Ir al contenido principal

27 domingo TO 2011

NON TODAS AS UVAS DA PARRA SON BOAS.

APRENDAMOS A SELECCIONAR

Pórtico

    Agora que o tempo da vendima chega ao seu remate, as lecturas deste domingo lémbrannos algo que xa tod@s nós sabemos e mesmo experimentamos moitas veces: non por haber moita cantidade dunha cousa, significa iso que a súa calidade sexa directamente proporcional á cantidade. E algo así nos está a pasar tamén na Igrexa. Levados polo impulso de ter que ser moitos, resulta que acabamos perdendo a calidade do que supón e significa querer ser seguidor de Xesús, que non bautizados, no mundo de hoxe. Durante moito tempo, tamén agora, inda que menos, estivemos preocupados pola cantidade: ser moit@s era o que marcaba a pauta de que as cousas ían ben e se facían como é debido, pero o paso do tempo foi pondo todo no seu sitio: non é tan importante ter moitos bautizos, canto que os que se bautizan aprendan a vivir desde o camiño que marca o evanxeo; tampouco é importante casar pola Igrexa, senón vivir os valores que presenta o Evanxeo no compartir a vida, comunidade de vida e amor, do home e a muller desde a igualdade, a colaboración, a responsabilidade compartida... e poñéndoo todo ao abeiro de Deus, de xeito, que xa non importa que sexamos moit@s ou enchamos as igrexas, senón que sexamos seguidores convencidos, ledos e cheos de esperanza, e claro, isto, acostumados como estamos a recibir mensaxes de triunfalismo, xa non nos gusta tanto nin estamos tan dispostos e entendelo e asumilo. Que é senón o triunfalismo da XMX?. Que queda despois ?. Coidemos a viña,. non buscando moita uva, senón a súa mellor calidade.

Perdón

  • Polo noso conservadorismo de querer seguir dependendo de fórmulas e tradicións, que non alimentan o seguimento nin invitan á sinceridade evanxélica, SEÑOR, QUE COIDEMOS AS UVAS DA TÚA VIÑA.
  • Polas veces en que non sacamos partido dos talentos que nos das e incluso somos quen de criticar a dos demais, CRISTO, QUE COIDEMOS AS UVAS DA TÚA VIÑA.
  • Por ter renunciado a comprometernos, propoñer, defender e traballar por opcións, proxectos e plans máis humanos e humanizadores, SEÑOR, QUE COIDEMOS AS UVAS DA TÚA VIÑA.

REMUÍÑO

  • Esta claro que as nosas actuacións, as nosas palabras, os nosos comportamentos... responden ás nosas convicións morais. Facemos, dicimos e actuamos segundo nos parece que é moralmente xusto. Pero... esta moral presente en todas as persoas é a mesma?, poderíamos falar de principios morais comúns a todas as persoas?, a que nos estamos a referir cando falamos de moral cristiá?. Se analizamos ben o sentir común de moitos cristiáns, decatarémonos de que cos seus feitos dan a entender que a moral cristiá é unha moral que esixe cousas moi afastadas da vida cotiá. As cousas ordinarias, as realidades diarias, as tarefas e as implicacións sociais ou persoais… quedan fóra desta moral, que, para eles, é outra cousa.
  • Así, moitos pensan que as obrigacións das leis de tráfico son unha cuestión civil; pero non moral. Outros tentan defraudar e mesmo defraudan a facenda na súa declaración da renda, porque isto, como ben sabemos, non ten que ver en absoluto coa moral cristiá. Tamén os hai que andan a cargarse o medio ambiente botando lixo, contaminando ríos e regatos, queimando sen control.... pero iso é alleo ás nosas convicións morais. A corrupción administrativa e xurídica, as recomendacións de calquera tipo, o tráfico de influenzas, as inxustizas nos procedementos administrativos e legais tan comúns no noso mundo e nos nosos días, teñen como protagonistas a cristiáns que din ter a conciencia tranquila, porque... a moral é outra cousa. As relacións laborais (cheíñas de abusos), o compromiso político, o paro, a fame no mundo, o subdesenvolvemento… son cuestións irrelevantes desde o seu punto de vista, porque… a moral cristiá refírese a outras cousas.
  • O resultado?. Un auténtico caos. Moitos cristiáns acúsanse compunxidos de faltar á Misa un domingo, mesmo de ter actuado contra do sexto mandamento; porque é a estes dous aspectos ou a dun deles aos que relegan a moral cristiá. Así, non consideran inmoral explotar aos demais, non tomar en serio o seu compromiso, non coidar o medio ambiente, non formarse máis alá do cristianismo infantil no que están situados, non dar testemuño, non compartir bens e talentos, non participar na vida da Igrexa…

    Por iso, as palabras de Paulo que vimos de escoitar, poden conmover as nosas conciencias. Xesús trouxo o anuncio dun Reino novo, que ten en conta todo o que é bo, nobre, belo, xusto, verdadeiro, amable… O día no o que teñamos en conta, ganará moito prestixio a moral cristiá.

