Ir al contenido principal

Bautismo do Señor

COMPRACID@S EN XESÚS POR TERNOS ABERTO A PORTA DA SALVACIÓN

Pórtico
Invítanos o salmo a proclamar, non só coa boca senón tamén co corazón, que o Señor bendinos a tod@s coa paz. Paz como desexo, paz como tarefa, paz como compromiso de tod@s, paz como camiño para o entendemento, paz... sempre a paz como guieiro das nosas vidas. É a paz que Deus nos invitou a construír desde o día do noso bautismo, para que a presenza do Espírito se vaia mostrando na nosa vida e comecemos a sentir a súa forza á hora de actuar, de comprometernos, de ir dando razón da nosa esperanza. É a paz que nos trae tamén a oración que por nós compartiron pais e padriños o día do noso bautismo; unha paz que, desde a perspectiva do camiño iniciado no comezo do Advento ao ir presentando os grandes textos do Concilio Vaticano II, nos pide hoxe que canto de gozo e renovación aportou o Concilio, non o esquezamos nin o deixemos esmorecer. Ao contrario, na celebración de hoxe invítasenos a que tomemos conciencia do que supón e significa ter recibido o bautismo desde o noso ser Igrexa no medio do mundo. Que os compromisos bautismais sexan sempre lembranza da tarefa que temos por diante: facer da Igrexa comunidade de comuñón renovada e guiada pola esperanza vivida no medio do mundo, sen deixarnos levar nin polo medo nin pola rutina.

O PERDÓN
ð  Por non acabar de descubrir que a oración ten que ser motor, impulso e alento no noso vivir cotián, SEÑOR, RENÓVANOS CO TEU ESPÍRITO.

ð  Porque nos poden máis os costumes que a coherencia entre a fe e a vida, CRISTO, RENÓVANOS CO TEU ESPÍRITO.

ð  Porque o noso madurar na vida non sempre vai acompañado do noso madurar na fe, SEÑOR, RENÓVANOS CO TEU ESPÍRITO.
 

REMUÍÑO
ü  Como Xesús, tamén nós recibimos o bautismo. Non foi este un simple botarnos auga por riba da cabeza, senón un sinal dunha incorporación plena ao proxecto de Deus; o proxecto que nos sinala desde o principio como membros participantes e protagonistas da súa presenza no medio do mundo; un proxecto no que o Espírito é impulso renovador da esperanza e de unión ao mundo e ás persoas; un proxecto no que óleo e crisma son non só recendo externo, senón incorporación plena de toda a nosa persoa ao plan de Deus. Por iso é tan importante crecer como Igrexa coñecendo que é e significa pedir, libre e voluntariamente, o sacramento do bautismo, sen deixarnos levar de tradicións, costumes ou ritos. Bautizarse é optar por atoparse con Deus como compañeiro na viaxe que cada un/ha de nós vai facendo ao longo da súa vida. Unha viaxe que iniciamos no momento no que, nós ou os nosos pais e padriños, responden á invitación que nos fai Xesús de seguilo coa petición do bautismo. Esta acción supón a nosa incorporación a un proxecto que está rexido polo amor, a tolerancia e a tarefa de facer agradable e xusta a vida dos demais e do mundo no que vivimos. Bautizarse é todo o contrario do enfrontamento, a inxustiza, o abuso, a destrución do planeta... porque seguir a Cristo non se reduce a facer prácticas de piedade dentro dos templos, senón que consiste en vivir o seu proxecto de salvación alí e desde onde esteamos. E como ben sabemos, non podemos separar a nosa vida en comportamentos illados uns dos outros. Nós somos sempre os mesmos, sen separacións, cando traballamos, estamos coa familia, visitamos aos amigos, acompañamos a un enfermo, axudamos a quen nos necesite ou recemos na igrexa. O bautismo incorpóranos a un proxecto que é integral, e non pode separarse, como se cada cousa non tivera que ver con outra. Ata que non entendamos isto e o comecemos a vivir, faremos ritos externos, pero estaremos moi lonxe do que Xesús pensou, entendeu, viviu e nos deixou como tarefa aos seus seguidores.

