Ir al contenido principal

23 domingo TO A 2011

A ausencia de compromiso moral converte o cumprimento da lei en mentira totalitaria

Pórtico

    Pouco a pouco as sociedades van deixando atrás o seu compromiso moral para quedarse no dominio da lei. Non nos resulta estraño escoitar que as convicións morais son algo individual, e que nunha sociedade democrática o que ha primar é o cumprimento da Lei. E de tanto escoitalo, resulta que tamén nós acabamos por crelo. O resultado está á vista, non fai falta dar moitas explicacións: non cremos no que facemos, fáltanos capacidade para a tenrura, non distinguimos a persoa da norma, buscamos facer o que manda a lei esquecendo valores e convicións. E deste xeito ímonos baleirando por dentro ata non quedar en nada; convertémonos en robots que cumpren o que lles mandan, pero non pensan nin buscan razón de por que deben facer así e non doutro xeito. Este é un dos moitos males do noso tempo e da nosa xente, quizais tamén noso. Somos incapaces de sentir algo por alguén, só nos vale na medida en que lle sacamos rendemento. A lei non permite sentimentos, non está para pensar en como un se atopa ou no que lle preocupa. Hai que cumprila e xa está. Que nos pasou para ter rematado nisto?. Pensabamos que coa técnica, a tecnoloxía ou a ciencia xa o tiñamos todo amañado?. Ilusos!. Non fixemos máis que tirar pedras por enriba do noso propio tellado!.

Porén, Xesús, segue, unha e outra vez, a dicirnos que hai outros xeitos de facer e entender as cousas. Prestemos atención a súa palabra e deixemos que vaia renovando e vitalizando a nosa vida, porque se non hai amor, para que serve a lei?. Simplemente para facernos escravos dela.

Perdón

  • Por ter esquecido que o cumprimento da lei é estéril se non vai acompañado do servizo á persoa, SEÑOR, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.
  • Por ter promovido comportamentos e actitudes legalistas e baleiros na nosa maneira de facer as cousas, CRISTO, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.
  • Por non prestar atención á situación das persoas que están ao noso lado e buscan en nós unha man quente e pacífica, SEÑOR, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.

Remuíño

  • Todas esas veces que adoptamos comportamentos contrarios ao que supón respecto e tolerancia a canto din e pensan os demais, forman parte dun xeito de facer as cousas que se afasta bastante do ideal que nos propón a Palabra de Deus. Isto é o que nos quere contar a primeira lectura de hoxe, na que o profeta Ezequiel volve insistir no que é o tronco da vida de fe: o recoñecemento da dignidade da persoa e o afastamento de toda idea que supoña sentimentos de vinganza, rancor ou violencia cara aos demais. Crer, rezar, participar en accións solidarias… só terá sentido se o facemos guiad@s por ese respecto que todas as persoas nos merecen, e desde ese respecto á convición de que descubrimos nos demais a presenza de Deus –"cada vez… a min mo fixeches", que nos di Xesús-. A fe é salvación, pero non unha salvación en abstracto ao modo dun mundo feliz e irreal que acadaremos logo da morte, senón unha salvación que nos leva a tomar en serio canto facemos para cambiar actitudes contrarias ao mandato de Xesús, pois só desde elas se pode ir percibindo o rostro de Deus entre nós. Salvámonos desde o aquí cotián, tomándoo en serio, e non evadíndonos en rezos rituais ou costumes cheas de tópicos. E que mellor salvación que non encirrar dentro de nós sentimentos de enfrontamento, provocación inútil ou desprezo cara aos demais.
  • E iso lévanos ao amor. Un amor fiel a esa verdade que, sendo unha, necesitamos ila casando, a modo de quebracabezas, peza a peza, conformando a imaxe de tod@s, sen exclusións. A verdade, si, é unha, pero chega a nós a través de formas diversas e plurais, que unha vez xuntas e encaixadas, convértense na Verdade á e na que Xesús nos invita a crecer e camiñar. E como xa sabemos, non pode haber verdade sen amor. Desde esta verdade, a lei non se percibe nunca coma unha imposición, senón coma unha axuda que evita caer no individualismo do só meu, nin na anarquía do aquí cada quen fai o que lle peta. Non, a lei convértese nesa mestra que nos vai axudando a recoller as pezas da verdade que configuran o quebracabezas da comuñón de comunidades que é –debera ser- a Igrexa. Isto, que dito así parece doado, estase hoxe a converter nunha grande dificultade por mor da moita intolerancia que vai aparecendo cada día, tanto dentro como fóra da Igrexa. E xa sabemos que con intolerancia non podemos construír evanxeo, porque oponse ao amor.
  • Un Evanxeo no que Xesús nos volve repetir que o fundamental, o importante, o eixe desta Boa Nova non pode ser outro máis que o que leve a arriscar canto somos e temos, polos irmáns. Insistir unha e outra vez. A tempo e a destempo, como lle di Paulo ao discípulo Timoteu, é dicir, con constancia e paciencia. Constancia e paciencia que nos conforman como persoas decididas a poñer a nosa referencia/preferencia non en nós unicamente -no que nos peta, no que nos gusta, no que nos apetece, no que…- senón nos demais: ou nos salvamos tod@s, e isto supón tarefa e camiño, ou non se vai salvar ninguén. E como dixemos enriba salvación non é mirar para o ceo con cara de pampos, senón esforzo continuado e constante por poñer na mochila que cada un de nós leva ao lombo desde o seu nacemento, unha manchea de boas obras e de accións que axuden a facer do mundo un espazo de tolerancia, respecto e presenza de Deus. Porque nel e só nel, está a salvación. Salvar a vida do irmán, supón tamén asumir e facer noso, en nós e para sempre, a presenza de Deus. E isto non é froito do buenismo, senón do compromiso orante e da acción liberadora polos demais.

