Ir al contenido principal

AS COUSAS IMPORTANTES FANSE CON CORAZÓN

(CAMPAÑA CÁRITAS CORPUS 2011)

PÓRTICO

Din que hai crise económica e crise de valores. O certo é que hai crise económica porque hai crise de valores, xa que:

  • se prevalecese a xustiza, ninguén tería fame
  • se prevalecese a fraternidade, ninguén se sentiría so
  • se prevalecese a solidariedade, ninguén quedaría fóra da mesa da creación
  • se prevalecese a persoa sobre a economía, ninguén estaría no paro
  • se prevalecese o amor, ninguén tería frío
  • se prevalecese a fe, ninguén viviría desesperanzado

Hoxe, na festa da gratuidade total, na festa do Corpo e do Sangue do Señor, a campaña de Cáritas chámanos a non esquecer que os xestos verdadeiramente importantes saen do corazón: a entrega, o cariño, o compromiso. De certo que "as cousas importantes fanse co corazón". Que sempre o teñamos presente.

O PERDÓN

  • Acompañámoste en procesión triunfal polas nosas rúas e prazas, pero seguimos marxinando aos pobres, os teus preferidos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á GRATUIDADE.
  • Sentamos piadosamente á túa mesa; pero non nos sentimos verdadeiramente irmáns e irmás, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á GRATUIDADE.
  • Alimentámonos co pan da vida; pero non nos enchemos da túa vida, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á GRATUIDADE.

REMUÍÑO

CHAMAD@S A CONSTRUÍR UNHA NOVA SOCIEDADE: Escoitamos ou mesmo dicimos moitas veces que esta sociedade perdeu o espírito e só queda o desencanto (isto non ten solución, non hai nada que facer), a vivencia do efémero (desfruta hoxe, porque ao mellor mañá non pagan ou estás enferm@), o relativismo xeralizado (depende, todo depende) e o consumismo insolidario (se non tes roupa de firma, luxosas vacacións e aparellos de última xeración es un ninguén). A forza de escoitar sempre o mesmo, pode ocorrer que nolo creamos, deixándonos invadir polo pesimismo. Porén, movementos coma o do 15M lémbrannos que si, que hai moita xente indignada co "sistema" (un sistema que creamos nós, por certo), e que hai que reconverter toda esa carraxe en enerxía positiva capaz de mover o mundo para reconducilo ao seu posto: o fogar onde todas as persoas teñan acubillo, no que os dereitos humanos, e non a economía, sexan o carné de identidade.

Desde a nosa óptica cristiá, non podemos ser pesimistas: Deus ama a esta sociedade, o Espírito segue alentando e hai moitas persoas que, por si mesmas, polo que fan, son para nós esperanza de que outro mundo é posible.

Porén, este mundo novo non baixará do ceo dun xeito apocalíptico. Tampouco hai que esperar unha revolución universal que lle dea volta ás estruturas de pecado. Somos nós, co noso compromiso concreto e coas nosas pequenas accións, os que temos que facer o cambio. Non nos podemos contentar con mirar, laiarnos ou criticar. Movámonos, sexamos sal e luz, lévedo e semente.

A festa de hoxe, o Corpus, quere ser para cada un e cada unha de nós forza e motor que nos axude neste proceso de cambio. É a festa da cercanía de Deus, dese Deus que nos di que para El somos importantes, que conta con nós, que confía en nós, porque:

  • o pan da Eucaristía ten todos os sabores e todos os valores
  • é pan de fortaleza, para chegar máis alto
  • é pan de xenerosidade, para que dividido e multiplicado, ninguén pase fame
  • é pan de fraternidade, para que tod@s nos sintamos irmáns e irmás
  • é pan de unidade
  • é pan de amor, para que nos fagamos pan e nos deixemos comer

DESDE A GRATUIDADE: E porque a Eucaristía é festa, forza, urxencia e compromiso, xa non podemos virar a cara para outro lado ou agochar a cabeza para evitar ver a realidade. Por iso non podemos esquecer que hoxe é o día no que Cáritas quere por diante de nós o rostro, tantos rostros de Cristo que van quedando á beira da nosa sociedade, e piden que nós sexamos para eles agarimo dese Deus que, a través nosa, sae ao seu encontro.

