Ir al contenido principal

Pentecostes 2011

UN ESPÍRITO QUE NON UNIFORMA, SENÓN QUE POSIBILITA O ENTENDEMENTO NUNHA SANA PLURALIDADE

PÓRTICO

A celebración de hoxe, domingo de Pentecostes, quere ser para cada un e cada unha de nós unha chamada de atención sobre o feito de que tod@s estamos chamad@s a entendérmonos, porque o Espírito que se nos deu fai posible a comunicación nunha única linguaxe: a do amor e o servizo, a linguaxe da entrega en favor da construción dun mundo novo no que a dignidade das persoas sexa sempre respectada, a linguaxe do compromiso a prol dos máis desfavorecidos e esquecidos.... Certamente, esta linguaxe ten distintos acentos segundo os falantes, recalcando uns sons máis ca outros, pero no fondo tomos remamos na mesma barca da Igrexa e como cantamos moitas veces: "por riba das nosas distancias hai unha fe que nos une". Que sempre respectemos o acento d@s compañeir@s de navegación e lle deamos grazas a Deus, unha vez máis, pola pluralidade de opcións, de decisións, de camiños, de xeitos de comprometerse... que, lonxe de uniformar, son manifestación do Espírito.

O PERDÓN

  • Porque deixamos que a forza do Espírito pase por onda nós sen pararnos a escoitala e prestarlle atención, SEÑOR, QUE O TEU VENTO NOS RENOVE.
  • Porque abusamos das palabras, pero non acabamos de acoller a Palabra, CRISTO, QUE O TEU VENTO NOS RENOVE.
  • Porque a diferenza dos discípulos non saímos a anunciar coa nosa vida o que cremos, senón que nos quedamos con medo dentro das nosas propias teimas, SEÑOR, QUE O TEU VENTO NOS RENOVE.

Remuíño

  • Os textos do libro dos Feitos que vimos lendo desde que comezou da pascua, vannos mostrando como aqueles seguidores de Xesús van deixando atrás actitudes que os levaran a pecharse na casa, a caer na tentación de constituír un grupo burbulla e desligado do que ocorre máis alá de si mesmos. A través da lectura do libro dos Feitos imos descubrindo como aquel grupo vai crecendo día a día e asentándose en actitudes que supuñan cambio, renovación, seguridade en si mesmos, alegría, fe nas súas propias capacidades e posibilidades… nunha palabra: actitudes novas que saen do seu ir madurando e crecendo tanto persoal como comunitariamente. E ao longo de todo este traxecto nunca se sentiron solos; vannos narrando como sentiron ao seu carón a presenza, e polo tanto a forza, do Espírito. Isto levounos a ser unha comunidade viva, verdadeiro testemuño de canto aprenderan e lles mostrara Xesús. Convertéranse nunha comunidade que era testemuño cheo de gozo polo cambio operado nela, por ser capaz de pasar do medo, a vergoña, a tristura, o desánimo, a rutina ata converterse nunha comunidade na que o respecto de uns para cos outros, a pluralidade, a capacidade de acollida, a solidariedade e o amor eran valores e actitudes nas que crecían e maduraban. E non estaban solos: Aquel que Xesús, tantas veces!, lles prometera era sinxelo e enriquecedor compañeiro de viaxe: o Espírito!. O seu falar non era entón un simple pronunciar palabras, máis ou menos impactantes, senón a consecuencia de tomar en serio as palabras de Xesús: non vos deixarei solos. Unhas palabras que seguen a ser para nós voz á que lle prestar atención.
  • Unha resonancia que nos chega co nome de corpo. Si, a presenza do Espírito fainos tomar conciencia de que somos un corpo: a Igrexa. Unha Igrexa na que sendo moit@s. non por iso temos que ser todos iguais e uniformes, como se houbera un único patrón polo que cortarnos a tod@s. A presenza do Espírito entre nós, a festa de hoxe así nolo pon de manifesto, fainos ricos en pluralidade e experiencias, afastándonos de calquera tentación de controlar conciencias e mimificar comportamentos. Somos unha Igrexa plural na que o Espírito sopra para que esa pluralidade nos enriqueza a tod@s e nos leve a sentírmonos orgullosos de compartir unha mesma fe con xeitos de vivila e expresala distintos; sabendo aceptar, sen impoñer, e mostrar a diferenza sen uniformizar nin perseguir a quen reza, ama ou agradece de modo distinto a nós ou ao noso. E do mesmo xeito que no corpo son moitas as partes, e cada unha é distinta, pero sen que supoña desviarse do que é horizonte común: conformar a persoa. Deste mesmo xeito, tamén nós somos moitos na Igrexa e conformamos unha tarefa común: vivir o Evanxeo e propoñelo coa nosa vida para que outros poidan descubrilo e acollelo. Esta riqueza é o mellor dos legados que Xesús nos podía ter deixado!
  • E nesta tarefa común nunca deberiamos esquecer que o que nos envía é Xesús, non ningunha autoridade civil ou relixiosa. Só El pode enviarnos a anunciar a Boa Nova que fai que nos indignemos cando esta é secuestrada por quen se arroga autoridade, que non só non produce esperanza, senón que nos leva a caer na submisión e o infantilismo. Porque nos envía, sentímonos acompañados para afrontar, con madurez, e sen dependencias, a tarefa de ser testemuñas no medio do mundo dun proxecto que ten aos empobrecidos como referencia, aos que están solos como corazón e aos explotados como voz. Deixemos que a forza do Espírito se mostre por medio do noso compromiso a favor de causas que promovan máis liberdade e mundo máis xusto!

