Ir al contenido principal

4 pascua C

Ao pe do teu caxato sentín o meu sosego


PÓRTICO
CONFIANZA. Esta podería ser a palabra que mellor define e se achega a este tempo de Pascua e á celebración deste terceiro domingo pascual. Confianza en Deus por riba das desconfianzas que nos fan sentir os que falan, din e se manifestan coma os seus representantes e para os que non hai sosego -senón moitas valgadas sombrías-, para os que todo son males, desconfianzas, condenas e imposicións. A pesares deste xeito de actuar por parte dos que queren seguilo sendo pastores das comunidades ás que están chamados a servir, o Deus que en Xesús vence á morte, segue a dicirnos que nesas valgadas sombrías nas que todo parece saír mal, El nin se esquece nin se vai: está, permanece, continúa á nosa beira. É o único e verdadeiro Pastor.

Que nesta mañá que nos reunimos para escoitar, compartir e celebrar a confianza en Cristo Pastor, renovemos o noso compromiso de manter sempre firmes as nosas conviccións e a nosa esperanza, unidos a aqueles que, na súa pequenez e limitación, dan o mellor de si para que as comunidades ás que acompañan e serven sentan, gocen e descubran a presenza da mensaxe do Resucitado non de palabra, senón no actuar confiado, ledo e sinxelo ao servizo da nova creación á que Cristo resucitado nos abre e ensina a continuar.

O PERDÓN
ö Bendito, Xesús Resucitado, que como Pastor bo, non nos abandonas á nosa sorte, SEÑOR, QUE NON PERDAMOS A CONFIANZA EN TI.

ö Bendito, Xesús Resucitado, que como Pastor bo, non queres que aniñen en nós a desconfianza e o afán de dominio sobre os demais, CRISTO, QUE NON PERDAMOS A CONFIANZA EN TI.

ö Bendito, Xesús Resucitado, que como Pastor bo, non queres que agromen na nosa vida nin manipulación nin o engano cara aos demais, SEÑOR, QUE NON PERDAMOS A CONFIANZA EN TI.


REMUÍÑO

û  O cuarto domingo de pascua celebramos o día do Bo Pastor. Esta celebración é sempre unha chamada a tod@s @s cristiáns, pastores ou non, para que dirixamos a nosa mirada ao interno das nosas comunidades e reflexionemos de que maneira estamos vivindo o compromiso adquirido no bautismo de ser testemuñas de Xesús confesando a fe na resurrección, desde o noso actuar cotián alí onde desenvolvemos as nosas tarefas laborais, familiares, sociais e tamén eclesiais. É un bo momento para preguntarnos de que xeito asumimos e tomamos en serio a afirmación que tantas veces dicimos: Cristo é o noso guieiro e a nosa esperanza. El é o noso Pastor, a quen seguimos na súa persoa e na súa mensaxe. Pero este noso seguimento non é algo teórico e desconectado do que cada día facemos desde que nos erguemos ata que nos deitamos. Todo o contrario. Afirmar que Cristo é o noso Pastor debe enchernos da responsabilidade de actuar sempre téndoo a El como referencia do que facemos. E isto atínxenos a tod@s, non só a aqueles que un día foron ordenados para o servizo das comunidades. Así, tamén aos segrares lles corresponde o seu labor de facer que quen os preside o faga con criterios evanxélicos, de servizo, de entrega xenerosa, humilde e sinxela..., afastados do foco do “estrellato“ no que moitas veces teñen/mos caído. E aquí, por calar, por permitilo, por criticar e non actuar, tod@s, segrares tamén, temos parte de culpa. Xa é hora de deixar de estar como cristiáns obedientes e calados, namentres o actuar dos nosos pastores se vai afastando do proxecto evanxelizador de Xesús. O pastor, como non o era Xesús, non é un burócrata nin unha persoa que busca medrar e ascender no escalafón eclesial como se fose un “yupi con alzacuellos”; todo o contrario, quen queira ser pastor ha aprender a estar con quen sufre, visitar a quen está enfermo, consolar a quen se sente triste, defender a quen non é respectado nos seus dereitos. Nunha palabra, utilizando unha expresión do Papa Francisco na Misa da consagración do Crisma no día de Xoves Santo, os que queiran ser pastores da Igrexa teñen que deixar os despachos, os pazos e as alfombras vermellas, para “cheirar como as ovellas”. É dicir, para estar ao lado daqueles aos que din servir, polos que din preocuparse e nos que, desde o desenvolvemento do seu ministerio sacerdotal, descobren a presenza de Xesús poñendo o seu corazón, as súas mans, o seu tempo e o seu saber facer ao dispor de cant@s o necesiten. Os pastores das nosas comunidades non poden formar un aparte do resto dos membros das mesmas. Han ser sinxelos, humildes e sempre esperanzados. Non poden ser os cartos, o poder ou o “status” o que guíe as súas vidas. Por iso é tan importante que a celebración deste día a comprendamos e vivamos co corazón, cantos nos chamamos e sentimos cristiáns, xa que a nosa tarefa non está unicamente en colaborar e participar nas celebracións, nin tampouco se pode reducir a criticar o que os pastores fan, senón en abrir a man e colaborar con eles para que se fagan máis humanos, cercanos e sensibles aos problemas das súas xentes. Tal e como Xesús invitou a vivir aos que estaban dispostos a seguilo. Se renunciamos a isto e non os axudamos, non temos ningún dereito nin a criticalos nin a pedirlle que fagan o que nós non somos capaces de axudarlles a descubrir.