E todo isto facémolo desde a gratuidade, desde o corazón. Certamente, as persoas somos quen de dar gratis, e a pouco que nos fixemos, decatarémonos de que as cousas máis valiosas facémolas gratis: querer aos fillos e amigos, coidar a un familiar que se vai deteriorando e xa non nos recoñece, compartir a nosa vida.... Si. Somos capaces de dar gratis, é máis, sentímonos reconfortad@s cando o facemos. Pois hoxe é un bo día para que non esquezamos que nunca podemos comercializar a vida, o agarimo, a axudar, porque "as cousas importantes fanse con corazón", gratis e sen esperar nada a cambio.

Poñamos en marcha esta revolución de amor na gratuidade.

ORACION DA COMUNIDADE

A Ti, Deus da paz e da xustiza, do amor e da vida, dicímosche confiad@s:

DANOS O PAN DA SOLIDARIEDADE NA GRATUIDADE

  • Por todas as persoas que teñen calquera tipo de responsabilidade, para que leven a cabo a súa tarefa con espírito de xustiza e solidariedade, OREMOS.

DANOS O PAN DA SOLIDARIEDADE NA GRATUIDADE

  • Pola Igrexa, para que, desde a gratuidade, saiba descubrir, alentar e acompañar a tantas persoas crucificadas hoxe en día: parad@s, maiores, inmigrantes, enferm@s, desesperanzad@s..., OREMOS.

DANOS O PAN DA SOLIDARIEDADE NA GRATUIDADE

  • Polas nosas comunidades, para que sexan niño de acollida no que ninguén se sinta patiño feo, OREMOS.

DANOS O PAN DA SOLIDARIEDADE NA GRATUIDADE

  • No ano adicado ao voluntariado, pedimos por tantas e tantas persoas que, desde Cáritas ou calquera outra ONG, viven a súa vida no servizo aos últimos. Para que non cansen na súa tarefa e sempre atopen a nosa man aberta para axudarlles, OREMOS.

DANOS O PAN DA SOLIDARIEDADE NA GRATUIDADE

  • Tamén pedimos para que nas nosas parroquias se vaia asentando e medrando o grupo de Cáritas interparroquial e non teñamos medo a formarnos para poder desenvolver mellor o noso traballo de voluntarios e voluntarias, OREMOS.

DANOS O PAN DA SOLIDARIEDADE NA GRATUIDADE

  • Por cada un e cada unha de nós, que compartimos unha mesma fe e un mesmo alimento, para que sempre lle poñamos corazón quente a todo aquilo que facemos, OREMOS.

DANOS O PAN DA SOLIDARIEDADE NA GRATUIDADE

Grazas, Señor, por querer ser alimento na nosa vida. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Grazas, Señor, polas cousas miúdas de cada día,

nas que poñemos o noso corazón.

Grazas por quen nos abre a porta e nos di unha palabra

e nos fai rir un pouco, aínda que non nos dea nada.

Grazas por quen nos colle no coche ou nos paga un café

e conversa con nós, facendo que nos sintamos ben.

Grazas polas raioliñas de sol que no outono tanto nos apetecen

e tamén pola chuvia miúda que enverdece os nosos campos.

Grazas polas cores do campo, das follas

grazas polas árbores e o gando.

Grazas por quen nos fai a diario a comida e lava a roupa

para vivirmos limpos e ben mantidos, e con ganas de troula

Grazas por quen nos atura cada día e por quen nos perdoa

e segue sen canseira ao noso lado.

Grazas por termos veciños, bos de todo ou algo regulares,

que nos fan irmáns e pobo, que nos fan comunidade.

Grazas polo humilde Panciño santo das nosas celebracións,

que sabe a gloria tamén, e que nos trae as túas caricias.


 

M. Regal "Xesús, un home de aldea"

CANTOS

  • ENTRADA: Vinde axiña
  • LECTURAS: Xesús é Señor
  • OFERTORIO: Ti es o pan do ceo
  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...