Ir al contenido principal

Domingo 17 TO A

ATOPAR O TESOURO DA FE.....

ISO NON TEN PREZO!!!!!!!!

PÓRTICO

Probablemente unha das maiores desgrazas do noso tempo sexa que a escala de valores que rexe na nosa sociedade e á que se agarran moitas persoas, non serve para facernos felices nin para realizarnos, senón que nos domina e nos manipula, quitándonos a paz. Cal é senón, a orixe da profunda crise económica que estamos a vivir?, por que a xente nova busca o éxito rápido e fácil, desterrando do seu vocabulario palabras como esforzo, renuncia e compromiso?, cal é o porqué de tanta violencia e tanta corrupción?. Si, podemos dicir sen medo a equivocarnos que os tesouros nos que poñemos o noso corazón non liberan, senón que escravizan máis e máis.

Hoxe, de novo, a Palabra que proclamaremos pon diante de nós a realidade de que non todo dá o mesmo; pois a fe dinos que hai valores e VALORES, tesouros e TESOUROS. Oxalá sempre saibamos ver no Señor, que nos convoca nesta mañá de domingo, o TESOURO e así adiquemos a nosa vida á súa causa, sabedores de que nos dará a verdadeira felicidade.


O PERDÓN

  • Por non ter descuberto e valorado a fe coma un tesouro, senón coma unha obriga, unha rutina ou un mero cumprimento, SEÑOR, ENDEREITA O NOSO RUMBO.

  • Por non saber agradecer tantos tesouros de amor e agarimo que Ti pos ao noso lado: familia, amigos, saúde, educación, liberdade para elixir e decidir...CRISTO, ENDEREITA O NOSO RUMBO.

  • Por non estarmos dispostos a escavar nos campos da indiferenza, da preguiza ou do egoísmo para desenterrar o tesouro da fe que alenta a nosa vida, SEÑOR, ENDEREITA O NOSO RUMBO.


REMUÍÑO

  • O rei Salomón pídelle ao Señor un corazón quente, capaz de discernir o mal do ben, capaz de sentir tenrura, capaz de escoitar, de pararse, de confiar e de traballar a prol do seu pobo.... E iso mesmo que Salomón pide para si é o que se nos pide a cada un e cada unha de nós, que nos chamamos cristiáns e cristiás. Si, porque fronte ao que moitas persoas, mesmo dentro da nosa Igrexa, poidan pensar, aí está o cerne da mensaxe cristiá, aquilo do que seremos examinados ao final da nosa vida: canto amaches?. E claro que iso vai supoñernos esforzo, renuncia, sacrificio e mesmo adestramento para poder conseguir uns bos resultados no seguimento de Xesús. Moitas veces meteremos a pata, caeremos e mesmo trabucaremos o camiño; pero se sabemos poñer nel as nosas esperanzas, ilusións e felicidade, ao final triunfaremos nesta maratón da vida.

  • Pois, de certo, ter fe é un tesouro, aínda que nós moitas veces non o valoramos e o consideramos como tal. Lonxe de Salomón, para nós son tesouros as cousas materiais, e non damos creto a pensar que pode ser considerado como tal algo que non dá cartos. Somos tan necios que confundimos valor e prezo, sen decatarnos de que o que realmente nos fai felices, o que nos fai mellores persoas é querer e ser queridos e de que as cousas máis importantes da vida, os TESOUROS, non teñen prezo nin se poden mercar con cartos: familia, amigos, saúde, amor, liberdade.... As riquezas, o poder, o boato... son só bixutería barata fronte á perla valiosa da fe.

  • Porque a fe dinos que Deus puxo no noso corazón aquilo que lle pedía Salomón: o seu proxecto de amor e salvación. Nas nosas mans está facer medrar ese proxecto que nos dará a felicidade ou deixalo afogar. Estamos chamados a escavar para que a terra estea aireada e preparada, para que a semente poida dar froito. E ás veces, é duro. É duro cando non hai descubrimento nin sorpresa, entón a fe custa. Sobre todo cando esixe renuncias, e esíxeas moitas veces. É duro cando non achamos o tesouro, senón que nos impuxeron un deber. É duro cando non é un VALOR, senón un costume. É duro cando non é unha liberación, senón unha canga. É duro cando non é vida, senón mera rutina. É duro cando non é de convicións, senón só cumprimento.

  • Pero... cando descubrimos en Xesús o mellor tesouro, toda a nosa vida, os nosos esforzos, as nosas renuncias atopan sentido Nel e desde El.... e desexaremos contaxiarlle aos demais co noso descubrimento. A que esperamos para poñernos a escavar?.


ORACIÓN DA COMUNIDADE

Agradecid@s por ter posto no noso corazón o tesouro da fe, compartimos agora a nosa oración comunitaria e dicímosche xunt@s:

GRAZAS POLO MELLOR TESOURO

  • Señor,dámosche grazas pola Igrexa, que formamos tod@s nós. Para que sempre saiba ter un corazón quente, capaz de compadecerse das tristuras e de comprender as inquedanzas dos homes e mulleres do noso tempo, OREMOS.

GRAZAS POLO MELLOR TESOURO

  • Señor, dámosche grazas polas nosas comunidades. Para que sempre vivamos unha fe coherente e comprometida que nos leve a escoitar a quen se sente mal, a acompañar a quen está so, a ilusionar a quen non ten esperanza, a aledar a quen está triste, OREMOS.

GRAZAS POLO MELLOR TESOURO

  • Señor, dámosche grazas pola vida que regalan os teus dedos. Para que, coa rede da fe, saibamos enchela de proxectos e propostas ilusionantes, xustas e solidarias, OREMOS.

GRAZAS POLO MELLOR TESOURO

Grazas, Señor, porque te nos mostras como o verdadeiro e o mellor tesouro, e por facelo sempre desde a sinxeleza e a cercanía. P.X.N.S. Amén.


PARA A REFLEXIÓN

Ditosa a persoa que tropeza contigo.

Ditosa aquela que te atopa e te descubre,

en calquera camiño,

en calquera encrucillada,

nos lugares máis insospeitados.

Ditosa a persoa que non se acomoda

e todos os días, a calquera hora,

é quen de verte e recoñecerte,

sentindo o mesmo sobresalto da primeira vez.

Porque...

a maior gañanza es Ti,

a perla máis preciosa es Ti,

o tesouro máis desexado es Ti.

Todo o que buscamos, lévalo Ti:

verdade, xustiza, amor, paz,

alegría, fraternidade, festa,

solidariedade, vida nova,

nova sociedade, nova humanidade.

Todo ten o teu rostro,

a túa voz,

o teu nome.


CANTOS

  • ENTRADA: Temos unha festa

  • LECTURAS: Benaventurados

  • OFERTORIO: No colo da miña nai

  • COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...