Ir al contenido principal

4 domingo TO B


UN CORAZÓN SEN DIVIDIR QUE SIRVA ÁS PERSOAS E NON AO PODER
Pórtico
A historia da Igrexa é longa e vén de moi atrás. Non xurde agora, senón que ten dous mil anos de historia; unha historia na que van aparecendo luces e sombras. Unha destas sombras que se repite moito é a da unión entre o poder e a acción da Igrexa, como se o seu fin fose crecer e desenvolverse como institución poderosa, rica e aliada cos que mandan. Inda que a realidade, considerada nunha visión ampla e verdadeiramente eclesial –a Igrexa somos tod@s–, non foi así, na súa cúpula, nos que mandan, podemos dicir que é verdade que sempre buscou ter poder, mandar, acumular capacidade de influencia. Porén, os textos que hoxe imos proclamar fálannos de que é necesario que o noso corazón estea sempre ao servizo das persoas, non do poder e dos que mandan. A autoridade da que nos fala Xesús non é a que se impón polas leis, as normas ou o control da conciencia, senón a autoridade de quen fala con liberdade, de quen busca a solidariedade, de quen se esforza por poñerse no lugar do outro, non para impoñer, senón para que ninguén teña que facer o seu camiño solo e abandonado de tod@s. Que a celebración que agora comezamos nos axude a descubrilo para que o poidamos logo vivir.
Perdón
  • Ti que nos ensinas que o Evanxeo é unha escola de servizo, non de poder e imposición, SEÑOR, OXALÁ ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
  • Ti que nos invitas a que as nosas palabras busquen unir e non enfrontar nin dividir, CRISTO, OXALÁ ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
  • Ti que non queres que deixemos que o noso corazón se divida e esqueza que o seu cometido é amar e acoller, SEÑOR, OXALÁ ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
 Remuíño
  • Onte, hoxe, tamén mañá, o Señor segue a suscitar profetas –homes e mulleres sen medo a actuar e dicir movéndose polos seus principios e a fidelidade a Deus e ás persoas-, que nos van lembrando cal é o noso camiño e como no noso xeito de actuar en moitas ocasións nos imos afastando da nosa relación con Deus e con canto El creou. O noso xeito de ver a vida, de reaccionar diante de diversas situación, de afrontar a busca de solucións e respostas diante dos problemas que van e nos van xurdindo, fai que moitas veces esquezamos o que é un sinal de identificación na nosa vida: a Palabra que Deus nos dirixe para facernos crecer como persoas e levarnos a estar a gusto coa nosa vida. Hoxe, coma onte, tamén como mañá, segue a haber persoas que co seu testemuño van poñendo de manifesto que é posible ser fiel ao proxecto de Deus, que paga a pena empeñarse nel e por el, que non andamos equivocados se queremos seguilo e convertelo en eixo da nosa vida. Profetas hainos, o que non hai é, moitas veces, disposición por parte nosa de prestarlles atención, de escoitalos, e de buscar onde están. E esa presenza é posible porque Deus non nos deixa, senón que terma de nós, como Pai/Nai agarimos@ que se preocupa polos seus fill@s. Que as palabras que saen da boca dos profetas sexan para nós alento no esforzo de recoñecer a presenza de Deus no noso mundo, e compromiso en canto nos faga persoas ás que o corazón non se lles divide entre a fidelidade ao poder e a dispoñibilidade ao servizo. Oxalá saibamos, tamén hoxe, escoitar a súa voz!.
  • Non ter o corazón dividido suponnos aos crentes ter sempre claro que a razón de ser do noso actuar, do noso abrirnos a ser xustos, solidarios, honestos... é non esquecer que só na persoa e desde a persoa se pode asentar –enraizar– a nosa convición relixiosa. Deus faise presente na súa totalidade, e sen división, na capacidade de amar onde descubramos o respecto aos demais. Unha capacidade que non debe xirar ao redor do que un ten ou de canto manda, senón en como serve, en como está dispoñible para compartir tempo, ilusións e capacidades con aquel@s aos que lles falte. Non ter o corazón dividido pide de nós mente aberta para non enredarnos en poder, dominio, prestixio ou autoritarismo, senón en esforzarnos por entender que servir non é servirse nin aproveitarse de ninguén, e menos dos máis débiles.
  •  Facer este proceso, que sabemos que non é doado, chámanos a poñer corazón e reflexión ao servizo de construír parroquias, barrios, familias... nas que os seus alicerces estean non na conta de resultados, senón na capacidade de non calar cando nos enganan, cando nos ocultan información fundamental, cando xogan con nós coma se fosemos números, cando... e sempre coa autoridade moral da que é capaz quen está convencido de que, inda que sexa política e socialmente correcto facelo así, non deixa que lle poñan mordaza nin tampouco queda sentado comodamente na súa cadeira vendo como ocorren as cousas e as sofren os que menos teñen e sen posibilidade de defenderse. Iso é autoridade moral. O contrario chámase autoritarismo. E este non era o que practicou Xesús. Non nos deixemos caer na alienación dos que nos queren facer crer que non pasa nada: que os ricos seguen a vivir ben, que consumen, gastan e disfrutan... e aos pobres non lles queda máis que velo e calar. Non, se nos rebelamos estamos a poñer as primeiras pedras para que as cousas cambien. Fagámolo desde a autoridade de Xesús!
Oración da comunidade
Porque queremos servir, e facelo convencidos de que a unión fai a forza, como comunidade dicímoslle ao Señor:
QUE A DESESPERANZA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN
·        Para que na Igrexa aprendamos a descubrir que só no servizo á persoa, e non ao poder, se nos descubre o rostro de Xesús nos irmáns e nas irmás, OREMOS
QUE A DESESPERANZA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN
  • Para que nas nosas parroquias nos esforcemos por deixar atrás os comentarios que tanto feren e separan, para empezar a poñer tempo e capacidade de facer cousas ao servizo de tod@s, OREMOS.
QUE A DESESPERANZA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN
·        Para que non caiamos na tentación do autoritarismo, senón que comecemos a crecer na pedagoxía da autoridade moral que cre o que fai e transmite o que vive, OREMOS.
QUE A DESESPERANZA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN
Señor, con confianza e co corazón sempre a aberto e sen exclusións, presentamos a nosa oración comunitaria. P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN
DECÁLOGO PARA UN COMPROMISO ÉTICO NO QUE QUEREMOS CONSTRUÍR:
1. Unha Ética da liberación, nun mundo dominado por múltiples e crecentes opresións.
2. Unha Ética da xustiza, nun mundo estruturalmente inxusto: ¡Actúa con xustiza nas relacións cos teus semellantes!.
3. Unha Ética da gratuidade, nun mundo onde impera o cálculo, o interese, o beneficio, o negocio: ¡Sé xeneroso!
4. Unha Ética da compaixón, nun mundo marcado pola dor e o sufrimento das vítimas: ten entrañas de misericordia! cos que sofren. Colabora a aliviar o seu sufrimento.
5. Unha Ética da alteridade, da acollida e da hospitalidade para cos estranxeiros, nun mundo que exclúe aos de fóra. A diferenza enriquécete.
6. Unha Ética da solidariedade, nun mundo onde impera o amigismo. Traballa por un mundo onde collamos todos e todas!
7. Unha Ética comunitaria e fraterna. Colabora na construción dunha comunidade de persoas iguais, non clónicas!
8. Unha Ética da paz, inseparable da xustiza, nun mundo de violencia estrutural causada pola inxustiza do sistema: Se queres a paz, traballa pola paz e a xustiza.
9. Unha Ética da vida, de todas as vidas, a dos seres humanos e a da natureza; da vida dos pobres e oprimidos, que se ve constantemente ameazada.
10. Unha Ética da incompatibilidade entre Deus e o diñeiro, nun mundo onde se compaxina facilmente a fe en Deus e a adoración aos ídolos.Comparte os bens!   
(Texto sobre unha idea de Koinonía)

CANTOS
ENTRADA: Camiñando pola vida
LECTURAS: Benaventurados
OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas
COMUÑÓN: Acharte presente

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...