ü  Por iso, hoxe, na celebración do bautismo de Xesús, é unha boa ocasión para analizar canto fomos mostrando e explicando ao longo do Advento e Nadal sobre o que significou e quixo o Concilio, é dicir a renovación. Só unha Igrexa, e polo tanto, uns cristiáns que saben o que son e ao que os chama a súa fe, poden entender o esforzo do Concilio por achegarse aos problemas (gozos e esperanzas) das persoas en cada momento da historia para aportar a súa pequena dose de esforzo e esperanza. Só unha Igrexa, e polo tanto uns cristiáns, capaces de entender que a Biblia é Palabra viva e eficaz (alma e fonte da vida cristiá) poden entender a necesidade de coñecela, proclamala ben, rezar desde ela, e buscar nela fondura e razóns para estar no mundo con actitude activa e transformadora da nosa vida e da sociedade, a través da que Deus se vai revelando. Só unha Igrexa, e polo tanto uns cristiáns, capaces de entender por que o que vivimos debemos celebralo, compartilo e agradecelo (Eucaristía como fonte e cume), entenderemos a importancia da renovación litúrxica, que non foi un simple cambiar de lugar o altar, ou entender o que facía o cura, senón que con eses cambios chamábasenos a entrar en relación cun Deus que é misterio e presenza que non se esgota no aparente, senón que nos trascende. En fin, só unha Igrexa que ten entendido todo isto, é capaz de descubrir por que somos comunidade, sacramento universal de salvación e pobo de Deus que manifesta a presenza de Aquel, que sendo de condición divina, non tivo reparo de ser un coma nós, e asumir a nosa condición limitada e fragmentada.

ü  A todo isto nos invita a celebración de hoxe, dedicada, desde o bautismo do Señor, a reflexionar sobre as razóns e os por qué do noso propio bautismo. Fagamos un esforzo por entendelo, reflexionalo e vivilo.


ORACIÓN DA COMUNIDADE

Coma no día do bautismo de Xesús, tamén nós, Pai, queremos que a auga do sinal da cruz sexa sinal viva da presenza do Espírito, por iso dicimos:

PAI, QUE NOS DEIXEMOS ACOMPAÑAR DO ESPÍRITO

û  Para que na Igrexa sexamos sempre conscientes de que o que rezamos, dentro ou fóra do templo, ten que ir acompañado cun xeito de actuar que nos faga sentir que somos Pobo de Deus e sacramento de Salvación para os irmánse as irmás, OREMOS.

PAI, QUE NOS DEIXEMOS ACOMPAÑAR DO ESPÍRITO

û  Porque nas nosas comunidades esquecemos moitas veces que non se pode celebrar a fe se non estamos dispostos a participar compartindo gozos e esperanzas, tristuras e angustias dos homes e mulleres do noso mundo: os parad@s, os enferm@s, os entritecidos, os desilusionad@s, @s enganad@s, OREMOS.

PAI, QUE NOS DEIXEMOS ACOMPAÑAR DO ESPÍRITO

û  Para que fagamos o esforzo de atender á proclamación da Palabra nas celebracións e nos comprometamos a coñecela máis e mellor, de xeito que poidamos aprender a vivila coa forza, ilusión e esperanza coa que o fixeron tantos homes e mulleres que coma nós recibiron a forza do bautismo para facer o ben no medio do mundo, OREMOS.

PAI, QUE NOS DEIXEMOS ACOMPAÑAR DO ESPÍRITO

Pai, que esta oración comunitaria sexa sempre expresión do que sentimos, do que nos preocupa e da confianza que en ti poñemos para acompañala. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
            Señor, sabemos que a vida humana , o tempo humanizado, o tempo de calidade, non é outra cousa que o intento de responder a esa interpelación, e dicir en cada momento: “aquí estou, presente, contigo, vivo, para ti, para os irmáns...”, porque cada instante é un mundo, e , por iso, cada cousa ten o seu tempo.

            Sabendo estar ao lado de quen sofre, se sente só, está desacougado, non atopa horizonte na vida... temos tamén que aprender a manexar o tempo. Un tempo que temos que aprender a recoñecer como limitado. E como di o refrán, “en cada tempo, o seu tento”. Por iso non temos tempo que perder, e si que compartir, ofrecer, alentar, acompañar... deixándonos guiar pola luz do Espírito. Ese Espírito que pousou en nós o día que botaron sobre a nosa cabeza a auga que acompañaron tamén da invocación ao Pai e a ao Fillo.

Que a forza recibida ao ser acollidos na fe, faga do noso tempo, calidade, escoita, silencio, encontro, e sobre todo e con todo: amor. Amén.

CANTOS
*    ENTRADA: Camiñarei
*    LECTURAS: A auga do Señor
*    OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
*    COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...