Ir al contenido principal

5 Pascua C

CANDO O AMOR NON É O EIXE, AS PERSOAS NON SON O CENTRO DA ACCIÓN PASTORAL

PÓRTICO
Paz e ben ao comezo desta nova celebración do tempo de pascua. A paz que nos deixou Xesús e que, non sen dúbidas, acabaron crendo e acollendo os discípulos. Hoxe tamén nós somos invitados a seguir sendo construtores de paz alí onde esteamos. Paz que une, paz que acompaña, paz que escoita, paz que constrúe xustiza, paz convertida en camiño de seguimento. Tamén ben. Ben para poder sorrir co irmán, ben para sacar adiante novos proxectos, ben para non desesperar fronte ás dificultades, ben para que o irmán non sexa algo, senón alguén querido por Deus e dignificado polo actuar dos irmáns, que busca humanizar e agarimar.
Que a celebración de hoxe nos alente e encamiñe na busca desta paz e deste ben.
 

O PERDÓN
  • Para que non deixemos que os nosos corazóns se pechen á paz e ao ben que nos trae Xesús, SEÑOR, QUE NON DECAIAMOS NO CAMIÑO.
  • Para que aprendamos a vivir o amor desde o encontro con quen puidera necesitarnos, CRISTO, QUE NON DECAIAMOS NO CAMIÑO.
  • Para que non nos deixemos levar do individualismo que nos fai preguiceiros e nos pecha ao comunitario, SEÑOR, QUE NON DECAIAMOS NO CAMIÑO.

REMUÍÑO
*       A vida é un irse construíndo desde binomios que se encontran na complementariedade e o enriquecemento mutuo. Uns binomios que falan de paz e ben, perseveranza e fortaleza, oración e confianza, e cos que cada un de nós vai conformando a vida. Neste domingo, a duplicidade de perspectivas preséntannolas as lecturas que acabamos de ler, desde as que somos invitados a fixarnos e a recoñecer a necesidade de aprender a camiñar polos vieiros da vida mirando non só cara adiante, senón tamén para os lados. É nas beiras onde podemos atoparnos con persoas, situacións e vivencias que non adoitan saír nin nos medios de comunicación nin nos consellos de goberno das grandes corporacións empresariais. Nas beiras vai quedando quen se ve reducido a un dato estatístico, a unha cifra, a un número, para así facernos esquecer que detrás deses números, cifras e datos están persoas; na maioría dos casos persoas necesitadas, angustiadas, soas, enganadas ou manipuladas por quen pode e sabe. Diante disto a palabra de Deus que hoxe acabamos de escoitar fainos unha chamada de atención para que non perdamos o norte, para que saibamos mirar a un lado e a outro e así atoparnos con quen poida necesitarnos, ou con quen necesitemos atoparnos. E faino invitándonos a aprender a estar no mundo con:

§  Perseveranza e fortaleza, para non virnos abaixo, para non deixarnos vencer diante dos problemas e dificultades e insistir unha e outra vez ata ser capaces de descubrir un chisco de esperanza, por pequeno que sexa...aínda que ás veces nos resulte difícil. E isto non se pode facer sen perseveranza, sen insistencia, sen fortaleza. A fe quere ser esa fortaleza que non deixa que nos veñamos abaixo.  

§  O comunitario e a confianza: Os primeiros cristiáns descubriran o importante que era saberse membros dunha comunidade, compartir ideais, proxectos e metas. Por iso sempre buscan a compaña e a axuda da comunidade. Fano así porque estaban abertos á confianza que descubriran en Xesús; unha confianza que buscaban reflectir nas súas relacións duns cos outros. Que mellor que aproveitar esta invitación ao comunitario para que revisemos a nosa actitude neste sentido e con respecto á confianza nos demais. Quen é capaz de fiarse recibe o tesouro da amizade dos que tamén se fían del. 

§  O amor aos demais, que nos fai iconas do Resucitado. Neste binomio, Xesús quere deixarnos claro que só quen é capaz de amor, de verdade e sen rebaixas, pode entender o sentido e a importancia do comunitario, da confianza, da perseveranza e da fortaleza. Esforcémonos por deixar atrás a memoria de “peixe“, e recuperemos a importancia de coñecer o pasado, vivir no presente e proxectarnos para ir construíndo, sen medo nin nostalxia de nada, o futuro.

 
RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:

·        Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?. Si, creo.

·        Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus?. Si, creo.

·        Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, enfortecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo?. Si, creo.

·        Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz?. Si, creo.

·        Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí e agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte?. Si, creo.

Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Compartamos agora, sabendo da importancia da perseveranza, a fortaleza e a vivencia comunitaria da fe, a oración que nos invita a amar a Deus aprendendo a amar aos irmáns, e digamos:

QUE PERSEVEREMOS NO AMOR

û  Que aprendamos a descubrirnos como Igrexa universal que sabe atopar a urxencia do amor e do traballo a prol do irm@n, desde o concreto de cada Igrexa local que se reúne, comparte e reza comunitariamente, OREMOS.

QUE PERSEVEREMOS NO AMOR

û  Que aprendamos a descubrirnos como comunidade fiel que camiña na confianza e na perseveranza, sabendo estar ao lado do veciñ@, do amig@, ou do familiar que está a pasar por un mal momento e necesita do noso tempo, OREMOS.

         QUE PERSEVEREMOS NO AMOR

û  Que aprendamos a descubrir na nosa vida o sentido ledo, misericordioso, esperanzado e solidario da fe, que nos ha levar sempre a humanizar a realidade na que esteamos e a traballar pola xustiza, OREMOS.

QUE PERSEVEREMOS NO AMOR

Grazas, Señor, por invitarnos a non perder a memoria da nosa vida, persoal e comunitaria, e lembrala para seguir facendo gozo da fe recibida no bautismo. P.X.N.S. Amén.

 

PARA A REFLEXIÓN

O amor é sempre novo

û  se é coma a neve: cae suavemente e sen facer balbordo

û  se é coma a auga: por onde pasa, xera vida

û  se é coma a lúa: ofrece luz na escuridade

û  se é coma o sol: quenta a todas as persoas por igual

û  se é coma as estrelas: guía nas dificultades

û  se é coma a terra: xermola cando se sementa

û  se é coma Xesús: gratuíto, inmenso e universal

û  se é coma o Espírito: sopra suavemente e en todas as direccións

û  se é coma Deus: ama sen distingos

û  se é coma María: está ao pé da cruz e á porta da Resurrección

û  se é coma a Pascua: anuncio de vida.


CANTOS

§     ENTRADA: Camiñarei na presenza do Señor

§     GLORIA

§     LECTURAS: Douvos un mandado novo

§     OFERTORIO: No colo da miña nai

§     COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...