Ir al contenido principal

16 domingo TO A

Que coa a sega saibamos encher de bo trigo os nosos canastros

Pórtico

    Todos lembramos que ata non hai moito os canastros dos nosos eidos enchíanse de millo, patacas ou calquera outro froito. O canastro tiña entón unha función de axudar a secar este froito recollido e gardalo para ilo utilizando ao longo do inverno. Hoxe, cando moitos dos nosos campos están a ermo, os canastros acaban sendo patrimonio a conservar, si, pero baleiros. Xa non teñen trigo, patacas ou cebolas que secar. Están para contemplar, pero xa non cumpren coa súa misión. Algo parecido pódenos pasar tamén a nós: a forza de deixarnos ir, de acostumarnos ao cómodo e fácil, acabemos facendo da vida algo baleiro e sen sentido. Simple costume e rutina á hora de facer as cousas, tomar decisións ou defender valores e principios que noutro tempo nos serviron e axudaron a crecer. Que nos esforcemos por non deixar a ermo a construción da nosa vida, para que as malas herbas non acaben facendo estragos con ela.

Perdón

  • Porque moitas veces esquecemos que tratamos con persoas e non con monicreques que podemos manipular ao noso antollo, SEÑOR, QUE SEXAMOS MÁIS HUMANOS.
  • Por non poñer o esforzo necesario á hora de separar o xoio do trigo nas nosas vidas, o que nos leva a deixar medrar a herba mala do egoísmo, a prepotencia e a soberbia, CRISTO, QUE SEXAMOS MÁIS HUMANOS.
  • Porque moitas veces xulgamos aos demais pola súa forma de ser, de pensar ou de actuar, sendo desconfiados e créndonos na verdade absoluta, SEÑOR, QUE SEXAMOS MÁIS HUMANOS.

Remuíño

  • Non ser capaz de acadar a perfección, non acertar en moitas das decisións que tomamos, coller camiños equivocados na vida… son algunhas das maneiras de poñer de manifesto que os seres humanos estamos cheos de limitacións. Sabelo e aceptalo é signo de madurez e responsabilidade; non telo en conta e pensar que un o pode todo e nada hai que impida levar a cabo o que un pensa ou se lle ocorre, non é máis que un xeito de expresar que nos falta fondura humana e capacidade de empatía para cos demais. Porque quen non é consciente da propia limitación, dificilmente vai ser capaz de ver, e moito menos de entender, e non digamos nada de axudar, a quen se ve incapaz de realizar calquera tarefa. Sabernos pequenos e necesitados dos demais, afasta de nós a tentación da autosuficiencia, e polo tanto da soberbia, á vez que nos pon no camiño que nos mostra Xesús de Nazaré. E iso irá dándonos azos para afondar na nosa madurez moral e persoal, humana podemos dicir. Tamén nos capacita para aprender a buscar medios, axudas e colaboracións máis alá de nós que nos axuden a superar as deficiencias que temos. Nunha palabra: fainos sentir humanos, afastando de nós a tentación prometeica de querer ser pequenos deuses. De aí que o libro da Sabedoría nos invite a profundar nesta idea: só quen sabe que necesita arrepentirse é capaz de abranguer os retos que se propoña. Que lección máis maxistral, e que pouco caso lle prestamos!
  • Para non sentírmonos solos neste esforzo por deixar atrás a tentación da soberbia e da autosuficencia, Paulo lémbralles aos romanos, e tamén vale para nós hoxe, que nunca estaremos ao pairo. Deus, que é Pai cheo de agarimo e preocupación polos seus fill@s, fainos o mellor dos legados–doazóns: O Espírito Santo, que do mesmo xeito que unha nai, sabe estar, agarimar, alentar, acompañar os moitos camiños que ao longo da vida imos percorrendo. Unha vez máis, e non deberamos cansar de repetilo e asumilo, non estamos solos. O Deus cuxa fe profesamos non nos deixa nin nos cambia por outr@s, senón que nos acolle e nos invita a agocharnos ao seu carón. Que mellor guía que o Espírito para superar desalentos e tentacións de abandono! .
  • E cando nos sabemos acompañados e temos afastado de nós a tentación do derrotismo, podemos distinguir o xoio do trigo. Aínda que moitas veces aparecen xuntos, non son o mesmo. Cómpre separalos para que non fagan mal. Deus quérenos coma trigo, para iso fixo a súa semente, e ao longo da vida vainos dando moitas oportunidades. Unha e outra vez, sen cansar. Pero nós moitas veces somos testáns e non queremos recoñecer as nosas limitacións, o que leva a que deixemos que a mala herba creza e cando esta ten moita altura, xa non é posible separala do trigo, senón que se confunde. Que temos feito coa nosa vida?. Que camiños temos collido?. Por que dedicamos tempo, moito, a cousas que sabemos que non son de proveito, namentres que a afondar nas consecuencias do seguimento de Xesús, porque nos esixen e requiren tempo, facendo que cuestionemos moitas das nosas maneiras de actuar, rexeitámolo e dicimos que nos cansan e aburren?. Por que non somos capaces de descubrir que a fe necesariamente conleva e esixe unha dimensión social e entón non pode quedarse en prácticas de piedade ou celebracións dentro das paredes do templo?. A fidelidade ao Evanxeo podemos atopala no traballo por conseguir unhas relacións laborais máis xustas para cos traballadores, na reivindicación para que cambien leis que son inxustas e só benefician a uns poucos, na loita cotiá por facer que o noso mundo rural non morra e sexa abandonado por todos, no esforzo por ser a voz de tantos maiores aos que se lles trata como mercancía cando hai que pedirlle o voto, pero aos que se lles esquece cando non se lles ofrecen posibilidades de dar sentido creativo e liberador ao seu tempo… Tantas e tantas son as razóns polas que desde o Evanxeo estamos chamados non deixar que a herba mala acabe afogando o trigo, que non podemos deixar pasar máis tempo. Actuemos xa !
  • Claro que temos razóns para indignarnos e comprometernos en cambiar cando vemos que se nos está a enganar!. Xesús non foi clasista, por que o imos a ser nós?. Acaso nós, os cristiáns, non temos tamén razóns para indignarnos e protestar ao ver como nos enganan, como os de sempre son os que mandan e toman decisións, namentres os pobres e explotados van sendo silenciados e esquecidos. É desde aquí desde onde hoxe o Evanxeo nos invita a reflexionar sobre o noso mundo, unha reflexión que non se queda na indignación, senón que esixe e chama ao compromiso, e este non pode chegar senón pola acción.

