Ir al contenido principal

21 domingo TO A

UNHAS CHAVES PARA ABRIR E INVITAR A ENTRAR, NUNCA PARA BOTAR FÓRA

Pórtico

Houbo un tempo, que lonxe nos parece que quedou!, no que se nos invitaba a abrir portas e ventás para que entrara aire novo e renovador na Igrexa. Hai un tempo, que preto o temos!, en que xa non se nos invita, senón que se nos impón pechar as ventás e as portas por medo a que entre un aire que sexa tan frío que nos enferme. Volvemos ao mesmo, ao que xa pensabamos que hai moitos anos quedara desterrado: o paternalismo, a submisión, o medo á autonomía… o infantilismo da fe. Non perdamos a memoria, non deixemos que outros nos sometan e digan o que temos ou non temos que facer. Deus entréganos as chaves como mostra de que confía en nós, de que nos dá liberdade, de que nos crea responsables e libres para que tomemos decisións, acertadas ou equivocadas; pero sempre propias, sen deixar que ninguén nos domine e manipule. Que as chaves que en Pedro o Señor nos dá a tod@s, non as convertamos nas chaves que algúns queren ter só para si, para botar ou deixar entrar só aos que pensan coma eles. Aquí hai sitio para tod@s, ninguén sobra e tod@s somos necesari@s. Que a celebración de hoxe nos leve a descubrir que somos maiores de idade, que temos criterio, que necesitamos dos demais, pero non para que os demais decidan por nós, senón para contrastar con eles o que logo só nós debemos decidir.

Perdón

  • Porque estamos coas portas tan pechadas a causa dos nosos medos e inseguridades, que preferimos camiñar nas rutinas, nas falsas seguridades e na escuridade, indo ás apalpadelas, SEÑOR, DÁNOS A CHAVE DA MADUREZ.
  • Polas veces en que pechamos as portas do noso corazón ao amor manifestado na cercanía, no perdón, no servizo, CRISTO, DÁNOS A CHAVE DA MADUREZ.
  • Por ter utilizado as chaves que nos deches non para abrir e acoller, senón para botar fóra, condenar e criticar a quen non nos gustaba nin pensaba coma nós, SEÑOR, DÁNOS A CHAVE DA MADUREZ.

REMUÍÑO

Quen di a xente que son eu?. Velaí a pregunta que hoxe nos lanza Xesús no evanxeo que vimos de proclamar e que pide de nós unha resposta. É verdade que non todos temos a mesma imaxe de Xesús, non só polo inesgotable da súa personalidade, senón, sobre todo, porque cadaquén elabora unha imaxe a partir dos nosos propios intereses e preocupacións, condicionada polo medio social ao que pertencemos e marcada pola formación relixiosa que temos recibido. Hoxe é un bo día para que cada un e cada unha de nós nos paremos a pensar un chisquiño na importancia que lle damos a Xesús na nosa vida, se de verdade El é a pedra sobre a que edificamos, construímos e asentamos ou se pola contra non é máis que unha mesa supletoria que só usamos cando precisamos dela.

Porque se El é a rocha, xuntos, non só Pedro, senón con Pedro (cámbiache ben o conto!), iremos edificando a nosa igrexa non sobre o alicerce do medo, a coacción, o autoritarismo e a ansia de dominio e poder, senón escoitando, servindo e facendo comunitariamente o camiño, pois somos na casa de Deus pedras vivas. Solos non iremos moi lonxe, xuntos construiremos igrexa de presente, sempre aberta e sen medo ao futuro. Construír Igrexa non é sinónimo de servilismo nin de obediencia cega (e iso non debemos esquecelo nunca), senón de participación. As pedras, os cimentos non son todos iguais, hainas máis grandes e máis pequenas, con máis ou menos arestas, máis lisas e máis rugosas....pero todas son pedras e necesarias na cimentación. Cómo nos custa entendelo!.

E se o facemos así, estaremos seguindo o camiño que nos marcou Xesús. El entregounos as chaves, a creación enteira, o seu Reino, as súas arelas. Fíxonos caseiros de esperanzas e proxectos para que nos sentiramos libres e responsables.


Entregounos as chaves para:


  • abrir portas pechadas e corazóns duros e insolidarios
  • repartir os bens da terra
  • mostrar todos os tesouros de arcas, baúis e bibliotecas
  • sacar as cousas boas
  • dar a coñecer os misterios da ciencia
  • desenlear conciencias
  • abrir o que outros pechan (igrexas, fronteiras, fábricas...)