  • Porque hoxe a Palabra que vimos de proclamar invítanos a que miremos desde os ollos da igrexa, non coma garante e única intérprete do que escoitamos, senón desde unha actitude de autocrítica. Quen son hoxe os fariseos e os hipócritas?. Pois pode ser a Igrexa, desde o seu pouco fundamento e o seu moito fundamentalismo. Cantas veces maltratamos no nome de Deus e da Igrexa a tantas persoas, tantas opinións, tantas verdades ou inspiracións do Espírito, caendo nun uniformismo, nunha cerrazón de cabeza que só busca seguridades e non aventuras, escapar da realidade e non compartila coas demais persoas. Teñamos en conta que se non somos quen de dar respostas aos grandes interrogantes de hoxe e ás persoas, poderemos ser relegados desta tarefa, xa que é Deus quen manda obreiros e non somos nós os donos e os que decidimos quen vai ou quen sae, moitas veces botado inxustamente. Que nunca caiamos na tentación de erixirnos nós en xuíces e pola contra sexamos os primeiros en traballar areo na viña do mundo.
  • Porque…non nos enganemos. Deus segue a enviar profetas, voces inconformistas que piden un cambio na humanidade e na Igrexa. Voces que nós esquivamos de moitos xeitos: difamando, acusando, excluíndo, ignorando, desprezando, burlándonos …mentres defendemos un cristianismo cómodo, egoísta, clasista e tranquilo que nos permita vivir sen sobresaltos e nos asegure a salvación.

    A que esperamos para ir traballar na viña do Señor?. Hoxe é un bo momento para comezar.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Señor, porque queremos traballar na túa viña para que dea bos froitos, dicimos xunt@s:

QUE O FROITO DA VIÑA SEXAN AS NOSAS BOAS OBRAS

  • Para que na Igrexa descubramos que os froitos da viña non están na fidelidade da ortodoxia, senón na capacidade de ofrecer o amor a quen se sente so, enfermo, empobrecido ou excluído, OREMOS.

QUE O FROITO DA VIÑA SEXAN AS NOSAS BOAS OBRAS

  • Para que nas nosas comunidades dixemos de laiarnos de que somos poucos ou de que moitos non veñen, e comecemos a mostrarlles, por medio do noso xeito de facer as cousas, a nosa alegría e o noso modo de buscar canto nos achega, e non o que nos afasta, OREMOS.

QUE O FROITO DA VIÑA SEXAN AS NOSAS BOAS OBRAS

  • Para que cada un/ha de nós espertemos do soño dunha fe morta, ritualista, lercha e ao servizo da nosa preguiza, OREMOS.

QUE O FROITO DA VIÑA SEXAN AS NOSAS BOAS OBRAS

Señor, que tomemos en serio o traballo de facer que a túa viña dea os mellores froitos por medio das nosas obras sinceras, sinxelas e xeradoras de esperanza. P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN

Señor, dámosche grazas porque contigo e a través de ti, imos comezar este día. Ensínanos a comprender que na túa viña existen moitas actividades que cada un de nós podemos facer.

Ensínanos a comprender e discernir, en cal actividade queres que nós participemos, para que desa maneira poidamos servirte e servir á humanidade, á sociedade, deixando a un lado aquelas actividades que non son do teu agrado.

    Ensínanos tamén a orar, para poder comprender e discernir onde podemos verte e atoparte?. Por iso, Señor, nesta mañá preguntámonos: Por que rezar neste recuncho escuro do templo ,de portas pechadas?.

Abre os teus ollos e mira: o teu Deus non está diante de ti: Está onde está o labrego a traballar a terra. Está ao longo da rúa onde traballa o canteiro. Está baixo o sol e baixo a choiva, está El con eles. E os seus vestidos están cubertos de po. Quita ese manto sagrado e baixa, coma el, ao terreo cheo de po. Amen .

CANTOS

  • ENTRADA:Que ledicia a miña
  • LECTURAS: Benaventurados
  • OFERTORIO: Na nosa terra
  • COMUÑÓN: Acharte presente

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...