Ir al contenido principal

5 domingo TO C


NON HAI XUSTIZA SEN IGUALDADE 
(CAMPAÑA DE MANS UNIDAS, XORNADA CONTRA A FAME)
PÓRTICO
Nas comunidades cristiás, o segundo domingo de febreiro é o día no que celebramos a Campaña da Fame. Chegado este día, Mans Unidas, a ONG católica que traballa no mundo máis empobrecido, dirixe un lóstrego ás nosas conciencias para que non esquezamos que o mundo non remata nin na nosa parroquia, nin no noso concello nin no noso continente. Máis alá das fronteiras que os seres humanos temos establecido para dividirnos, érguese unha mensaxe que nos urxe a vivir de verdade e plenamente o que significa a nosa catolicidade: non somos só para o noso recuncho e para os nos@s, senón para todas as persoas.

O lema deste xornada número cincuenta e catro é “Non hai xustiza sen igualdade”. Mans Unidas quere sensibilizar e actuar sobre a promoción da igualdade entre sexos e a autonomía da muller, denunciando as graves discriminacións que sofren elas en temas coma asistencia sanitaria, acceso á educación e ao traballo ou alimentación e que as fan máis vulnerables diante da pobreza e a ataques á súa integridade física, psíquica e moral.  

Que a celebración que agora comezamos nos abra o corazón para descubrir que só pode haber un desenvolvemento xusto, unha orde equilibrada, se hai iguais posibilidades de participar. Todos, homes e mulleres, temos unha mesma dignidade e xunt@s temos que colaborar na construción da civilización do amor.

O PERDÓN
§      Porque seguimos tentando pescar coas vellas redes do cumprimento, da imposición, da obediencia cega e do autoritarismo, en vez de cambialas polas redes evanxélicas da coherencia, do compromiso, do testemuño e do amor, SEÑOR, ENDEREITA O NOSO RUMBO.
§      Porque son demasiadas as ocasións nas que na nosa Igrexa facemos distingos por mor do xénero, non valorando o traballo silencioso, eficaz e discreto das mulleres, CRISTO, ENDEREITA O NOSO RUMBO.
§      Por non ter querido vencer os prexuízos que nos levan a xustificar a violencia, a opresión a marxinación e o silencio ao que se ven abocadas tantas mulleres do noso tempo, SEÑOR, ENDEREITA O NOSO RUMBO.

REMUÍÑO
ö  A campaña de Mans Unidas deste ano céntrase na promoción da igualdade entre xéneros e a autonomía da muller. Quere ser unha chamada á conciencia da sociedade para que defenda o desenvolvemento integral de cada persoa, home ou muller, e o exercicio de todos os seus dereitos fundamentais, pisoteados en moitas partes do mundo, pois son numerosos os países nos que a muller padece unha grave desigualdade e é vítima da violencia física, sexual e psicolóxica. En pleno século XXI, parece mentira que as mulleres non teñan acceso á cultura, que se abandonen ou maten ás nenas recén nacidas, que mulleres e nenas sexan vítima do tráfico de persoas, que moitas nenas sexan casadas na infancia, que elas non teñan os mesmos dereitos sanitarios que os varóns, que non poidan acceder a un traballo digno... 

ö  A fe universal que confesamos chámanos a abrirnos á solidariedade cos máis empobrecidos e excluídos. Mellor dito, chámanos a traballar pola xustiza, porque a xustiza entendida como dar a cadaquén aquilo que precisa para desenvolverse como persoa ten que estar na base da solidariedade. E por moi mal que esteamos no noso primeiro mundo, que neste momento si o estamos, máis alá del, hai millóns de persoas, moitas delas con rostro e nome de muller, que seguen a padecer as consecuencias da fame: falta de alimentos, ausencia dunha sanidade que poida chegar a tod@s e non sexa excluínte, falta de vivenda, non acceso á educación, e moitas outras carencias, fannos pensar que moito máis alá do que alcanzan a ver os nosos ollos, hai vida, mellor, hai vidas. E nunha gran maioría están en situación límite, de precariedade.... polo simple feito de ter nado mulleres. 

ö  Por todo isto, non está de máis que, sen deixar de pensar no que está a acontecer no primeiro mundo, poñamos os ollos o corazón, e por que non, tamén algo da nosa carteira, ao servizo dos que nada ou pouco teñen. Falar de xustiza é doado; vivila, pola contra, supón convición, capacidade de renunciar a outras cousas que nos gustarían e apertura ao principio fundamental no que se sostén a mensaxe cristiá: somos fill@s de Deus, e polo tanto irmáns e irmás, iguais. Porque contra todo o que puideramos pensar, unha das novidades máis radicais do anuncio cristián é a igualdade entre home e muller. Nunha sociedade coma a xudía, na que a muller pertencía ao grupo d@s marxinad@s, Xesús amosa sempre un corazón quente, unhas altas miras, un amor que non entende de diferenzas de xénero. Entre o grupo dos discípulos había varias mulleres. Os evanxeos fálannos de numerosos encontros de Xesús con persoas do xénero feminino: a pecadora pública, a samaritana, Marta e María, a muller cananea... En todos os casos achégase a elas coa mesma sinxeleza e naturalidade coa que se achega aos homes. Podemos dicir nós o mesmo?. Seguimos empeñad@s en considerar ás mulleres o sexo débil?. Botaremos as redes da marrullería só para ningunear, manipular, silenciar e abusar?. Seremos capaces de seguir excluíndo a cantas non elixiron ser pobres e mulleres, e rezando a Deus como se non pasara nada?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, unha vez máis, invítasnos a facer vida a túa mensaxe. Queremos responder á túa invitación desde a xustiza e a igualdade, por iso che dicimos:
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
o   Pola Igrexa, que formamos tod@s nós, para que descubramos que a fe non é excluínte nin se pode impoñer, senón que hai que ofrecela desde o respecto a todas as persoas, independentemente do seu xénero, e desde a fidelidade á mensaxe de Xesús, e non a unhas frías formulacións teolóxicas, OREMOS.
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
o   Por todas as persoas que teñen responsabilidades nos diversos eidos: político, cultural, económico, eclesial... para que traballen polo desenvolvemento de todas as persoas e de todos os pobos da terra, buscando sempre a xustiza, que non se pode dar sen a igualdade, OREMOS.
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
o   Para que nas nosas familias, nos nosos barrios, nas nosas comunidades, na nosa sociedade, saibamos valorar, agradecer e potenciar o traballo, moitas veces calado e sempre eficaz de tantas mulleres que con ilusión entrega o seu tempo, a súa colaboración, a súa voz, OREMOS.
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
o   Por todas as persoas que se atopan en situación de sufrimento: enferm@s, sen teito, parad@s, humillad@s, discriminad@s por calquera causa... para que o consolo de Deus e a nosa axuda as faga saír da súa pobreza, OREMOS.
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
o   Para que en todos os pobos, homes e mulleres poidamos traballar en igualdade de condicións, dereitos e oportunidades ao servizo da civilización do amor, OREMOS.
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
o   Hoxe, na nosa oración queremos pedir por todas as mulleres que en calquera parte do mundo son explotadas, silenciadas e ninguneadas por mor do seu xénero. Para que nunca pechemos ollos, oídos e corazón diante dos seus berros e da súa desesperación, OREMOS.
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
o   Por cada un e cada unha de nós, para que nunca esquezamos a igualdade é un dos alicerces da xustiza, OREMOS.
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA CUMPRIR A TÚA VONTADE
Grazas, Señor, por invitarnos hoxe a reflexionar sobre a importancia do traballo das mulleres na nosa sociedade, unha sociedade que queremos xusta e, polo tanto, de iguais. P.X.N.S. Amén

PARA A REFLEXIÓN
Señor, que fixeches ao home e á muller
iguais en dignidade, dereitos e deberes,
á vez que os fixeches diferentes e complementarios,
para que xuntos humanicen o mundo,
facéndoos colaboradores teus na creación.

Mira o noso mundo dividido e ferido,
no que a muller aínda é discriminada,
por leis, costumes e actitudes inxustas;
onde millóns de mulleres son explotadas e marxinadas,
polo sensentido de ser mulleres.

Mira o noso mundo.
Dálle siso e xustiza
para que nunca máis se discrimine á muller;
e xuntos, homes e mulleres,
construamos un mundo de igualdade
no que todos poidamos gozar da vida.

Señor, dános a túa forza e a túa coraxe
para rebelarnos diante das inxustizas,
especialmente desta presente en medio mundo.

Que axudemos ás mulleres
mentres traballamos por conseguir leis xustas,
que permitan vivir en igualdade
a todos os homes e as mulleres da terra.

CANTOS
*    ENTRADA: Vinde axiña
*    LECTURAS: Eu soñei
*    OFERTORIO: Todos xuntos
*    COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...