Oración da Comunidade

    Porque queremos ser herba boa e camiñar construíndo comunidades xustas e solidarias, compartimos xuntos a nosa oración e dicimos:

SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS

  • Para que na Igrexa nunca deamos amparo ás herbas malas que enrarecen a vida da comunidade e a fidelidade á mensaxe de Xesús, Oremos.

SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS

  • Para que non deixemos que no medio das nosas comunidades creza a herba mala da desunión, a envexa, a soberbia e o desprezo, Oremos.

SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS

  • Para que na nosa vida persoal non deamos entrada a canto mata a frescura dunha fe que nos chama a construírnos desde a paz, a xustiza, o respecto de uns polos outros e a igualdade, Oremos.

SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE CREZA EN NÓS

Axúdanos, Señor, a afastar de nós e das nosas comunidades as herbas malas que contaminan a nosa fe e confunden as actitudes que nos propós como tarefa para facer das nosas casas, parroquias e países ámbitos de sinceridade e amor fraterno. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Ti es, Xesús, a primeira semente do reino de Deus.

Ti es a primeira árbore, o primeiro lévedo.

O reino de Deus vén contigo.

Se che damos fe,

nós tamén seremos reino de Deus.

E medraremos.

E teremos sitio para todas as persoas que veñan.

E fermentaremos.

E faremos fermentar a todas as persoas que atopemos.

Medrará na escuridade a túa semente dentro de nós,

con toda seguridade.

E medrará nos nosos compañeiros.

E sementaremos, tod@s xunt@s,

contigo,

unha semente,

unha semente co teu nome no campo do mundo.

E será a terra,

por nós,

un pouco máis que antes, Reino de Deus.

CANTOS

  • ENTRADA: Que ledos hoxe estamos
  • LECTURAS: Loade, amigos do Señor
  • OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
  • COMUÑÓN: Acharte presente na vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...