Oración da comunidade

Poñemos por riba do altar a nosa oración comunitaria e dicimos xunt@s:

QUE O AMOR NON SE AFOGUE NO LEGALISMO

  • Para que na Igrexa teñamos sempre presente que por riba da lei están as persoas, e que estas teñen corazón e dignidade que as fai máis importantes que o simple cumprimento da lei e o dominio o máis forte, Oremos.

QUE O AMOR NON SE AFOGUE NO LEGALISMO

  • Moitas veces nas nosas parroquias volvémonos inxustos e insensibles cara aos demais, estando sempre dispost@s a xulgal@s, pero poucas veces a escoital@s. Porque queremos mudar esta actitude que nos fai persoas duras e frías de corazón, Oremos.

QUE O AMOR NON SE AFOGUE NO LEGALISMO

  • Para que cada un e cada unha de nós non esquezamos nunca que saber pedir perdón, e tamén concedelo, convértenos en persoas sensibles e abertas a facer do Evanxeo de Xesús parte da nosa vida, Oremos.

QUE O AMOR NON SE AFOGUE NO LEGALISMO

Grazas, Señor, por abrirnos a mente e o corazón a unha vivencia do Evanxeo que pasa por aprender a ver no irmán a túa presenza gozosa e esperanzada. P.X.N.S. Amén

Reflexión

"Non me chames estranxeiro"

Non me chames estranxeiro por ter nacido lonxe

ou porque teña outro nome a terra de onde veño

Non me chames estranxeiro, nin penses de onde veño,

mellor saber onde imos,a onde nos leva o tempo.

Non me chames estranxeiro.

É unha palabra triste.

É unha palabra fría, que cheira a esquecemento e desterro.

Non me chames estranxeiro.

Mira o teu neno e o meu,

como van os dous da man ata o final do sendeiro.

Non me chames estranxeiro.

Mírame ben para os ollos,

moito máis alá do odio,

do egoísmo e o medo

e verás que son persoa,

non podo ser estranxeiro.

Non me chames estranxeiro.

(Alberto Cortéz)

Cantos

  • ENTRADA: Camiñarei
  • LECTURAS: O amor é o meirande
  • OFERTORIO: Aquí están, Señor.
  • COMUÑÓN: Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...