Ir al contenido principal

Lecturas 2 Domingo Tempo Ordinario C


PRIMEIRA LECTURA

Lectura do libro do Profeta Isaías Is 62, 1-5
Por amor de Sión non calarei, por amor de Xerusalén non acougarei, ata que rompa coma o día a súa xustiza, e alume coma unha lámpada a súa salvación. Os pobos verán a túa xustiza e tódolos reis a túa gloria, chamaráseche cun nome novo, que a boca do Señor pronunciará. Serás coroa preciosa na man do Señor, diadema rexia na man do teu Deus.

Non se che volverá a chamar "Abandonada", nin á túa terra "Desolada". A ti han chamarche "Miña predilecta", e á túa terra "Desposada", porque o Señor comprácese en ti, e a túa terra vai ter esposo. Como casa un mozo cunha virxe, casa contigo o teu Constructor. O gozo que sente o noivo pola noiva, sentirao o teu Deus por ti.

SALMO RESPONSORIAL Sal 95, 1-2a. 2b-3. 7-8a. 9-10a e c


R/ (3): Anunciade ante tódolos pobos as marabillas do Señor.

 Cantádelle ó Señor un cántico novo,
cantádelle ó Señor, a terra enteira;
cantádelle ó Señor, bendicide o seu nome.


Pregoade tódolos días a súa salvación.
Anunciade entre as xentes a súa gloria;
ante tódolos pobos, as súas marabillas.


Tributade ó Señor, pobos todos,
tributade ó Señor honor e forza,
tributade ó Señor a gloria do seu nome.
 

Adorade o Señor no adral sagrado,
trema na súa presencia a terra enteira.
Dicide entre as xentes:
"O Señor é rei, el goberna os pobos rectamente".

SEGUNDA LECTURA

Lectura da primera carta do Apóstolo san Paulo ós Corintios 1 Cor 12, 4-11

Irmáns: Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servicios, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que realiza todo en todos. A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común. A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito; a aqueloutro o mesmo Espírito concédelle fe.
A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don dunha mensaxe inspirada; a outro, discernimento de espíritos. A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber traducir esas linguas. Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular, como a El lle parece.

Lectura do santo Evanxeo segundo Xoán Xn 2, 1-11


Naquel tempo, houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús.
Tamén foi convidado Xesús e mailos seus discípulos ó casamento. Chegou a faltar o viño e a nai de Xesús díxolle: - Non che teñen viño. Replicoulle Xesús: - Muller ¿que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.
Súa nai díxolles entón ós servidores: - Facede o que el vos diga. Había alí seis tinas de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ó pé de cen litros cada unha. E ordenoulles Xesús: - Enchede de auga as tinas. Eles enchéronas de todo. Díxolles entón:
- Collede agora e levádelle a proba ó mestresala.
 
Eles levárona. E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onda viña (os servidores si que o sabían, que eles colleran a auga) falou co noivo e díxolle:
- Todo o mundo pon de primeiras o viño bo e, cando xa están bébedos, o máis cativo; ti, en troques, deixáche-lo viño bo para agora. Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos.

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...