Entregounos as chaves para:


  • entrar nos cárceres
  • quitar trabas e soltar cadeas
  • quitar medos e culpabilidades
  • non andar agochados
  • perdoar barbaridades
  • que ninguén atope as portas do seu camiño pechadas aínda que sexa noite


Entregounos as chaves para:


  • desatar leis, normas, mandatos e edictos de gobernadores, representantes e falsos deuses
  • liberar aos que senten que teñen as portas pechadas e a vida feita e planificada
  • que as persoas insensatas non perdan o tempo laiándose e poidan entrar aínda que sexa tarde
  • que sempre poidamos ensinarlle as nosas entrañas a quen chega, a tempo ou a deshora
  • abrir feridas, no corpo, na alma, nas estruturas para así poder curalas
  • para coidar e amosar a boa nova, os seus tesouros de Pai e de Nai


Entregounos as chaves; pero díxonos que miremos os rostros da xente ata setenta veces sete antes de crernos xuíces, clérigos ou xefes. Oxalá nunca o esquezamos: misericordia quero e non sacrificios.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Como comunidade que quere camiñar abrindo portas e non pechándose con medo diante dun mundo que cambia e no que é necesario facer presente o Evanxeo, dicimos:

QUE DEIXEMOS ENTRAR O AIRE NOVO DO TEU REINO NA NOSA VIDA

  • Para que os responsables da Igrexa non esquezan nunca que as chaves non son para pechar a ninguén en estruturas do pasado, senón para abrir canto axude a que entre aire novo de renovación evanxélica, Oremos.

QUE DEIXEMOS ENTRAR O AIRE NOVO DO TEU REINO NA NOSA VIDA

  • Pola Igrexa, para que entenda que o mandado do Señor de edificar e construír Reino inclúe a todas as persoas de ben e non só a uns cuantos elixidos, OREMOS.

QUE DEIXEMOS ENTRAR O AIRE NOVO DO TEU REINO NA NOSA VIDA

  • Polas nosas comunidades, para que tomen conciencia do que significa ser comunidades vivas e así, con entrega e dedicación, sexan quen de transformar relacións rotas, sandar corazóns feridos e unir esforzos cara ao ben de todas as persoas, OREMOS:

QUE DEIXEMOS ENTRAR O AIRE NOVO DO TEU REINO NA NOSA VIDA

  • Para que nós non esquezamos que a celebración do domingo non é un rito nin unha obriga, senón un gozoso momento de encontro comunitario, de gratitude e de unión para que coa participación de tod@s, aprendamos a facer da fe unha experiencia de presente e non un laio do pasado, no que Cristo é pan que alimenta e salvación que libera, Oremos.

QUE DEIXEMOS ENTRAR O AIRE NOVO DO TEU REINO NA NOSA VIDA

Que nunca teñamos medo, Señor, a vivir a fe no medio dun mundo en cambio e sempre necesitado de espazos que renoven, alenten e anuncien que Deus é o amor que abre portas para encontrarse, e non imposición que levanta muros para separar. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Xesús, mestre e señor,

canto che queremos!.

Miramos para Ti,

escoitamos as túas palabras,

pensamos nos teus feitos de vida

e a emoción invádenos.

Grazas a ti, en ti,

sentímonos pequenos e insignificantes,

pero fondamente abrazados por Deus

e fortemente empurrados

a abrazar aos máis pequenos e pequenas que nos rodean.

En Ti, Xesús,

no teu vigor e consistencia,

no teu corpo e no teu sangue entregados,

sentímonos defendidos e protexidos

contra calquera que queira pisar a nosa dignidade,

e a dignidade da xente que nos rodea.

Por Ti, Xesús,

pola túa man e pola túa palabra,

polo teu alento de vida,

sentímonos chamados a acompañarte na tarefa simple e marabillosa

de facer de calquera ser humano un irmán ou unha irmá.

Grazas, Xesús,

ti es o noso camiño cara ao misterio de Deus,

cara ao misterio de cada home ou muller.

Axúdasnos a descubrirnos no que máis autenticamente somos:

fillos e fillas de Deus,

coma Ti,

agora e para sempre.

(M. Regal "Xesús, aquel home de aldea")

CANTOS

  • ENTRADA: Pedras vivas
  • LECTURAS: Deixa entrar o sol
  • OFERTORIO: Benaventurados
  • COMUÑÓN: Acharte presente na vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...