Ir al contenido principal

EPIFANÍA 2012


NON QUEDES NA XERUSALÉN DA OPULENCIA... CAMIÑA CARA Á BELÉN DA SINXELEZA... A SÚA ESTRELA GUIARÁ O TEU CAMIÑO

PÓRTICO

A estrela que guiou aos reis parou diante daquel portal no que estaban María, Xosé e mailo neno. Parou para mostrarnos que a presenza daqueles reis se convertera en signo de universalidade da mensaxe do Deus que se fai coma un de nós. Deus non quere quedar á marxe de canto nos pasa, por iso asume a nosa humanidade dun cabo ao outro do mundo. A festa de hoxe, a Epifanía, volve lembrárnolo: alí onde haxa un ser humano está o Deus de Xesús para dicirlle: es importante, quero estar ao teu lado, non te vou deixar so, a túa dignidade faite igual aos demais, por riba de mundos e situacións económicas, nin o poder nin a imposición de ninguén cha vai quitar. Celebremos esta nova que nos lembra que a presenza de Deus faise vida en todos os recunchos da terra e nos chama aos seus seguidores a estar atentos para que ninguén vexa esmagada a súa dignidade.

O PERDÓN

  • Señor, que non esquezamos nunca que por riba de fronteiras, linguas e culturas está sempre o respecto que merecen as persoas, SEÑOR, QUE A TÚA ESTRELA NON NOS ABANDONE.
  • Cristo, que nunca perdamos a memoria do agradecemento a cantas persoas nos acolleron e axudaron cando estabamos lonxe da nosa casa, CRISTO, QUE A TÚA ESTRELA NON NOS ABANDONE.
  • Señor, por ter reducido este tempo de Nadal a un puro consumismo e derroche, baleirándoo de todo contido, SEÑOR, QUE A TÚA ESTRELA NON NOS ABANDONE.