û  Os textos que acabamos de proclamar márcannos con claridade que este é o camiño que debemos seguir. O testemuño e o esforzo de tantos pastores que, en diferentes momentos da historia da Igrexa pero tendo sempre como guieiro ao Pastor Xesús, foron poñendo de manifesto que é posible vivir un ministerio sacerdotal en actitude de servizo, no medio dos “gozos e esperanzas, das tristuras e angustias” das persoas que conformaban as comunidades. Hoxe mesmo, tamén é posible facelo se tod@s, pastores e comunidades, sabemos estar á altura do que a sociedade e as persoas que a conforman nos piden que sexamos. Xa quedan moi atrás os tempos dos pastores soberbios, autoritarios, mando e pensamento único, movidos pola taxa dun servizo relixioso, prestado moitas veces de xeito rotinario e sen capacidade de expresar a transcendencia de relación con Deus e a paixón e o amor pola que viven, senten e sofren aquel@s aos que din servir. Porque os pastores non poden ser nin profesionais nin funcionarios, senón servidores dispostos a transmitir a alegría e a esperanza de saber que Cristo é resposta e a súa mensaxe, camiño. Neste día renovemos a nosa confianza en Deus, espertemos do sono que nos leva a criticar, pero non a colaborar, e traballemos xunt@s para ser comunidades vivas e ledas, que testemuñan coa súa vida e o seu facer, que seguir a Cristo paga a pena.

û  Neste camiño de esperanza, Xesús, Bo Pastor, é sempre compañeiro para que sexamos capaces de pasar de ser comunidades de conservación, tristes e consumidoras de ritos, a ser comunidades vivas desde as que somos capaces de compartir a alegría de renovarnos para que a forza da mensaxe de Xesús chegue con ollos sempre abertos, proxectos novos e renovadores á nosa sociedade tan de volta de todo diante da frustración e o engano dos poderosos.
 

RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS

Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:

·        Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?. Si, creo.

·        Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus?. Si, creo.

·        Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, enfortecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo?. Si, creo.

·        Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz?. Si, creo.

·        Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí e agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte?. Si, creo.

Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Co Señor, Pastor bo e xeneroso, compartimos agora a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s:
QUE SINTAMOS O GOZO DA TÚA PRESENZA
*       Para que en todas as comunidades cristiás gocemos de pastores sinxelos, cercanos, ledos e abertos a tender a man a quen o necesite, OREMOS.

QUE SINTAMOS O GOZO DA TÚA PRESENZA

*       Para que saibamos acoller con alegría, alentar con esperanza e animar con participación aos pastores das nosas comunidades parroquiais, OREMOS.

QUE SINTAMOS O GOZO DA TÚA PRESENZA

*       Para que a Igrexa non esqueza nunca que o servizo dos seus pastores esixe estar sempre ao lado de quen sufre, de quen se sente excluído, de quen está necesitado de que o escoiten e lle tendan unha man; e non ao lado de quen oprime, explota e ten poder, OREMOS.

QUE SINTAMOS O GOZO DA TÚA PRESENZA

Pastor bo e xeneroso, que entre tod@s os que conformamos as comunidades cristiás, saibamos recuperar a frescura da fe que nos invitas a vivir con humildade, sinxeleza e sentido participativo e comunitario. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN 
A Igrexa necesita pastores–Cristo, por iso lle pedimos ao “dono da mes para que envíe obreiros a súa mes”. Os pastores han identificarse en todo con Cristo Pastor

·        Facéndose pobres e desprendidos, con Cristo empobrecido, a fin de poder evanxelizar aos pobres.

·        Facéndose humildes, con Cristo humillado e servidor, para estar máis preto dos débiles e pequenos.

·        Facéndose misericordiosos, con Cristo compasivo, para estar máis abertos nas miserias humanas.

·        Facéndose pacíficos, con Cristo Paz, pata chegar a ser instrumentos de reconciliación.

·        Facéndose limpos de corazón, con Cristo transparencia divina, para poder descubrir as presenzas de Deus.

(Caritas, Yo creo, yo espero...en el amor. Cuaresma e Pascua, p.191)

 

CANTOS
*    ENTRADA: O Señor é o meu Pastor
*    LECTURAS: Cantádelle ao Señor
*    OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
*    COMUÑÓN: No colo de miña nai

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel