Ir al contenido principal

27 domingo TO B


A SOLIDARIEDADE DE XESÚS FAINOS A TOD@S IGUAIS NA COMPLEMENTARIEDADE
Pórtico
Xesús é fonte de bendición para todo ser humano sen distinción de raza, cor, sexo, formación ou relixión. Esta bendición que nel recibimos fainos complementarios uns dos outros, xa que o que uns temos como limitación poden achegárnolo outr@s como complementariedade, de xeito que sempre nos necesitamos, á vez que evitamos caer na tentación de crernos superiores a ninguén. A fe pon de manifesto esta igualdade na complementariedade desde o mesmo xeito de facer e dicir de Xesús, para quen ser home ou muller non engade diferenza, tampouco superioridade, senón igualdade que enriquece desde a relación de uns cos outros. Mágoa que isto que para Xesús é pedra esquinal da súa proposta de salvación, os cristiáns, antes e agora, témolo esquecido moitas veces, dando lugar a diferenzas e enfrontamentos que nada reflicten o compromiso de ser as súas testemuñas no medio do noso mundo.
Que o que hoxe vimos compartir na celebración nos axude a descubrir que non son as palabras, senón os nosos feitos, o que dan credibilidade a canto nela comezamos agora a celebrar.
Perdón
  • Porque no noso día a día seguimos tendo prexuízos á hora de confiar e valorar que non é a discriminación, senón a igualdade a pegada que nos deixou Xesús, SEÑOR, AFÁSTANOS DE CANTO NOS ENFRONTA.
  • Porque nos custa aceptar que o seguimento de Xesús faise desde a igualdade de tod@s, sen distincións nin superioridades, CRISTO, AFÁSTANOS DE CANTO NOS ENFRONTA.
  • Porque á hora das responsabilidades seguimos lonxe do exemplo de Xesús, e non valoramos a complementariedade, SEÑOR, AFÁSTANOS DE CANTO NOS ENFRONTA.
Remuíño
  • A presenza do Espírito na vida das comunidades vainas conformando ao xeito de que nelas se faga presente o dinamismo, a audacia, a ilusión... sempre desde a esperanza, verdadeiro motor desde o que os cristiáns encaran a súa vida e o seu camiño; o camiño de ir mirando cara adiante e non ter medo a asumir retos novos e tarefas ilusionantes. Camiñar facendo sitio ao Espírito no desenvolvemento da vida das comunidades, lévanos a non quedarnos laiando polo que noutro tempo foi, tampouco nos invita a vivir nun presentismo sen saída nin avance cara diante, senón que nos impulsa, de xeito continuo e permanente, a facer do presente ámbito desde o que mirar ao futuro, sen esquecer nunca nin as raíces nin a identidade. Por iso falamos tanto, e con tanta forza, da importancia e do lugar do Espírito no quefacer cotián das nosas comunidades. Deixemos que ese Espírito reborde para que tamén a nosa vida sexa testemuño ilusionado do anuncio do Deus que salva!.
  • Deixarnos levar polo camiño que nos vai mostrando o Espírito, pide de nós superar actitudes de exclusión e rexeitamento dos que non pensan coma nós, ou teñen outros xeitos de facer as cousas. E iso é así porque o Espírito sopra de xeitos e maneiras diversos. Non é uniforme, tampouco nos chama á uniformidade, senón que nos abre a unha amplitude que sempre supón acoller, coñecer, abrir novos campos nos que evanxelizar, mostrar as múltiples e variadas maneiras de dicir si a Deus desde un mundo no que sobran os mestres: os que o saben todo, os que se consideran na verdade e na fidelidade ao dogma, os que non cansan de afirmar e reafirmar, ás veces, parece mesmo que con certa soberbia, que a única verdade é a deles, esquecendo que a Verdade é Deus, e desde El vaise despregando en tod@s aquel@s que nos consideramos imaxe e presenza súa. Sen exclusivismos e sen necesidade de que ninguén teña que ir fóra buscando o que nesta casa que chamamos comunidade cristiá, Xesús nos mostra constantemente o que podemos dar, ofrecer e compartir. Faltan moitos por vir, pero non sobra ninguén. A forza do Espírito ten que alentarnos e non deixar que cansemos na consecución desta tarefa.
  • E todo o anterior lévanos a entender mellor canto Xesús manifesta no Evanxeo que vimos de proclamar: a pluralidade existente dentro das comunidades é froito da complementariedade das persoas que as conformamos. Unha conformación na que homes e mulleres, en igualdade, imos construíndo, aportando, reflexionando e tomando decisións, sen que ninguén se crea superior ou inferior a ninguén. Somos iguais en dignidade e tod@s merecemos o mesmo respecto. Un respecto que non vén dado por ter esta ou aquela responsabilidade, que non poder nin imposición, senón por compartir que somos imaxe e semellanza de Deus. Isto lévanos a esforzarnos para non permitir nunca que actitudes de discriminación, non recoñecemento ou minusvaloración de quen posúe outro xénero, ou outra condición sexual, sirvan para ferir e facer dano, mesmo apartar ou ridiculizar de tarefas de responsabilidade e servizo na vida das comunidades. Tomar en serio que somos comunidade cristiá e espello a través do que mostremos que segue a ser posible vivir o Evanxeo de Xesús no mundo de hoxe, lévanos a buscar tender sempre cabos que acheguen e non redes que atrapen e afoguen aos que conformamos as nosas comunidades. Porque Deus téndenos o cabo para unir, que non sexamos nós os que non permitamos collelo a quen o queira, porque na Igrexa ninguén sobra, e tod@s somos importantes.

Oración da comunidade
Diante do Deus que nos crea iguais e corresponsables da vida e desenvolvemento do Evanxeo no noso mundo, presentamos entón a oración e dicimos:  
PORQUE AS COMUNIDADES SON PLURAIS, QUE VALOREMOS O TRABALLO DE TOD@S
  • Invítasnos, Señor, a vivir na pluralidade de modos, formas e xeitos de expresar e vivir a fe. Para que nunca adoptemos actitudes que separan e discriminan, OREMOS.
PORQUE AS COMUNIDADES SON PLURAIS, QUE VALOREMOS O TRABALLO DE TOD@S
  • Chámasnos a que fagamos das nosas comunidades parroquiais fogares onde saibamos escoitarnos, acollernos e perdoarnos. Para que nunca fagamos oídos xordos á túa chamada, OREMOS.
PORQUE AS COMUNIDADES SON PLURAIS, QUE VALOREMOS O TRABALLO DE TOD@S
  • Queres que as nosas actitudes sexan cribles superando a tentación do quedar ben ou facer cousas sen sentilas. Para que saibamos potenciar na vida de cada día, desde a familia, os barrios, as parroquias e o traballo todo canto supoña unir e colaborar, OREMOS.
PORQUE AS COMUNIDADES SON PLURAIS, QUE VALOREMOS O TRABALLO DE TOD@S
Señor, que esta oración que hoxe compartimos nos axude a vencer prexuízos, para poder camiñar sempre na igualdade e a colaboración de tod@s. P.X.N.S. Amén.
Reflexión
Pensei e recei,
temín darche as chaves do meu corazón.
Seguín pensando e rezando,
seguín vivindo,
e por fin dei o paso
e entregueiche as chaves do meu corazón.
Mais
toda a miña loita foi en vano,
ti non querías as chaves.
Volvíchesmas dar,
e dixéchesme:
Ti es o dono,
manda e goberna.
Eu estou contigo.
(Manolo R., As chaves do corazón, en Chorimas, 63 )
Cantos
  • ENTRADA: Amigos nas penas
  • LECTURAS: Canta o sol
  • OFERTORIO: Gracias, Señor, na mañá
  • COMUÑÓN: Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...