidades que, reunidas no teu nome, queremos camiñar alimentándonos do teu pan, que non deixemos pasar diante de nós a invitación de construír esperanza cos veciños, nos barrios, na colaboración parroquial… e canta iniciativa que beneficie a tod@s, Oremos.

QUE TE RECOÑEZAMOS NO PAN PARTIDO E COMPARTIDO

  • Porque pascua é sempre vida e resurrección. Que cada un de nós deixemos entrar no corazón o pan compartido que alimente a nosa vida nas ledicias e nas dificultades. E que a nosa fe non se afaste nunca da riqueza do Evanxeo, Oremos.

QUE TE RECOÑEZAMOS NO PAN PARTIDO E COMPARTIDO.

Grazas, Señor, por invitarnos a compartir o pan da Eucaristía, pan de fraternidade e xustiza.P.X.N.Señor.Amén.

Reflexión

Non cambiedes.

O desexo de cambiar é inimigo do amor.

Non vos cambiedes a vós mesos: amádevos a vós mesmos tal como sodes.

Non fagades cambiar aos demais: amade a tod@s tal e como son.

Non intentedes cambiar o mundo: o mundo está nas mans de Deus, e El sábeo.

E se o facedes así… todo cambiará marabillosamente ao seu tempo e á súa maneira.

Deixádevos levar pola corrente da vida… lixeiros de equipaxe. (A. de Mello)

Cantos

  • ENTRADA: Temos una festa
  • GLORIA
  • LECTURAS: Camiñarei na presenza do Señor
  • OFERTORIO: Cantádelle ao Señor
  • COMUÑÓN: Pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...