REMUÍÑO

  • Dinos a lectura da carta aos efesios que Deus se revelou aos xentís, é dicir, que o Deus que se mostra na persoa de Xesús superou a barreira de ser só o Deus dos xudeus para converterse en Deus de tod@s, no Deus que loita contra a exclusión. E a celebración de hoxe o que busca é que nós, os que hoxe nos consideramos seguidores deste Deus, asumamos tamén este compromiso, e non nos deixemos levar do que din os que consideran que o norte, o norte rico, inda que agora non o pareza tanto, é superior aos outros mundos, sen ter en conta nin valorar que por riba de como se ten desenvolvido a historia da humanidade, hai un principio que para a fe cristiá é irrenunciable, inda que ela mesma no actuar dos seus membros teno esquecido moitas veces: tod@s posuímos a mesma dignidade, sen exclusións, polo tanto somos iguais e merecedores do mesmo respecto, falemos a lingua que falemos, teñamos a cor da pel que teñamos ou nos expresemos en formas culturais diversas. A pluralidade de formas non exclúe a unidade no fundamental: tod@ persoa merece a mesma dignidade. Por iso Paulo, que fora capaz de romper o círculo no que crecera e se formara, o círculo do xudaísmo, llelo transmite aos efesios como a gran novidade da fe na que foran bautizad@s. Deus revélase, e faino sen exclusións. Temos aquí nós unha liña de reflexión desde a que poder rezar e entender a razón da celebración de hoxe.
  • E se a estrela levou a aquelas persoas ao portal, hoxe quere guiarnos a nós a todos os portais nos que é necesario iluminar a cantos neles viven: o portal dos maiores a quen os fillos deron as costas, o portal dos enfermos que necesitan palabras de esperanza e cariño ante a dureza da enfermidade, o portal da superación de rancores, envexas e malas falas nas que temos convertido as relacións cos veciños ou familiares. Como vemos, hai moitos portais diante dos que a estrela se para hoxe para que tamén nós, como fixeron os magos, levemos os nosos presentes de cariño, dispoñibilidade, tempo compartido e esforzo por empezar de novo e non deixar que o noso corazón se endureza diante do sufrimento dos que temos a redor.
  • Pero claro, para iso non temos que quedar na Xerusalén da opulencia, da rutina, do sempre se fixo así, do relixiosamente correcto ou do culto baleiro. Non. Porque unha vez que te deixas guiar pola súa estrela, de certo que toda a túa vida colle un rumbo novo, que moitas veces non sabemos onde nos levará, pero no que atopamos a Deus como caxato no camiño. Se non nos deixamos vencer polo desalento, polo andazo ou pola rutina.... chegaremos a Belén, a esa Belén que nos ensina a vivir na sinxeleza, lembrándonos unha vez máis que a Deus non lle van os fastos, os palacios ou a publicidade. Que deixemos que a luz da estrela, que nos mostra novos portais que xorden no noso mundo de hoxe, entre no noso corazón e non cale ante estas situacións que moitas das veces son froito do abuso, a falta de transparencia, a imposición e o engano dos que mandan e toman decisións respecto de nós. Calar, permitir, deixar que outros decidan e fagan por nós é apagar a luz da estrela e impedir que a mensaxe de Xesús, que é para tod@s, non só para os que mandan, dirixen, calle no noso corazón. Que na celebración dos Reis, o noso cofre estea cheo, non de ouro, incenso e mirra, senón de canto leva a que a xustiza agrome e a dignidade das persoas se respecte.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Co Deus que non exclúe a ninguén, senón que nos chama a respectar e aceptar que tendo unha mesma dignidade son múltiples as formas de vivila, digamos:
AXÚDANOS A CAMIÑAR ATA O PORTAL DE BELÉN
*        Para que no día da Epifanía, a Igrexa sinta que a universalidade da fe non está en impoñer os criterios do primeiro mundo, senón en integrar a pluralidade de visións, linguas e culturas, enriquecendo a mensaxe e facendo presente a Xesús e a súa Boa Nova no medio do mundo, OREMOS.
AXÚDANOS A CAMIÑAR ATA O PORTAL DE BELÉN
*        Polas nosas parroquias, para sempre esteamos dispost@s a agasallar a todas aquelas persoas que piden a nosa man, necesitan a nosa compaña ou agradecen a nosa visita, OREMOS.
AXÚDANOS A CAMIÑAR ATA O PORTAL DE BELÉN
*        Para que nós nos deixemos tamén iluminar pola estrela que nos marca o camiño no que se nos mostra que é mellor facer o ben que buscar o enfrontamento; que é mellor tratar de unir que crear fendas que separan; que é mellor tender pontes cos membros da familia dos que nos temos apartado, cos veciños ou cos amig@s, que construír muros que separan e illan, OREMOS.
AXÚDANOS A CAMIÑAR ATA O PORTAL DE BELÉN
Que esta nosa oración comunitaria nos axude a abrir os ollos e descubrir a estrela que nos guía polos teus vieiros de entendemento, solidariedade e xustiza. P. X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Señor, coma os Magos
queremos buscarte neste mundo insolidario e frío;
queremos atoparte nos barrios marxinais e nos arrabaldes;
queremos verte nas persoas que esta sociedade esconde e esquece;
queremos descubrirte nas persoas que non contan para os dominantes;
queremos acollerte nas persoas que non teñen o básico e necesario;
queremos darche unha aperta nos que viven nas tebras da desesperanza.
Nas persoas pobres e marxinadas de sempre,
nos emigrantes e parados sen horizonte;
nos drogadictos e alcohólicos sen presente;
nas mulleres maltratadas,
nos anciáns abandonados,
nos nenos indefensos,
na xente estrelada,
en todas as persoas feiras e abandonadas á beira do camiño...
queremos buscarte,
atoparte,
verte,
descubrirte,
acollerte
e abrazarte.

CANTOS

 PANXOLIÑAS


Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...