Oración da comunidade

Para que a forza do Espírito renove, como ocorreu en Pentecostes, á Igrexa, deixémonos levar do seu sopro e digamos:

QUE O AIRE DO ESPÍRITO SEXA SEMPRE RENOVADOR

  • Pola Igrexa, que como ben nos lembra Paulo, formamos tod@s @s bautizad@s, para que non deixemos que ninguén tome decisións por nós, senón que, axudad@s polo Espírito, sexamos autónomos, coherentes e adultos, OREMOS.

QUE O AIRE DO ESPÍRITO SEXA SEMPRE RENOVADOR

  • Para que as nosas comunidades, coas que celebramos a fe e nos sentimos agarimados e queridos nos momentos de ledicia e nas situacións de dor, saiban abrirse á forza do Espírito que segue a invitarnos a non ter medo de anunciar a Xesús de Nazaré cos nosos feitos, Oremos.

QUE O AIRE DO ESPÍRITO SEXA SEMPRE RENOVADOR

  • Por cada un e cada unha de nós, para que a nosa linguaxe sexa a da palabra, a do testemuño, a da coherencia, a da comprensión e o achegamento, a do respecto... que nos permiten comprender e ser comprendidos por todas as persoas, OREMOS.

QUE O AIRE DO ESPÍRITO SEXA SEMPRE RENOVADOR

Grazas Señor pola presenza, sempre ilusionante do Espírito no noso quefacer persoal e comunitario. P.X.N.S.Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Cando o vivir diario se vive con perseveranza ata o final, cunha forza cuxa orixe non podemos abranguer nin dominar.

Cando corremos o risco de rezar no medio das tebras silenciosas sabendo que sempre somos escoitad@s.

Cando aceptamos e levamos libremente unha responsabilidade sen ter claras perspectivas de éxito e utilidade.

Cando experimentamos a desesperación e misteriosamente sentímonos consolados.

Cando se dá unha esperanza total que abrangue suave e silenciosamente todos os crecementos e caidas....

Daquela o Espírito de Deus está traballando. Alí está Deus. Alí é Pentecostes.

CANTOS

  • ENTRADA: Camiñando pola vida
  • GLORIA:
  • LECTURAS: Manda o teu Espírito
  • OFERTORIO: Eu soñei
  • COMUÑÓN: Non vou so

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...